mércores, abril 01, 2009

Moi Actual

Só con 12 anos, Severn Suzuki [*], o 3 de Xuño de 1992, cun grupo de amigas do colectivo que facia pouco formaran, ECO -Environment Children Organization-, achegaron-se até Rio de Janeiro desde Vancouver -Canadá- , máis de 11.000 km de travesía, para facer chegar a súa voz a mandatarios do mundo, congregados con motivo da celebración do chamado Cume da Terra - "The Earth summit" auspiciado pola ONU. A súa voz soou así:

Discurso de Severn Suzuki no Cume de Medio Ambiente e Desenvolvemento "The Earth Summit", celebrada pola ONU en Río de Janeiro en 1992.



[Transcrición do discurso]

Ola, son Severn Suzuki e represento a ECO -Environmental Children's Organization-. Somos un grupo de rapazas e rapaces de 12 e 13 anos de Canadá intentando lograr un cambio: Vanessa Suttie, Morgan Geisler, Michelle Quigg máis eu. Recadamos nós mesmas o diñeiro para vir aquí, a cinco mil millas, para dicirlles a vostedes, adultos, que deben cambiar a súa forma de actuar. Ao vir aquí hoxe, non teño unha axenda secreta. Loito polo meu futuro.

Perder o meu futuro non é como perder unhas eleccións ou uns puntos no mercado de valores. Estou aquí para falar no nome de todas as xeracións por vir. Estou aquí para falar na defensa dos nenos famentos do mundo cuxos choros seguen sen oírse. Estou aquí para falar polos incontábeis animais que morren neste planeta porque non lles queda ningún lugar onde ir. Non podemos soportar non ser escoitados.

Teño medo de tomar o sol debido aos buracos na capa de ozono. Teño medo de respirar o aire porque non se que sustancias químicas hai nel. Adoitaba ir pescar en Vancouver, o meu fogar, co meu pai, até que fai uns anos atopamos un peixe con cancro. E agora oímos que os animais e as plantas se extinguen cada día, e desaparecen para sempre.

Durante a miña vida, soñei con ver as grandes mandas de animais salvaxes e as xunglas e fragas repletas de paxaros e bolboretas, mais agora pregúnto-me se existirán sequera para que os meus fillos ou fillas os podan algún día ver.

Tiveron que preguntarse vostedes estas cousas cando tiñan a miña idade?

Todo isto ocorre ante os nosos ollos, e seguimos actuando coma se tivésemos todo o tempo que quixésemos e todas as solucións. Son só unha nena e non teño solucións, mais quero que se dean conta: vostedes tampouco as teñen.

Non saben como arranxar os buracos na nosa capa de ozono. Non saben como devolver os salmóns a augas non contaminadas. Non saben como resucitar un animal extinto. E non poden recuperar as fragas que antes crecían onde agora hai desertos.

Se non saben como arranxalo, por favor, deixen de estragalo.

Aquí, vostedes son seguramente delegados de gobernos, xente de negocios, organizadores, reporteiros ou políticos, pero en realidade son nais e pais, irmás e irmáns, tías e tíos, e todos vostedes son fillos eou fillas.

Aínda son só unha nena, e sei que todos somos parte dunha familia formada por cinco mil millóns de membros, trinta millóns de especies, e todos compartimos o mesmo aire, auga e terra. As fronteiras e os gobernos nunca cambiarán iso.

Aínda son só unha nena, e sei que todos estamos xuntos nisto, e debemos actuar como un único mundo tras un único obxectivo.

Estou enfadada, pero non estou cega; teño medo, pero non me asusta dicirlle ao mundo como me sinto.

No meu país malgastamos tanto? Compramos e refugamos, compramos e refugamos, e aínda así, os países do Norte non comparten cos necesitados. Até tendo máis que suficiente, temos medo de perder as nosas riquezas se as compartimos.

En Canadá vivimos unha vida privilexiada, plena de comida, auga e protección. Temos reloxos, bicicletas, ordenadores e televisión.

Fai dous días, aquí en Brasil, sorprendémo-nos cando pasamos algún tempo cuns nenos e nenas que viven na rúa. E un deles díxonos: "Desexaría ser rico, e se o fose, daría a todas as crianzas da rúa comida, roupa, medicamentos, un fogar, amor e afecto".

Se un neno da rúa que non ten nada está desexoso de compartir, por que nós, que o temos todo, somos tan codiciosos?

Non podo deixar de pensar que esas crianzas teñen a miña idade, que o lugar onde naces marca unha diferenza tremenda. Eu podería ser un desas crianzas que viven nas favelas de Río; podería ser unha nena morréndose de fame en Somalia; unha nena vítima da guerra en Oriente Medio, ou un esmoleiro na India.

Aínda son só unha nena, e sei que se todo o diñeiro que se gasta en guerras utilizásese para acabar coa pobreza e buscar solucións ambientais, a Terra sería un lugar marabilloso.

Na escola, ata no xardín de infancia, ensínannos a comportarnos no mundo. Vostedes ensínannos a non pelexar con outros, a arranxar as cousas, a respectarnos, a emendar as nosas accións, a non ferir a outras criaturas, a compartir e a non ser codiciosos.

Entón, por que fóra de casa dedícanse a facer as cousas que nos din que non fagamos?

Non esquezan por que asisten a estas conferencias: fano porque nós somos os seus fillos. Están decidindo o tipo de mundo no que creceremos. Os pais deberían poder confortar aos seus fillos dicindo: "todo vai saír ben", "isto non é o fin do mundo" e "estámolo facendo o mellor que podemos".

Pero non creo que poidan dicirnos iso nunca máis. Estamos sequera na súa lista de prioridades? O meu pai sempre di: "Es o que fas, non o que dis".

Bo, o que vostedes fan faime chorar polas noites. Vostedes, adultos, din que nos queren. Os desafío: por favor, fagan que as súas accións reflictan as súas palabras.

Grazas.


[*] Severn Cullis-Suzuki naceu e criouse en Vancouver, Canadá. Aos nove anos (mentres asistía á escola primaria) fundou a Organización Infantil do Medio Ambiente (Environmental Children's Organization - ECO), un grupo de nenos dedicados a ensinar a outros mozos diversos temas sobre medio ambiente. En 1992, á idade de 12 anos, Suzuki-Cullis recadou diñeiro cos membros da ECO para asistir ao Cume de Medio Ambiente e Desenvolvemento "The Earth Summit", celebrada pola ONU en Río de Janeiro. Xunto cos membros do grupo (Michelle Quigg, Vanessa Suttie e Morgan Geisler), Cullis-Suzuki presentou en devandita conferencia, ante os representantes da ONU, un discurso contendo cuestións ambientais desde a perspectiva dos mozos, onde logo da súa lectura por ela mesma foi aplaudida. En 1993 foi recoñecida no Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente -Global 500 Roll of Honour-. En 1993, Doubleday publicou o seu libro Dicirlle ao mundo, 32 páxinas de medidas ambientais para as familias. En 2002 se graduó da Universidade de Yale cunha Licenciatura en Ecoloxía e Bioloxía Evolutiva. En 2004 inscribiuse nun curso de posgrao na Universidade de Vitoria para estudar Etnobotánica con Nancy Turner [Fonte: Wikipedia].
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon