venres, maio 08, 2009

Contido dos acordos orzamentarios entre EU-IU e o PSdeG-PSOE en Ferrol

Tags

contidos acordo orzamentario EU

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
8 de maio de 2009 12:49


Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo o contido do acordo orzamentario asinado entre o PSOE e Esquerda Unida esta mañán para a vosa información. Grazas pola atención. Un saúdo, Ramiro Marier

ACORDO PARA OS ORZAMENTOS XERAIS DO ANO 2009 DO CONCELLO DE FERROL ENTRE O PSdG-PSOE E ESQUERDA UNIDA

No concello de Ferrol

Ferrol, 8 de maio de 2009

Reunidos dunha banda D. Vicente Castro Irisarri, Alcalde-Presidente do concello de Ferrol, e Dona Yolanda Díaz Pérez, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida no concello de Ferrol,

ACORDAN

I.- Sendo conscientes da importancia que ten para a cidadanía de Ferrol o poder contar coas ferramentas necesarias para enfrontar a situación de crise económica, derivada da bancarrota das políticas neoliberais da globalización capitalista, que está a afectar de xeito grave a nosa sociedade, semella indispensable acadar un acordo orzamentario que permita o desenvolvemento do conxunto de políticas públicas que contribúan a manter as actividades económicas na cidade, ao través dunha acción protagonista dos investimentos públicos, o afortalamento do gasto produtivo e social, o recurso o endebedamento e maila conxelación dos gastos de representación, dietas e publicidade.

II.- O Goberno Municipal presentou aos Grupos Municipais unha memoria de anteproxecto de orzamentos baseado no estabelecido no punto I deste acordo.

III.- Esquerda Unida presentou pola súa banda un documento orzamentario alternativo ao obxecto de procurar cumprir o referido no primeiro parágrafo deste acordo.

IV.- Froito da negociación orzamentaria entre ámbolos dous Grupos Municipais o Goberno Municipal acepta o seguinte relatorio de propostas presentadas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida:

A.- Acórdase que as bases de execución orzamentaria reflectirán que o Pleno do concello exerza as funcións orzamentarias da súa competencia, en especial no eido das modificacións orzamentarias.

B.- Acórdase que os Orzamentos Participativos ( OP,s ) terán unha experiencia piloto – a primeira das grandes cidades de Galicia – neste orzamento para o 2009, de xeito que se produza un salto cualitativo que permita introducir elementos decisivos e decisorios de democracia participativa no noso concello.

A elaboración participada dun regulamento para os orzamentos participativos no primeiro semestre deste ano irá en paralelo coa posta en marcha desta experiencia piloto de OP,s. No documento orzamentario se recollerá de xeito que no se prexuzgue a decisión veciñal que se adopte no seo do proceso dos OP,s, en relación aos ámbitos nos que se empreguen as partidas veciñais. Para Esquerda Unida semella indispensable que esta primeira experiencia piloto se poña en funcionamento de maneira inmediata á aprobación do orzamento.

A contía para os OP,s de 2009 será de 350.000 euros, que se completará até os 2.000.000 de euros no exercicio orzamentario de 2010; cantidade que permite achegar nesta primeira experiencia piloto unha vontade crible para a cidadanía do compromiso do concello de Ferrol coas prácticas da democracia participativa. Xunta a ista se consignará unha partida específica para formación do persoal do concello e da propia veciñanza.

C.- Acórdase o compromiso de continuar coa capitalización das plantillas de persoal segundo se acordara polo goberno no comezo do actual mandato municipal, o que supón dotar 33 novas prazas( 21 do 2008 e 12 do 2009, sendo estas últimas 4 para a policía municipal, dúas en urbanismos, tres no CRI, 1 en emprego e dúas en muller e 1 administrativo para Normalización Lingüístico.

O compromiso de estabilidade no emprego supón rematar coas interinidades existentes no comezo deste mandato municipal e hase materializar en novas prazas e postos de traballo dentro dun acordo cos órganos de representación das e dos traballadores no concello na Mesa Xeral de Organización. Compromiso de desenvolver a RPT.

Acórdase o comezo da política de descentralización da administración local con alomenos a creación dos puntos de atención á cidadanía en Serantes e Caranza.

D.- Acórdase cara a conquerir unha cidade accesible e anovada dentro das actuacións de meirande repercusión cara o futuro a:

i.- Dentro das catro ordes de estudo do Ministerio de Fomento, que se priorice as actuacións na avenida das Pías e ao seu enlace co Bertón.

ii.- No que atinxe as actuacións ferroviarias na cidade, pular polo retranqueo da estación do ferrocarril.

iii.- Diante do deterioro do mercado municipal de Caranza, de non se producir avances na concesión do mesmo a operadores privados, no primeiro cuatrimestre deste ano se dotará nun ámbito plurianual as aplicacións económicas precisas para proceder á súa remodelación con cargo aos cretos non utilizados do préstamo de 4,8 millóns de euros.

iv.- Acórdase consignar as partidas orzamentarias necesarias neste orzamento para as seguintes actuacións:

  • a.- Zona verde de San Francisco.
  • b.- Rehabilitación da Costa de Mella.
  • c.- Intervención na Fábrica de Lápices.
  • d.- Adquisición da casa de Carvalho Calero.
  • e.- Ampliación da Casa de Acollida.
  • f.- Intervencións na Praza de San Xoán, na Praza das Vítimas do 11 de Marzo e noutros espazos públicos dos Ensanches.
  • g.- Rehabilitación do Ateneo.
  • h.- Local Social de Ferrol Vello.
  • i.- Modificación puntual para garantir a protección integral de Menáncaro.
  • j.- Reurbanización da Praza de Sartaña.
  • k.- Adquisición do chamado Forno Bellón en Esteiro para o seu uso como centro social do barrio.
  • l.- SGHN
V.- Acórdase a inmediata constitución da Empresa Municipal de Turismo, polo que todos os cretos que figuran no orzamento de promoción Turística se transferirán a mesma unha vez entre en funcionamento. En canto sexa constituída se procederá á contratación do xerente e doutro persoal contemplado na Memoria, cumprindo o programa derivado do Ferrol da Ilustración e o Mundo Naval.

VI.- Acórdase a creación da Empresa Municipal de Vivenda, que terá como un dos seus cometidos primeiros e sobranceiros a intervención rehabilitadora no barrio de Recimil.

VII.- Acórdase a creación dunha partida orzamentaria específica para a Zona Rural, a cal terá unha dotación de 1.082.000 euros, de xeito participada

VIII.- Acórdase no eido das políticas de benestar social que o contrato para o programa de axuda no fogar importe por valor de 2.026.800 euros, cun prezo/hora de 13,50 euros. Acadar un compromiso para que a xestión do servizo sexa directo polo Concello.

IX.- Acórdase a modificación integral dos estatutos do Padroado de Deportes mediante un procedemento participado e a elaboración dun regulamento de subvencións que garanta transparencia, obxectividade e participación.

Asdo. Vicente Castro Irisarri
Asdo. Yolanda Díaz Pérez
_________________________

1 comentarios so far

Por un lado, decir que logo da marranada que lle fixo a o grupo municipal de EU-IU, o alcalde Irrisarri, e o ben que o venden mediaticamente, que mesmo parece que a culpa é de IU, cando é todo o contrario, non merecen un pacto en nigún asunto.

Xa veremos se se cumpre a integridade do acordo, máis parece que EU-IU consegue máis na oposición que cogovernando. Ao mellor Yoli e Cía, é o que tiñades que facer dende un principio: Non pactar, non entrar no governo, agardar a tempos mellores.

O acordo é de dificil cumprimento xa obedece máis a inspiración de EU-IU (que non governa) e é alleo ao PSOE (que governa).

Na situación actual da agrupación comarcal, interesa que este acordo se cumpra o máis integramente posible, ainda así, logo da saída das bases militantes críticas, logo do descontento amosado pol@s elector@s de EU-IU da comarca, nas pasadas eleccións nacionais, o grupo municipald e EU-IU, e sobre todo Yolanda, Allegue e Cía, políticamente estades acabados!


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon