martes, agosto 11, 2009

"Massó", os desalmados e a resistencia

Tags

Por Xosé Manuel Beiras 09.08.2009

Foi este primeiro sábado de agosto, á tardiña. Descéramos en auto polo mapa da Galiza abaixo, dende o Brión da Maía ao Cangas do Morrazo, o Cangas tamén da "María Soliña" que cantaran os mozos das "Voces Ceibes" hai ben anos xa, no tempo das loitas contra o fascismo opusdeísta español imperante no tardo-franquismo. Foramos agora convocados polos mariñeiros e aqueloutras xentes de ben do común que non aturan pasivamente falcatruadas do poder nen renuncian á resistencia. Sí, á resistencia cívica, ou sexa, a exerceren activamente como cidadáns a cotío e mobilizárense en defensa dos dereitos fronte ao poder cada vez que o poder esmaga os seus dereitos, en defensa da xustiza fronte á lei cada vez que a lei prostitue á xustiza. Porque nésas estamos, infelizmente. Un sistema depredador insaciábel que devora seres humáns e natureza para alimentarse, medrar e reproducirse a sí mesmo, como unha enorme planta carnívora que só ten vida vexetativa, mais nútrese de sustancia humán. Que cousifica tódolos valores enxendrados polas culturas dos povos para reducilos a un só, aquil que se cotiza nos desalmados mercados financeiros. Que instrumentaliza a lei e o dereito para pólos ao servizo da sua voracidade no canto de serviren para regular a vida social conforme a principios de xustiza e ben do común. Que, dende a sombra de despachos inaccesíbeis a ese común, dicta as suas ordes aos inquilinos das institucións dun irrisorio poder político, e os chantaxea e defenestra sen escrúpulo ningún no caso infrecuente de non obedecérenas. Que narcotiza todo canto pode as conciencias con toda caste de estupefacientes químicos e ideolóxicos para alienalas e escravizalas, para reducir aos seres humáns á condición de servos non-pensantes, de canciños-de-paulov movidos por instintos primarios e reflexos condicionados sempre ás ordes do seu amo, mesmo para que, chegado o caso -e adoita chegar a miudo- se devoren uns aos outros no canto de unírense para aniquilalo e liberárense desa tiranía. Mais, no entanto, hainos aínda que din non -"diguem no", cantaba o valencián Raimon ao unísono coas Voces Ceibes galegas- hainos aínda que se alistan na resistencia, hainos agora no Morrazo que aínda non esqueceron a María Soliña. Onda eses resistentes con memoria e dignidade fomos este primeiro sábado de agosto, na tardiña, pra defendermos o patrimonio natural fronte aos depredadores, os dereitos e a xustiza populares contra os ocultos xerarcas desalmados dun desalmado poder.

O caso é Massó. Si, desta vez, o caso chámase Massó. A factoría que fora buque insignia da industria conserveira galega, deserta agora, alí está aínda. Millor debera dicir que alí xacen os seus restos, no Salgueirón, pasado o porto de Cangas pola beiramar cara a fóra.. Alí xacen os despoxos, o esquelete da fábrica -inconfundíbel alzado de arquiteitura industrial modernista- os peiraos de atraque da frota que en tempos fora propria, os galpóns de reparación dos pesqueiros, o edificio da administración, as casas dos empregados principais, até unha colección de enormes e enferruxadas "portas" dos aparellos de arrastre arrimadas aos muros de contención como dislocadas instalacións de "arte póvera". E a natureza tamén, ao pé do malecón da fábrica, os rochedos e coídos que se prolongan alén dela deica a restinga da Punta Balea e son viveiro natural de marisco e peixes das pedras, e da banda de terra firme, a enorme e ramallosa finca do Salgueirón que debera xa ser parque público natural da vila de Cangas para disfroite dos seus cidadáns.

Esa fábrica de Massó en Cangas, o mesmo cá de Bueu, morreu vítima, conxunta e combinadamente, da incuria empresarial, a inepcia política e... o Mercado Común Europeo -"ruina do povo galego", lembrádesvos?. Ás dinastías das grandes familias conserveiras do XIX- XX galego pasoulles como á dos Austrias do XVI-XVII español: un proceso dexenerativo que rematou na sua extinción. Só que extinción biolóxica no segundo caso, e extinción só empresarial no primeiro. Massó, como Curbera, Alfageme e tantos outros, son apelidos en orixe cataláns afincados na Galiza dende hai ben tempo. Uns xa coa primeira fornada, a dos famosos "fomentadores" no salgado, no XVIII, os que chegaran cando a economía catalá estaba en crise e a galega frolecía, cando Galiza tiña unha densidade de poboación dobre que a de Catalunya. Viñeran e mudaran as técnicas do salgado. E as artes de pesca: o noso ilustrado Cornide pleiteara con iles en defensa dos mariñeiros indíxenas, por introduciren os cataláns a xábega, máis depredadora, en detrimento do xeito, máis ecolóxica -diríase hoxe. Mais non só polo "xeito" de pescar: tamén polo xeito en que os esplotaban. Outros, cando o salto do salgado á conserva, ben andado o XIX. En Vigo, instaláranse maiormente no Areal da Barxa, que por iso foi alcumado popularmente como Areal dos Cataláns. Industria tecnolóxicamente punteira no seu tempo, fosen cataláns ou galegos os empresarios, a conserva foi un dos tres pés da trepia do noso complexo mar-industrial. Mais, no período do franquismo, mudou a sua traxectoria, os máis clásicos adurmiñaronse, afixéronse ao gasto suntuario desmedido, deixaron de innovar, pasaron empresarialmente de conserveiros a conservadores, deviñeron obsoletos. As condicións da adesión española ao MCE deulles a puntilla: unha "reconversión" forzosa remudou o empresariado conserveiro. Nela sucumbíu Massó.

Entramentras, os homes e mulleres da Galiza mariñeira foran os protagonistas sufridores desa historia, dende a época do salgado á da conserva. En tódalas fases de proceso, tanto as de ascenso e apoxeo canto as de crise e depresión, foron iles e máis elas a quen lles tocou estar sempre ás duras e cáseque nunca ás maduras. Aos mariñeiros, como fornecedores da materia prima, estaren a expensas das condicións e prezos xeralmente controlados polas industrias transformadoras. A elas, como traballadoras en condicións sociais, laborais e salariais xeralmente precarias e a miudo infames, en ocasións con "dereito de pernada" incluído, e até tempos ben recentes: non esquezo, sendo eu xa deputado, aquil enxendro de figura laboral das chamadas "fixas discontínuas", nen tampouco o correlativo rexime de seguridade social -que até resulta escandaloso denominalo dese xeito. E logo, uns e outras, cando comeza a crise definitiva do sector, por riba simultáneamente coa crise e progresiva mutilación da pesca de altura, da de baixura e máis do marisqueo, foron as auténticas vítimas do desastre: os donos das empresas tiñan o patrimonio inmobiliario, que nunca, que eu saiba, lles foi expropriado; en troques, mariñeiros, traballadoras e mariscadoras non tiñan outro patrimonio que a sua forza de traballo, ésa sí "expropiada" por despidos, peches de factorías, perda de caladoiros e, para remate, invasión de franxas costeiras sucesivas con recheos, portos deportivos e misereredómines. Así ocurríu con Massó en Cangas -faltaba máis.

Nos últimos decenios, coa prolongada recesión e intermitente crise da economía produtiva, a resurreición do "rentista" ao que Keynes tentara facerlle a sua famosa "eutanasia", e o ascenso do capital financeiro á hexemonía sobre o capital industrial, as operacións especulativas desprazaron progresivamente aos investimentos produtivos, a economía das "burbullas" sustituíu á economía real: a "burbulla" da promoción e a construción, ou sexa, en prata, a especulación co solo, coa edificación e coa "urbanización" (?) convirtiuse no primordial e mesmo cáse único motor da irracional dinámica do "capitalismo do desastre" -así bautismado por Naomi Klein- nas nosas latitudes. Unha irracionalidade delirante que rebentou na actual crise. Nese contexto, a fábrica de Massó no centro de Bueu convirtiuse nun solar "produtor" de multimillonarias plusvalías especulativas, e a de Cangas, coa imensa finca do Salgueirón, encetou o mesmo roteiro. Só a activa determinación dos cidadáns exercentes como tais impedíu até agora o expólio dese ben común da cidadanía, a agresión aos ecosistemas do litoral que implica, e a desposesión de máis outro espazo natural de traballo e meios de vida de mariñeiros e mariscador@s que esa aduanada especulativa leva aparellada. Mais a cobiza depredadora e especuladora dun poder desalmado non atende a razóns nen respeita valores ningúns, nen naturais nen sociais, nen ambientais nen culturais. Pouco importa que fose precisamente esa pauta de conduta a que provocou a actual crise: a ese poder tanto lle ten, sabe que os governos que il controla ou chantaxea volverán botarlle a il o salvavidas mentras os cidadáns afogan no naufraxio. Un poder que anda a destruir os ecosistemas do planeta enteiro, e a diezmar con fame, guerra e pestes a humanidade, un poder que non quer saber de dereitos humáns nen da natureza, un poder que non vacila en praticar o xenocidio e o etnocidio cando lle compre, non vai reparar mentes nun minúsculo destrago nunha minúscula ría para un minúsculo ecosistema que, a maior abondamento, só vai padecelo un minúsculo fato de minúsculos cidadáns reducidos a inda máis minúsculos súbditos da liliputiense autonomía galega, hoxe racista, xenófoba e ecocida.

Só a rebelión dos cidadáns unidos pode impedilo, dos cidadáns exercentes que dicimos non a esa nova metamorfose da tiranía legalizada, que praticamos a resistencia a tódolos seus desmáns. Ou sexa, que exercemos a democracia: "en cada esquina un amigo, en cada rostro a igualdade" -que cantara o Zeca Afonso. Xa.

Publicado polo xornal Galicia Hoxe
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon