venres, xullo 03, 2009

Momento actual da participación cidadá no Concello de Ferrol

Prezad@s amig@s: vaivos no correo un Informacións sobre a parálise e indefinición acerca da liña de subvencións para actividades culturais en Participación e a implicación do GAP na norma que regulamentará os orzamentos participativos. Saúdos, Ramiro Marier


INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA

Ferrol, 3 de xullo de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DEMANDA A CONTINUIDADE DAS SUBVENCIÓNS DO DEPARTAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ PARA ACTIVIDADES CULTURAIS COMEZADA O ANO PASADO
  • JAVIER GALÁN RECLAMA AO GOBERNO MUNICIPAL QUE IMPLIQUE AO GAP NA ELABORACIÓN DA NORMA DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS
  • ESQUERDA UNIDA ESIXE OUTRO RITMO E MANEIRAS DO GOBERNO MUNICIPAL PARA PULAR E XERAR SINERXIAS ENTRE A APROBACIÓN DO REGULAMENTO E O LANZAMENTO DOS OP,S
O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere manifestar a súa fonda preocupación pola situación que atravesa o departamento de participación cidadá, que mediado o ano aínda non clarexou que vai facer coa liña de subvencións iniciada o exercicio pasado polo anterior concelleiro para actividades de carácter cultural. Entendemos que non é aceptable deixar morrer unha iniciativa que é susceptible de ampliar tanto no eido económico como no campo das posibles actividades, e que xa permitiu o ano pasado un traballo participado das diferentes entidades para acordar uns criterios de reparto.

En 2008, adicouse unha partida de 30.000 euros e o compromiso de incrementar a partida para o 2009. Neste ano aínda nada se sabe e logo vai sendo tempo de comprometer alomenos un esforzo semellante pola concellería para este exercicio orzamentario. Os tempos son esixentes e de non facerse con celeridade as entidades non poderán apenas programar e logo xustificar as actividades a desenvolver. Dende Esquerda Unida - consonte co expresado xa o ano pasado, apostamos polo incremento até acadar os 60.000 euros – reclamamos do concelleiro de participación cidadá que exprese con rotundidade o compromiso con esta liña de subvencións e a poña en marcha de xeito inmediato.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida ao través de Javier Galán manifesta que diante da inmediata elaboración dunha norma que ordene o proceso de orzamentos participativos nesta experiencia piloto, o Goberno Municipal ten que recabar a colaboración do GAP, conformado polas persoas que máis traballo e implicación desenvolveron para configurar o Regulamento de Participación Cidadá , para que se impliquen e colaboren na elaboración desta norma. Non se pode desperdiciar o coñecemento e experiencia acumulados neste ano polas persoas que adicaron xenerosamente horas e compromiso para facer de Ferrol a cidade bandeira da democracia participativa en Galicia deixándoas de lado, o Goberno Municipal ten que contar con elas para a elaboración da norma de funcionamento dos OP,s. subliñou Javier Galán.

Esquerda Unida non quere deixar de manifestar o seu desacougo pola lenta marcha que arrostra todo o proceso de participación cidadá: 7 meses perdidos entre a indecisión e a parálise para aprobar o Regulamento de Participación Cidadá aprobado no Foro Cívico, ou a presentación – aínda agora – do proceso piloto hoxe pola tarde, cando estamos no verán e vai perdido medio ano. O Goberno Municipal non conduce o proceso coa vontade política e a dilixencia precisas, actúa case como un lastre do que teñen que estar a tirar o movemento asociativo máis consciente.

Esquerda Unida esixe un cambio nos ritmos e nas maneiras de actuar para que a actuación do Goberno Municipal produza un efecto positivo e que a conxunción da aprobación do Regulamento de Participación Cidadá o vindeiro xoves e o lanzamento da experiencia piloto dos OP,s xeren unha sinerxia que contamine toda a vida municipal e se estenda polo conxunto da cidade.

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
3 de julho de 2009 13:34

_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon