venres, agosto 14, 2009

Ferrol aposta polo seu patrimonio cun servizo pioneiro de inspección técnica de edificios

O edil Angel Mato destaca o consenso dos grupos en torno ao proxecto que impulsa o goberno local que lidera Irisarri. Os inmobles de máis de 50 anos estarán obrigados a pasar por inspeccións periódicas e someterse ás obras necesarias

12/08/2009

O concelleiro de Planificación Urbanística, Angel Mato, asegurou que a conservación e posta en valor do extraordinario patrimonio histórico, cultural e arquitectónico de Ferrol constitúe unha prioridade irrenunciable para o goberno local que lidera Vicente Irisarri. Por isto, dende o inicio de mandato, a Concellería de Urbanismo traballa da man do Colexio Oficial de Arquitectos e, desa relación de colaboración, se iniciaban hai un ano as inspeccións a edificios deteriorados dos barrios históricos. Revisións gratuítas para os propietarios nas que se determinan as obras de execución urxente que son necesarias para garantir a súa seguridade. Agora o goberno municipal dá un paso adiante e presenta a ordenanza do Servizo de Inspección Técnica de Edificios (ITE). Unha norma que onte era dictaminada favorablemente, e por unanimidade, no pleno ordinario de fin de mes, e que agora pasará a exposición pública. Nesta liña, Angel Mato explicou que a ordenanza implicará a posta en marcha dun servizo que permitirá culminar ese proceso de recuperación dos cascos históricos de Ferrol e complementar as políticas rehabilitadoras, pero cunha diferencia. Ata o momento, a acción do Concello se centraba no plano da seguridade, namentras que co novo servizo se actuará dende o punto de vista da prevención.

Deste xeito e na práctica, o edil de Urbanismo sinalou que os edificios que superen os 50 anos de antigüidade deberán pasar inspeccións periódicas cada dez anos nas que se comprobará o seu estado. Así, as inspeccións permitirán coñecer se as edificacións están a ser conservadas correctamente e non presentan síntomas aparentes de deterioro, posibilitando unha mellora substancial dos niveis de conservación xeral e que se acometa a tempo a execución de medidas inmediatas que eviten tanto riscos para a seguridade das persoas como a necesidade de afrontar reparacións máis complexas e custosas.

Así mesmo, Mato indicou que, amáis de ofrecer un maior coñecemento e control do estado de conservación, obxectivo principal que se reflectirá na Base de Datos das ITE, o servizo contribuirá a dotar de maior seguridade xurídica e técnica aos usuarios do mercado inmobiliario de vivendas de certa antigüidade ou rehabilitadas.

Segundo o concelleiro, o proceso de revisión de inmobles -a chamada ITV dos edificios- avanzará de forma progresiva e á hora de seleccionar os primeiros inmobles se atenderán diferentes parámetros. Dende a súa catalogación ata o estado estrutural, ubicación en casco histórico e antigüidade do edificio. En todo caso, Angel Mato xa avanzou que calcula que pasarán uns nove anos ata que se completen as revisións do catálogo de vivendas susceptibles de revisión. Tras as inspeccións, os técnicos emitirán informes favorables ou negativos. Os primeiros, vixentes por espazo de dez anos. Os segundos darán paso a un periodo para subsanar deficiencias que, de non acatar, podería chegar en último caso e situación extrema á expropiación. Así mesmo, a ordenanza establece a posibilidade de fixar un réxime de axudas das que só se beneficiarían quenes acreditasen a carencia de medios económicos para afrontar as actuacións precisas.

Nesta liña, Angel Mato tamén indicou que o Concello xa está a traballar co Colexio de Arquitectos na programación dunha serie de cursos preparatorios para formar a profesionais neste tipo de inspeccións, de modo que se axilice, en moito, o proceso.

Por último, o concelleiro lembrou que a ordenanza tamén inclúe unha memoria de necesidades e un programa de implantación da mesma, onde se sinalan os recursos persoais e materiais necesarios para facer efectiva a normativa.

Fonte: Concello de Ferrol
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon