O 25 de Xullo, é unha data de reivindicación e celebración. A nación galega o é por vontade propia das galegas e galegos, mentras haxa vontedade de ser, de defender o propio, a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa económia, ... as galegas e galegos, teremos o noso país, seremos un pobo, seremos unha nación.
Miles de persoas acuden cada ano a Compostela, para denunciar os agravios que recebimos como pobo, para denunciar as agresións que recibe a nosa economía, a nosa industria, a nosa lingua, a nosa Terra, ... para reivindicar o orgullo de sermos galegas e galegos, para reivindicar o dereito de autodeterminación, un dereito inherente aos pobos.
Pola importancia do evento desde este sitio na rede queremos reproducir unhas crónicas que publican os xornais Galiza Hoxe e Vieiros.
Día da Patria
Causa Galiza: en demanda dunha República Galega
Os independentistas avogaron pola convocatoria, a curto prazo, dunha folga xeral nacional e reclamaron a autodeterminación e soberanía para Galiza.
Vieiros - Redacción - 19:00 25/07/2009
"Non estamos todos, faltan os presos" ou "son independentistas e non terroristas" foron algunhas das proclamas que percorreron a distancia que separa á Alameda de Compostela da Praza do Toural. Causa Galiza xuntou a dous milleiros de persoas, segundo a organización, en demanda do dereito de autodeterminación e da soberanía para Galiza.
"Reafirmamos a vontade de constituírmos o noso propio Estado: unha República Galega", iniciou a súa intervención Laura Bugallo (CIG), encargada este ano do discurso deste conxunto de colectivos. Cunhas palabras na que estivo moi presente a crise económica (o lema da plataforma para este día foi "Ante a crise do capital, soberanía nacional"), Bugallo asegurou que "é imprescindíbel tomar medidas resolutivas", entre as que citou "a curto prazo, a convocatoria dunha folga xeral nacional e a coordinación dos independentistas par facermos fronte con radicalidade á administración que reside Núñez Feijoo"; xa a medio prazo, falou de organizarse "para as batallas que se anuncian" e "avanzar a paso firme polo camiño da autodeterminación e soberanía".
Fronte ao Estatuto, soberanismo
Para Causa Galiza "a autodeterminación e soberanía son a chave que abre a porta a un futuro distinto do que se perfila no horizonte: a única alternativa política real neste país". Así, consideran a vía do Estatuto "unha fraude escotada que apenas foi útil para adormecer conciencias e facilitar que os nosos inimigos históricos avancen no espolio e a destrución de Galiza".
* Anterior: "A masa social soberanista non se debe organizar en compartimentos estancos".
Enlace orixinal en Vieiros.
POLO GALEGO E POLO EMPREGO
"Vencemos a Fraga, venceremos a Feijoo"
O voceiro nacional do BNG defendeu o galego "do ataque sen precedentes" orquestrado pola Xunta, avogou polo "dereito a traballar na nosa terra" e demandou un Estatuto de nación.
Vieiros - Isabel G. Couso - 16:30 25/07/2009
"Veñen contarnos, pero non teñen capacidade para facelo", ironizou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, no único silencio que se fixo durante o seu discurso a propósito do rebumbio causado polo sobrevoo dun helicóptero sobre a Praza da Quintana. E abofé que a dificultade para a contabilidade é palpábel, a tenor das xa clásicas contradicións sobre o número de persoas que tomaron parte na marcha convocada polos nacionalistas. As estatísticas van dende as 20 mil almas das que fala a organización até as 15 mil das que falan algúns medios. O que si non ten discusión é que eran milleiros os militantes e simpatizantes da formación quen, arroupados por pancartas e bandeiras, amosaron a súa enérxica entrega no Día de Galiza no que se manifestaron ao chamado de "Movámonos polo galego e polo emprego".
Acertos e erros, mais balance positivo
"Aquí estamos os que non renunciamos, nin renunciaremos xamais, á Patria Galega" berrou Guillerme Vázquez, segundos antes de que fose interrompido polo primeiro dos moitos aplausos que acompañaron a súa intervención. "Sei que ás veces podemos sentir certo desalento", concedeu en referencia aos resultados electorais do pasado primeiro de marzo, "mais o balance da experiencia do nacionalismo no goberno no país foi globalmente positivo; con acertos e erros, pero positivo".
O inicio do discurso tivo tamén palabras para o proceso asembleario vivido no seo do BNG: "puidemos caer na tentación de ficar lamentándonos, pero eliximos reaccionar", dixo, "temos Dirección e temos liña política definida". Cunha mensaxe de optimismo e nun chamamento á unión, Vázquez apelou á "convicción absoluta" de que o nacionalismo é a única alternativa ao goberno do PP e pediu "esforzo, entusiasmo e compromiso" aos afiliados e tamén a aqueles que aínda non son militantes, "para que vos sumedes a nós", porque "todos e todas temos cabida neste proxecto común".
Ataque sen procedentes sobre o idioma
O actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, centrou outra boa parte das críticas do voceiro nacional do BNG. A el acusouno de "estar ao servizo de minorías extremistas, de Aznar e de Rajoy" e de aspirar a "conseguir a España unilingüe". Tomando man de Castelao, de Rosalía ou de Carballo Calero, prognosticoulle un mal resultado no seu propósito: "o idioma dos nosos pais e avós, será o idioma dos nosos fillos e fillas! Terá mil primaveras máis!".
Ademais, lamentou que o Goberno estea en mans de quen "non acredita no autogoberno", quen, máis que defender os intereses de Galiza, pretende facer "carreira persoal, pregándose ao que lle ordenen dende Madrid" e quen goberna "para favorecer aos seus amigos", en referencia aos seus "esforzos por botar abaixo o concurso eólico".
Non queremos emigrar
A crise económica tamén estivo presente na alocución do portavoz nacional do BNG. O conflito do metal, as traballadoras de Caramelo, de Treves, os prexudicados polo peche da planta de Pascual ou os gandeiros afectados pola crise máis importante que se recorda no sector tiveron un espazo de solidariedade na compostelá Praza da Quintana. Entre aplausos, os nacionalistas apoiaron as súas reivindicacións, ao tempo que Guillerme Vázquez lamentaba que o Goberno "non defenda os intereses de Galiza".
Sobre o plan de financiamento, sobre a débeda histórica ou sobre a "necesaria soberanía económica" tamén falou Vázquez, desta volta citando a obra ensaística de Xosé Manuel Beiras.
Estatuto de nación
"Andan argallando unha reforma que consolide o noso país na segunda división", dixo o portavoz nacional, en referencia ao posicionamento mantido nos últimos días por PSdeG e PP sobre a reforma estatutaria. "Pois que saiban que para ese fin non van contar co BNG", berrou ao tempo que asegurou que os nacionalistas non consolidarán un "financiamento inxusto para Galiza", nin avalarán "un novo atraso na modernización ferroviaria", nin permitirán a "perda de control polo Goberno das caixas de aforro".
Neste marco, rexeitou o neoliberalismo: "o actual sistema económico é desigual e xerárquico", e defendeu "outro modelo económico e político, onde se respecte o libre dereito dos pobos a decidiren o seu destino". Así, asegurou que "fronte á claudicación e ao conformismo, aquí está o BNG!" e lembrou que "os dereitos non se regalan, conquístanse", ao tempo que alentou ao nacionalismo a traballar a prol deses dereitos tirando man do poeta Manuel María. "Non dubido que así o faremos; non dubido que o conseguiremos!", rematou, entre aplausos.
* Anterior: O BNG mobiliza os seus "polo idioma e polo emprego"
Enlace orixinal en Vieiros.
INDEPENDENTISMO
Causa Galiza chama á folga xeral e a lograr a autodeterminación
Unhas 1.500 persoas reclaman a soberanía nacional como a única alternativa política real deste país. Críticas ó bipartito por permitir a recuperación da Xunta por parte da "dereita máis conservadora"
R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO
Autodeterminación como única alternativa política real deste país. Con esta mensaxe, preto de 1.500 persoas percorreron onte as rúas de Santiago na manifestación convocada por Causa Galiza para esixir a constitución dun estado propio: a República Galega. Baixo o lema Contra a crise do capital, soberanía nacional, Causa Galiza fixo un chamamento á folga xeral para facer fronte á situación económica e a tomar a rúa como "un espazo o noso espazo natural de reivindicación".
Nunha convocatoria máis festiva que as ocasións anteriores, os manifestantes dirixíronse pouco depois das 13.30 horas cara á praza do Toural dende a Alameda con cánticos xa habituais nestas citas como Non estamos todos, faltan os presos; Presos á rúa, a loita continúa; ou Son independentistas, non terroristas. Tras o forte despregamento policial durante o percorrido, a manifestación foi recibida no Toural por un número desproporcionado de axentes antidisturbios, que foi contestado con sonoros asubíos, apupos e berros como Fóra as forzas da ocupaçón ou Fóra, fóra, fóra, policía española. A encargada de ler o manifesto deste ano foi a sindicalista da CIG, Laura Bugallo, quen reivindicou o "dereito de autodeterminación" dos galegos.
Do mesmo xeito, e ante unha crise que "deteriora as nosas condicións de vida e traballo e agudiza os peores efectos da histórica dependencia de España", Causa Galiza fixo un chamamento á folga xeral e á coordinación dos independentistas para "facer fronte con radicalidade á administración que preside Feijóo".Na súa intervención, Bugallo asegurou que a soberanía nacional é a "única chave que abre a porta a un futuro distinto", unha vez demostrada a "fraude da vía estatutista e do contrato con España, que apenas foi útil para adormentar conciencias e facilitar que os nosos inimigos históricos avancen no espolio e a destrución de Galiza". No comunicado tamén houbo críticas para os catro anos de goberno bipartito, ó que acusou de permitir que na "dereita máis conservadora" recuperara a Xunta. Algo que foi posible "pola aplicación continuísta por parte do PSdeG e BNG das políticas aplicadas durante o fraguismo".
Un manifesto cheo de autocrítica
Na súa terceira manifestación no Día da Patria, Causa Galiza non se esqueceu de facer autocrítica, tras recoñecer que os axentes políticos e sociais que vertebran a organización "non conseguimos materializar as expectativas creadas no 2007". Unha situación que se comprometeron a mudar, recuperando o rumbo orixinal e a ilusión ata converterse nunha ferramenta vital para conseguir a soberanía.
O acto de Causa Galiza concluíu entoando o Himno galego a ritmo de gaitas e sen a tradicional queima de bandeira española. A pesar dos momentos de tensión que se viviron ó final, con varios manifestantes encarándose ós axentes, os participantes na mobilización trasladáronse ata Belvís, onde se celebrou un xantar popular.
O DATO
Apoio ó Foro Social de Cangas contra o porto deportivo de Massó
Á marxe da faixa que abría a mobilización e as pancartas reivindicando a soberanía nacional e a repatriación dos presos, a manifestación de Causa Galiza solidarizouse cos incidendes ocorridos esta semana en Cangas e mostrou a súa oposición ó proxecto do porto deportivo de Massó. Inmediatamente despois da cabeceira, unha pancarta que rezaba Os peixes e mariscos non viven de redes e contaminación. Proxecto responsable e transparente para Massó recordaba o rexeitamento cidadán da actuación política, especulativa e tamén policial. Así, tras recordar que Goberne quen goberne, Galiza non se vende, e apuntar unha volta ó asalto ao territorio das Administracións, dende Causa Galiza sumáronse ó Foro Social de Cangas e á confraría de pescadores, que convocaron para o próximo sábado 1 de agosto ás 20.00 horas unha manifestación contra o macroproxecto de Massó.
OS DATOS
Xantar popular en Belvís
As actividades continuaron no parque de Belvís, onde se realizou un xantar popular e numerosas actividades ao longo de toda a tarde, con música, presentacións de libros e xogos tradicionais.
Medio cento de antidisturbios
Preto de cincuenta axentes antidisturbios rodearon o Toural, impedindo a entrada e saída dos manifestantes da praza e creando un cordón policial entre a manifestación do BNG e a de Causa Galiza.
Enlace orixinal en Galicia Hoxe
O Día da Patria
"Volveremos"...
"Se vencemos a Fraga, venceremos a Feijóo", proclama Guillerme Vázquez na súa estrea na Quintana como portavoz nacional dun BNG que xuntou unhas 15.000 persoas
R.C.B. . SANTIAGO
"Somos alternativa ó PP. Estou convencido de que volveremos gobernar Galiza. Se fomos quen de sobrevivir e vencer o PP de Fraga, seremos quen de sobrevivir e vencer o PP de Feijóo", proclamaba onte o mediodía Guillerme Vázquez, no seu primeiro Día da Patria como portavoz nacional do BNG. A gran cita anual mediante a cal os nacionalistas celebran o 25 de xullo congregou na praza da Quintana algunha menos xente da rexistrada nas últimas convocatorias, se ben o ton reivindicativo da manifestación que partiu da alameda compostelá baixo o lema de "Movámonos. Polo noso idioma, polo emprego", non decaeu en absoluto. Ó redor dunhas 15.000 persoas secundaron a convocatoria do Bloque e seguiron atentamente as palabras do seu líder.
Guillerme Vázquez chamou os nacionalistas para "dedicar todo o noso esforzo" a conseguir o grande obxectivo de recuperar o executivo galego. O voceiro admitiu que a cita electoral do 1 de marzo provocou "certo desalento" na formación, pero o Bloque está en condicións de dicir que "a experiencia no goberno foi positiva" e "ó servizo da nación e das maiorías sociais". Non obstante, tamén recoñeceu que "saimos do goberno perdendo apoio electoral", pero "soubemos reaccionar" e "sentamos as bases para poñernos a traballar polo país" e "non ficar presos do pasado para non converternos en estatuas de sal".
Como símbolo dunha nova era que o BNG está a encarar, co respaldo da Executiva Nacional detrás del, Vázquez fixo un chamamento para aumentar a afiliación do Bloque. "Convido os que non son aínda afiliados a que se fagan. Collemos todos neste proxecto común. Todos somos necesarios, pero vós -con referencia ás bases- sodes os únicos imprescindibles", dixo o dirixente nacionalista.
Vázquez centrou boa parte da súa intervención en arremeter contra o actual goberno da Xunta e asegurou que o executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo "non está a dar a talla". "Se está á fronte do goberno galego é para defender os intereses de Galiza e non para facer carreira política persoal, pregándose ó que lle ordenen dende Madrid", afirmou. Neste sentido, denunciou que o popular "aceptara, sen contraproposta ningunha, un novo atraso na modernización do noso ferrocarril, e o celebre como un feito histórico", con referencia ó Pacto do Obradoiro asinado esta semana entre Feijóo e o ministro de Fomento, José Blanco. Vázquez cualificou dito acordo de "pacto fraude" e "burla ó pobo galego". Na mesma liña, acusou a Feijóo de "non defender os intereses de Galiza, aceptando sen resistencia un financiamento inxusto para o noso país, pregándose mansamente ás ordes do PP en Madrid".
Vázquez tamén aproveitou para reivindicar, unha vez máis "a nosa condición de nación", e advertiu de que "o BNG non aceptará un Estatuto que andan xa a argallar PP e PSOE e que consolide a Galiza na Segunda División" entre as comunidades do Estado. "Que saiban que para ese fin non van contar co BNG. O PSOE é libre de pactar co PP o que queira, pero será o PSOE quen teña que explicarse diante da sociedade galega", advertiu. "Fronte á claudicación e o conformismo de PP e PSOE, que é demoledor para os intereses de Galiza, o BNG nin claudica nin se conforma. Os dereitos non se regalan, conquístanse", exclamou.
Guillerme Vázquez chamou tamén a defenderse dos "ataques" do PP, sobre todo no referido á lingua e ó emprego. Así, arremeteu contra a "liña de Feijóo, ó servizo de minorías extermistas, de Aznar e de Rajoy, da intolerante caverna españolista que quere impoñer un único idioma".
"Os problemas do noso país non terán solución da man de Feijóo, que non está disposto a exercer de presidente da Xunta con dignidade", dixo, para prometer que poñerá todo o seu esforzo en que o BNG volva a San Caetano.
PASO A PASO
Táboas fai arengas antes da invencible Iria Aboy
A coordinadora executiva do BNG, Teresa Táboas, foi a encargada de arengar, con moita forza e ánimo, os nacionalistas mentres agardaban a que toda a manifestación chegara á Quintana. A deputada aproveitou para deixar claro que a praza é "do pobo galego", e, fronte á intención da igrexa, que non está de acordo con que se celebren nela actos deste tipo, proclamou que "aquí imos estar todos os 25 de xullo".
Tamén interviu no acto a responsable de Galiza Nova, Iria Aboy, quen, tras ver a praza case ateigada de xente, proclamou a gusto, nun intento de pasar páxina definitiva tras a derrota electoral: "Houbo quen pensou que podía vencer o nacionalismo, pero seguimos en pé" e, así mesmo, "ninguén terá forza de abondo para" acabar co BNG.
AS FRASES
Guillerme Vázquez
"Estou convencido de que volveremos gobernar Galiza. Se fomos quen de sobrevivir e vencer o PP de Fraga, seremos quen de vencer o PP de Feijóo"
"O PSOE é libre de pactar co PP o que queira e nós somos libres para non ceder na defensa dos intereses de Galiza. Será o PSOE quen teña que explicarse diante da sociedade galega"
Enlace orixinal en Galicia Hoxe
__________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
domingo, xullo 26, 2009
25 de Xullo de 2009: Galiza, unha Terra un Pobo e unha Fala
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan domingo, xullo 26, 2009
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon