xoves, abril 16, 2009

Esquerda Unida presenta 7 alegacións ao prego de condicións da contratación do Servizo de Axuda no Fogar

Tags

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
15 de abril de 2009 18:15


Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo o comunicado do Grupo Municipal en relación coas alegacións presentadas os pregos do servizo de axuda no fogar. xunto as alegacións presentadas no Rexistro do Concello. Grazas pola vosa atención. Un saúdo, Ramiro Marier

Ferrol, 15 de abril de marzo de 2009

  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA PRESENTA UNHA BATERÍA DE ALEGACIÓNS AO PREGO DE CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
  • UN MEIRANDE CONTROL PÚBLICO DO SERVIZO, A MELLORA DAS CONDICIÓNS LABORAIS DAS TRABALLADORAS E O PULO NA PRESTACIÓN DO SERVIZO, EIXOS DA PROPOSTA DE ESQUERDA UNIDA
O Grupo Municipal de EU presentou no día de onte, 14 de abril, un conxunto de 7 alegacións ao prego de contratación do Servizo de Axuda no Fogar, que ao xuízo da nosa organización supoñen unha mellora certa das condicións nas que se vai prestar un servizo de especial relevancia pola súa importancia para a veciñanza de Ferrol canto pola contía que comporta a prestación deste servizo, que excede os dous millóns de euros anuais.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida entende que as achegas presentadas supoñen incrementar o grao de transparencia pública e control do contrato, buscando que xunto a isto se produza unha mellora na prestación do servizo da man da contratación de empresas con solvencia neste campo sensible das políticas de benestar social e dependencia.

As propostas do Grupo Municipal inciden en conquerir unha mellora certa das condicións laborais nas que prestan o servizo as traballadoras do mesmo.

Tamén se propoñen cautelas para que diante dun alza na contía no pago desta contratación sexa o Pleno o que autorice incrementos nunha partida que importa por riba dos dous millóns de euros.

Escrito de Alegacións:

Yolanda Díaz Pérez, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, en relación coa contratación do Servizo de Axuda no Fogar presenta as seguintes

ALEGACIÓNS:

I.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida interesa que, no punto 1 do prego de cláusulas administrativas particulares para a contratación do Servizo de Axuda no Fogar ( ( Obxecto do contrato ), se reduza o número de contratistas que nun número de até 8 contémplase para a atención as persoas que teñan recoñecido o dereito ao servizo de axuda no fogar polo Sistema Galego de Atención á Dependencia, no chamado LOTE 1 – Grupo A.

O noso Grupo Municipal pregúntase polo fraccionamento desta contratación, xa que entendemos que a unidade da contratación nunha soa podería favorecer a solvencia da empresa concesionaria, porque sendo esta maior poderá garantir unha meirande calidade no servizo e nas condicións laborais dos e das traballadoras que o presten. De feito no LOTE 2-GRUPO B a contratación recaerá nun só contratista.

II.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida interesa a modificación da fórmula recollida no punto 1º ( Obxecto do contrato ) que refire que os criterios para a asignación de persoas usuarias a cada contratista serán en primeiro lugar a elección da persoa usuaria... O Grupo Municipal de EU entende que teñen que ser as administracións públicas as que determinen de xeito obxectivo os criterios para a atención das e dos usuarios, de xeito que se evite calquera arbitrariedade ou favoritismo.

III.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera necesario que no punto tres do prego de cláusulas administrativas particulares do devandito Servizo se recolla un solo mínimo por prezo/hora que vaian percibir as e os traballadores que presten este servizo, porque na redacción actual a referencia prezo/hora fíxase nunha cantidade que non especifica as retribucións d@s traballador@s, ao incluír todos os gastos do contratista. Na actualidade abóase 4,5 euros por hora traballada a cada traballadora cando a cantidade que se recolle no prego fíxase nun caso en 13,50 e noutro, 12,00 euros. No que atinxe ao solo mínimo das retribucións por hora traballada cómpre actualizar as retribucións das e dos traballadores para mellorar as súas condicións salariais e de traballo.

IV.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida interesa unha nova redacción do parágrafo antepenúltimo do punto 3 ( presuposto máximo de licitación ) no que se compute como tempo de traballo o dos desprazamentos aos enderezos dos beneficiarios do Servizo como tempo de traballo na prestación do Servizo de Axuda no Fogar.

V.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida estima necesario modificar o número de horas da xornada mínima que o prego sitúa en 30 horas mensuais. O Grupo Municipal de EU solicita que se recolla como xornada mínima o consignado no convenio colectivo de Galicia para a actividade de axuda a domicilio, que no seu artigo 10 sinala que a xornada será de 37 horas semanais.

VI.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida interesa a modificación do punto que valora a oferta económica. No prego consígnase que a puntuación máxima para o apartado da garantía de contratación mínima de persoal será de 15 puntos. A relevancia deste apartado para garantir a calidade de servizo é de semellante importancia que ao noso entender autoriza a modificación da puntuación asignada para incrementala.

VII.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera necesario correxir a redacción do punto ( aboamento dos servizos ) no que se residencia na Xunta de Goberno a capacidade de aprobar incremento ou modificación algunha nas cantidades aprobadas para a atención do servizo. Esquerda Unida entende que a redacción debe facer recaer a competencia para autorizar calquera modificación no Pleno do Concello, dada a situación minoritaria na que se atopa o Goberno Municipal.
____________

3 comentarios

Por coherencia o Grupo municipal de Esquerda Unida non debera actuar unilateralmente ao marxe dos acordos do seu Consello Local. Esquerda Unida, que eu sepa, agás cando non conven aos seus cargos públicos independentes, Yolanda e Cía, debera alegar a prol de Servizos Públicos ao 100 %, e non entrar no xogo, dos pregos e clausulas de concesións administrativas. Non se pode xogar a propmeter ata meter . . . ou ben se se xoga, que se ateñan ás consecuencias (eleccións autonómicas 09, nos concellos de Ferrol, Narón e Fene). Privatizar servizos públicos é privatizar os recursos públicos e socializar a precariedade. O seguimento dos servizos públicos e a súa trasparencia, participación, en mans privadas, é máis dificil que se son públicos. As empresas só buscan o beneficio económico aconta do recorte de prestacións de servizo, precariedade laboral, etc. esto é de libro. Non se pode ser alternativa xogando ao mesmo xogo que os outros. Yolanda e Allegue (e Cía) facedelle un favor último a EU-IU e o PCG, DEMITidE dunha vez.

Se Touriño, e Quintana, demitiron, non entendo porque, Yolanda ainda non o fixo. É que en EU-IU, cando se comete un erro, repitese infinitas veces? A sí, é verdade, cando un comete un erro, non acude aos Consellos Locais, cala unha semana, ou así e logo volta con un pacto con PSOE e BNG, e unhas alegacións na privatización dun Servizo Público.

Ningunha privatización máis, goberne quen goberne!


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon