venres, maio 08, 2009

Manifestación en Compostela este 17 de Maio

Tags

Santiago de Compostela a 7 de maio de 2009

Prezadas compañeiras,
Prezados compañeiros,

Como seguramente xa saibades, A Mesa pola Normalización Lingüística convocou unha manifestación para o vindeiro 17 de maio, so o lema “O galego, a nosa columna vertebral”, que partirá ás 12 h da Alameda de Santiago de Compostela e finalizará na praza da Quintana.

Con motivo desta mobilización, estanse a recoller máis apoios, tanto individuais como colectivos, para o Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, que se lerá ao final da marcha. A día de hoxe, o texto está xa secundado por 17.702 persoas a nivel individual e 442 organizacións, centros de ensino, concellos etc.

Desde A Mesa convidámosvos a participardes de xeito activo nesta manifestación que se desenvolve nun momento que pode ser unha auténtica encrucillada para o presente e o futuro da nosa lingua. Algunhas das vías que vos propomos son:

  • Enviando o voso propio comunicado aos medios de comunicación convidando a cidadanía a participar na mobilización.
  • Coa vosa asistencia e participando activamente na propia manifestación.
  • Se aínda non o fixestes, subscribindo e divulgando o Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego.
  • Preparando, se o considerardes oportuno, as vosas propias demandas en materia lingüística.
  • Mantendo unha comunicación fluída entre ambas as organizacións.
  • Outras.
Podedes adherirvos ao Manifesto a través do correo electrónico amesa@amesanl.org ou do fax 981 58 37 82 ou, máis directa e doadamente, a través da nosa páxina web: www.amesanl.org.

Podedes tamén baixar a folla de sinaturas como PDF no seguinte enderezo web:
http://www.amesanl.org/campanhas/recollidasinaturas_manifestoconvivencia.pdf

Ficamos, pois, ao voso dispor para combinar as accións pertinentes para o vindeiro 17 de maio.

Unha forte aperta,





Carlos Callón
Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon