20 de abril de 2009. A fusión coas áreas de urbanismo e infraestruturas dilúe o medio ambiente na administración galega, subordinándoo a outras políticas. Osos e asfalto, dunas e cemento nunca fixeron boa veciñanza. Con esta medida, o Sr. Feijoo desdí a Fraga cando instituiu esta consellaría, e equipárase ao governo estatal que hai un ano, fusionaba medio ambiente, agricultura e pesca. Dende ADEGA vemos como un paso atrás na protección ambiental a desaparición desta área como tal: medio ambiente debería manter competencias independentes, tal como recomenda o Consello de Europa, como contrapeso ás áreas máis economicistas. Coma no estado, semella que en Galiza a natureza vai ser tamén outra vítima máis da crise.
As políticas medioambientais deberían ser consideradas como de interese público de primeira orde, en concordancia coas evidencias que apontan, á (i)responsabilidade de moitos governos na loita, por exemplo, contra o cambio climático. Políticas territoriais insustentábeis, urbanismo depredador e grandes infraestruturas, son moitas veces causa da rápida degradación dos hábitats, da deterioración dos recursos naturais e da perda da identidade cultural de moitos pobos.
Neste marco de crise e degradación ambiental sen precedentes, o governo galego, como antes o español, navega a contracorrente actuando de xeito irresponsábel ao misturar as competencias de protección ambiental coas políticas que máis impactos causan. A transversalidade do desenvolvemento sustentábel non consiste en meter nun mesmo saco as competencias ambientais coas de áreas moitas veces antagónicas, caso de política teritorial e infraestruturas, que teñen ademáis un considerábel peso político-eleitoral.
Dende ADEGA contemplamos con pesimismo esta remodelación, máis ainda cando o novo titular destas áreas, o Sr. Hernández, ten un expediente aberto na Xunta por presunto incumprimento da Lei de Incompatibilidades, logo da súa etapa como Director Xeral de Obras Públicas no último governo Fraga e alto executivo dunha construtora. Alén máis, podemos agardar obxectividade e sensibilidade ambiental cando o responsábel das infraestruturas ten que asinar tamén as declaracións de impacto ambiental?
E como vai quedar o Plano do Litoral? Que hai da ampliación da Rede Natura? Que vai pasar co novo Plano de Residuos e que papel xogará SOGAMA? Seguirán sendo o ladrillo e o asfalto dogmas de fe inamovíbeis? Estas son as primeiras cuestións que dende ADEGA lle presentaremos ao Sr. Hernández nunha solicitude de entrevista urxente. Moito terá de amosar o novo conselleiro para facer esquecer a sensación de ser o raposo coidando das pitas...
Con todo, dende ADEGA desexamos sorte na súa andaina ao Sr. Hernández, ofrecéndolle a nosa colaboración e lembrándolle a nosa intención de seguir defendendo o medio ambiente galego como vimos facendo dende hai 33 anos.
ADEGA - Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza | ||||||||||||||
|
Delegación de ADEGA - Trasancos
Centro Cívico de Caranza [na nosa delegacion], Avda Castelao s/n. Ferrol
Noso Apdo Correos 481 . 15480 Ferrol
Telefones:
Nés - 649779774
Suso L Piñeiro - 639288263
Antonio 625878352
Antón Muñiz 663304110
Na web de ADEGA, mais información da nosa Delegación:
Web de Adega - Trasancos
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon