luns, abril 20, 2009

É oficial unha lingua na cal unha empresa che pode dicir que non te podes expresar?

Tags

Por Carlos Callón
20/04/2009

Esta longa pregunta é o subtítulo do artigo desta semana en Galicia Hoxe.

Cantas veces quen queremos exercer como galegas e galegos, tamén na fala, nos achamos con situacións desagradábeis nas que empresas das que somos clientes nos instan a utilizar o castelán, de forma directa ou de forma sibilina, como se o natural fose termos que abandonar o noso idioma en determinadas xestións?

Cómpre tamén, neste aspecto, desmontarmos os argumentos falaces e demagóxicos das campañas galegófobas. Porque hai moitas persoas que queremos poder vivir en galego e tamén temos dereitos.

Con todos os dereitos

É oficial unha lingua na cal unha empresa che pode dicir que non te podes expresar?

Un dos eixos das campañas galegófobas camufladas de bilingüistas foi falar da “imposición del gallego en las empresas”, presentando un escenario de edénica liberdade comercial e empresarial que só pretendían romper os “impositores”. Por unha banda, criticaron a posibilidade de que o bipartito lle dese protección xurídica ao galego neste sector (para igualalo co castelán) e, pola outra, inventouse unha suposta liña de coaccións e ameazas por parte da Mesa pola Normalización Lingüística a comercios que non utilizan o galego.

Semella sarcasmo

Falar de imposición do galego neste sector entra de cheo no sarcasmo e debería facer enrubiar a quen diga tal cousa en alto. Calquera persoa que dea un paseo por calquera lugar de Galiza poderá ver o discriminadísimo que está o castelán. A realidade, a pesar de tantas mentiras repetidas, é que non hai nin tan sequera unha mínima correspondencia entre o número de persoas que usan o galego no seu día a día e os niveis de utilización deste idioma nos sectores industriais, comerciais e financeiros, especialmente nos usos considerados máis formais, como a rotulaxe ou a publicidade. Así mesmo, tampouco existe unha consciencia sobre a existencia de dereitos lingüísticos neste ámbito, que se deben garantir e respectar.

A pesar do dito polo novo presidente da Xunta no seu debate de investidura, as persoas que queremos vivir en galego tamén temos dereitos individuais. Aínda que non se note porque non podemos exercelos, si, temos dereitos lingüísticos individuais. Os poderes públicos deberían encargarse de garantilos e non de negalos e dificultalos. Esta última é a incívica proposta do novo mandatario de Galiza, que non cansa de camuflala entre citas poéticas e cínicas alusións á “liberdade” e ao “bilingüismo”.

Ameazas e difamacións

Carlos Negreira, o portavoz do PP na Coruña, inventou o ano pasado que A Mesa enviara 500 cartas “ameazantes” a empresas desa cidade. Desde a asociación retouse a que se mostrase unha soa desas supostas misivas, mais ningunha apareceu, porque tales comunicacións sinxelamente non existiron. Mais o bulo continuou collendo a forma de lenda urbana potenciada por algúns medios. Mesmo unha asociación creada para atacar o galego se puxo en contacto por escrito con todas as empresas radicadas nese concello para advertilas da posibilidade de recibiren escritos da Mesa. Estaba servida a creación fantasiosa e difamatoria dunha asociación radical, agresiva e malencarada con actuacións case mafiosas para “impor” o galego.

A verdade é que desde esa entidade cidadá, desde A Mesa, si se enviaran cartas, mais en absoluto ameazantes, a empresas que discriminaran a traballadoras/es ou clientas/es por usaren o galego, en situacións que calquera persoa cun mínimo espírito cívico rexeita sen dubidar. Por exemplo, o caso do xefe de sección que insultou a unha traballadora de Carrefour coa denigrante frase “¡Burra, no hables lenguas menores!” (e tras cuxa denuncia a empresa anunciou a adopción de medidas), a pediatra do Hospital Modelo que recriminou a unha nai e o seu fillo coa frase “A mí no os dirijáis en gallego” ou o caso da Imprenta Porvén da cidade herculina, que cobraba un sobreprezo no caso de que os traballos se solicitasen en galego. No último caso, A Mesa tivo coñecemento a través de dúas comunicacións: primeiro, dunha parella que quería realizar o convite de voda e, despois, dunha familia que quería facer o recordatorio da Primeira Comuñón. En ambas as situacións, o prezo incrementábase por quereren usar o galego, como se a tinta fose máis cara por utilizaren este idioma.

Son os tres antes citados casos de vulneración de dereitos lingüísticos individuais recoñecidos polas propias empresas e que non suscitaron ningún tipo de medida nin acción por parte do PP, sempre tan preocupado en levar ao Parlamento e á axenda mediática casos de supostas carencias de liberdade para usar o español. Estas tres situacións producíronse nos últimos meses, en pleno século XXI, e son mostras de que é necesaria a adopción de medidas por parte dos poderes públicos.

Nesa mesma liña de diagnose e propostas de acción ía tamén o Plan xeral de normalización da lingua galega, que temos que lembrar que foi aprobado no anterior mandato do PP e coa unanimidade de todo o Parlamento galego. No Plan fálase da necesidade de potenciar as axudas económicas directas ás empresas para a promoción do galego, algo que non debe ser coa idea de que as subvencións se eternicen, senón para facilitar a tradución e posta en andamento da actividade na lingua do país.

Recoñecer dereitos

Outra das medidas do Plan aprobado por PP, PSOE e BNG é promover unha iniciativa lexislativa que recoñeza mellor os dereitos lingüísticos dos consumidores e usuarios. Nese xusto camiño estaban dúas propostas legais realizadas polo bipartito mais que o adianto electoral impediu que chegasen a ser promulgadas, tras un longo proceso de negociación entre as dúas forzas que sustentaban o goberno. Estas mudanzas lexislativas corrixirían unha discriminación tamén comparativa. O galego é a única lingua do Estado que carece dunha regulación que impida a súa exclusión no sector comercial e empresarial, por exemplo sinalando que debe estar presente nalgúns espazos ou que ao menos determinados estabelecementos deben ter persoal capacitado para atender ao público en galego. O PP gobernou nas Illes Balears cunha lexislación que sinala iso para o catalán.

Falaba Alberto Núñez Feijóo de dereitos lingüísticos individuais. Pois resulta que as medidas que por aí se encarreiran son xustamente para garantir dereitos lingüísticos individuais non só para as persoas que queiran desenvolver a súa vida en castelán, senón tamén para quen, lexitimamente, quere poder vivir en galego, algo que non lle fai dano nin prexudica a ninguén.

Servizos públicos

Hoxe non está garantido que unha persoa poida realizar con normalidade as xestións empresariais máis habituais sen ter que renunciar ao uso do galego. Nin tan sequera na maioría dos servizos públicos. Iso é algo que constatou tamén o Consello de Europa no seu último informe sobre a situación lingüística en Galiza. Cómpre lembrar que a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias sinala que servizos como a telefonía, ou o fornecemento de electricidade e gas, tanto se son proporcionados polo Estado como se se trata de concesións ou autorizacións administrativas, deben ter cláusulas de dereitos lingüísticos, nomeadamente garantindo a atención ao público e a facturación en galego.

Porén, na actualidade tamén a maioría dos servizos públicos vulneran tales dereitos individuais. Son moi pouquiñas as compañías telefónicas que ofrecen servizo en galego e nalgún caso ofréceno nunha situación de franca precariedade: a algunhas horas e con escasísimo persoal. A día de hoxe, mesmo hai empresas gasísticas que non recoñecen a validez dos escritos en galego e que obrigan a que a clientela que chama ao servizo de apoio ao cliente teña que expresarse exclusivamente en castelán.

Non sería lóxico, xusto e o máis democrático que estivese regulada e garantida a opción de poder comunicarse e recibir información tamén en galego nestes casos? Pódese considerar que realmente é (co)oficial unha lingua na cal unha empresa che diga que non te podes expresar se queres recibir o correspondente servizo? Por que as persoas que queremos vivir en galego non temos garantidos eses dereitos lingüísticos individuais? Estas son algunha preguntas que Alberto Núñez Feijóo non formula e que cómpre que nos fagamos.

Fonte: O Blog de Carlos Callón
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon