Por Helena González Fernández [*]
20.04.2009
Como esta semana é a Diada de Sant Jordi ou, traducido, o Día do Libro, voulles contar tres historias: unha policíaca, unha satírica e mais outra de ficción xornalística. Son tres narracións entre a ficción e a realidade e as tres empezan igual. Un experto que traballa en Norteamérica…
… vinculado ás universidades da outra banda do Atlántico e entendido en asuntos culturais, viaxa a Europa, a un país situado nun dos recantos da Península Ibérica, para investigar un caso. Apareceu unha víctima. A morta é a lingua dese país ibérico. O experto bota a andar as súas investigacións para coñecer as razóns que provocaron esa morte violenta e levaron, logo, á desaparición do idioma. Só queda unha única testemuña viva dese crime. Trátase da última persoa que fala esa lingua, un escritor. O experto vido de Norteamérica comproba que está a sufrir acoso inmobiliario. O propietario do resto do edificio quéreo botar do seu propio piso e faille a vida imposible para que lisque de alí. O escritor, a última persoa que fala esa lingua, renuncia ás comodidades e aos diñeiros que lle daría mudar de casa e deixar de escribir no seu idioma. Terá sentido ese sacrificio?
Un experto que traballa en Norteamérica… nesa grande metrópole que é Nova York, vai e cadra nun acto oficial cun alto cargo dese país situado nun dos recantos da Península Ibérica, que seica anda por Manhattan co obxectivo de promover as virtudes e marabillas da capital do seu país. A delegación vai e métese nun lío mais o experto norteamericano consegue zafar o asunto. En agradecemento o alto cargo convénceo para que veña pasar unha tempadiña canda el, e non pode evitar verse metido nun entramado escuro con fondo de corrupción.
Un experto que traballa en Norteamérica… entendido en asuntos culturais, viaxa a Europa e volve ao seu país, situado nun dos recantos da Península Ibérica, para conmemorar os trinta anos da independencia. O experto entrevístase con persoas reais e coñecidos da política, a historia, a industria, a cultura, o xornalismo, e con todo ese material escribe unha crónica que lle permite tomar conciencia de como se construíu aquela comunidade, das posibilidades da súa economía, da singularidade da súa cultura, da puxanza da súa lingua e sente que está a compartir a ledicia da independencia.
Non, non se trata de tres parábolas de política galega. Sonlles as sinopses de tres das novelas catalás máis promocionadas neste Sant Jordi, ficcións cun pé na realidade para pensar en tempo presente Cataluña: L’últim home que parlava català de Carles Casajuana, Amb ulls americans de Carme Riera e Crònica de la independència de Patrícia Gabancho. Como cren vostedes que rematan as tres novelas? E que final cren que lles poría o experto vido de Norteamérica para lidar cos asuntos de Cultura e o Turismo galegos do novo Goberno, Roberto Varela? Boa semana e boas lecturas.
Fonte: Das orixes de marzo
helenagonzalez@ub.edu
[*] Helena González Fernández (Comesaña-Vigo, 1967) é profesora titular de literatura galega e investigadora do Centre Dona i Literatura na Universidade de Barcelona. Entre os seus traballos recentes cómpre salientar Palabras extremas: escritoras gallegas e irlandesas de hoy (Netbiblo, 2008), coordinado con Manuela Palacios, a edición do inédito Más allá del tiempo de María Mariño (Alvarellos, 2007), Elas e o paraugas totalizador. Escritoras, xénero e nación (Xerais, 2005), así como artigos nos volimes colectivos Escrituras de la sexualidad (Icaria, 2008), Políticas del deseo (Icaria, 2007) e Escrita e mulleres. Doce ensaios arredor de Virginia Woolf (Sotelo Blanco, 2003). Forma parte do consello de redacción do Anuario de Estudos Literarios Galegos e é codirectora de Lectora. Revista de Dones i Textualitat. Colabora como crítica literaria na revista Grial e no Diario Cultural.
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon