Rede "Galiza Non Se Vende" 24.04.2009
O 16 de Abril o Parlamento galego xurdido das últimas eleccións autonómicas investiu a Nuñez Feijóo como novo presidente da Xunta. De novo o PP volta gobernar Galiza. A Rede GNSV, formada na lexislatura que acaba e moi crítica co goberno saínte, desexa posicionarse publicamente a respecto do período que se abre coa maioría absoluta do Partido Popular.
A Rede Galiza Non Se Vende naceu en Novembro de 2007 como evolución da Rede Litoral Vivo, constituída en Febreiro do mesmo ano por diferentes colectivos ecoloxistas e sociais. A Rede GNSV xurdiu estando PSdeG-PSOE e BNG no goberno galego fronte a unhas políticas e prácticas ambiental e socialmente destrutivas, para defender un ordenamento territorial baseado na sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social.
Do Parlamento electo nas pasadas eleccións autonómicas sairá un novo goberno, máis, moi probablemente, debido á xa coñecida traxectoria do PP, non á mudanza de rumo que este país e todo o mundo necesita para saírmos da acumulación de crises que alimentamos e padecemos. Se o bipartito foi continuísta, do novo goberno e Parlamento, qué podemos agardar? E se nos guiamos polo labor do PP no goberno e na oposición, polo feito por PSdeG-PSOE e BNG durante esta lexislatura, polo discurso dos tres durante a campaña, e polas declaracións que vén facendo o novo presidente da Xunta… a situación é preocupante.
A Rede Galiza Non Se Vende olla con preocupación as declaracións que Alberto Núñez Feijoo vén realizando. Se grande é o seu desprezo pola lingua, que rexeitamos, maior aínda semella a súa falta de respecto pola terra. Todo indica que o novo goberno autonómico, escudado na crise, non se vai limitar a continuar coas políticas destrutoras do territorio senón que procederá ao seu endurecemento, sen corrixir as prácticas recentemente denunciadas polo Informe Auken no Parlamento Europeo, e empeorando con isto a xa grave situación ambiental e social, local e global.
Evidentemente a razón de ser de GNSV non desaparece coa mudanza de goberno. A Rede continuará a traballar por unha terra viva e unha vida digna para tod@s e farao goberne quen goberne, por iso continuaremos a esixir que se deteña a destrución do territorio e que este se ordene de forma democrática, participativa e seguindo criterios de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social.
Asfalto e formigón non son progreso. O tixolo e a marbellización do litoral galego non fan parte da solución, están no cerne do problema. A acuicultura industrial destrúe a terra e o mar. Os recheos nas rías estragan a riqueza natural destas. A minaría a ceo aberto erosiona a biodiversidade e mata o medio rural. Os portos deportivos indiscriminados alteran as correntes e destrúen recursos pesqueiros… As políticas de destrución ambiental e social son absurdas e suicidas, por moito que haxa quen se lucre con elas.
Goberno e Parlamento deberían comezar a lexislatura non atacando a nosa lingua e a nosa cultura senón comprometéndose á prohibición, de facto, de construír a 500 metros da costa e impedindo o emprego especulativo do territorio.
Completando de xeito efectivo e racional o saneamento integral e o tratamento de residuos urbanos do 100% da poboación galega.
Ampliando a superficie natural protexida e dotando de contido real ás diferentes figuras de protección, e respectando tamén paisaxe e patrimonio.
Promovendo o aforro enerxético, implementando redes de carrís bici, promocionando o transporte colectivo intermodal e de proximidade, e paralizando infraestruturas elitistas e agresivas como o AVE. E establecendo unha moratoria a novas autovías, das que Galiza posúe un quilometraxe por habitante moi superior á media española e europea.
Retirando as industrias perigosas e contaminantes e normativizando o seu troco cara a tecnoloxías limpas e sen riscos en espazos axeitados.
Respectando de xeito estrito a abundante lexislación e facilitando, en fin, a participación e libre expresión da cidadanía, tal como esixen as leis, e rendendo contas sen agardar aos resultados dunha nova consulta dentro de catro anos.
A grave crise mundial na que estamos inmers@s non é só económica e financeira senón tamén de modelo de desenvolvemento e enerxética. Se lle engadimos os negativos e irreversibles impactos do cambio climático, a única alternativa posible é un xiro radical que aposte firmemente por un decrecemento racional.
É necesario mellorar e desenvolver redes de transporte público de proximidade; a autosuficiencia, o aforro e a eficiencia enerxética cara ao emprego dun 100% de enerxías renovables e á progresiva eliminación do uso das que non o son; un urbanismo racional que contemple as necesidades reais de vivenda e solo industrial e unha atención máxima polo medio natural.
O respecto á organización tradicional do territorio, ós seus usos e á súa identidade, o potenciamento do sector primario, a promoción da agricultura ecolóxica e da soberanía alimentaria libre de transxénicos, son fórmulas ineludibles. Alén disto, a relación coas outras comunidades e pobos do estado, Europa e o resto do planeta ten que darse en igualdade de condicións, non con pura competitividade, senón con solidariedade e complementariedade.
GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE
Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s
info@galizanonsevende.org
http://galizanonsevende.org
______________________________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Eleccións Galegas 2009
Rede Galiza Non se Vende
A Rede Galiza Non Se Vende perante a mudanza de goberno
venres, abril 24, 2009
A Rede Galiza Non Se Vende perante a mudanza de goberno
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan venres, abril 24, 2009
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon