A proposición non de lei reclama a restitución do medio danado até o de agora e esixe indemnizacións polos danos causados.
Redacción - 17:30 13/08/2009
Os deputados nacionalistas Bieito Lobeira e Teresa Táboas asinan a proposición non de lei coa que o grupo parlamentario do BNG leva a debate do pleno a petición de freo á construción do porto náutico-deportivo do Salgueirón, en Cangas.
O texto da iniciativa solicita da Xunta adoptar todas as medidas precisas, "incluída a reivindicación perante a Autoridade Portuaria de Vigo e o Ministerio de Fomento, para a retirada da concesión á empresa Residencial Marina Atlántica, coa fin de impedir a realización das obras que se están a acometer na zona do Salgueirón". Reclaman ademais que se lle esixa ao goberno español "a restitución á súa situación orixinal" do medio danado polas obras xa iniciadas.
En terceiro lugar, destacan os deputados nacionalistas que é necesario avaliar o impacto económico que as obras realizadas até o de agora supuxeron para o medio mariño e a actividade produtiva da flota pesqueira de baixura e marisqueo. Así, e segundo os resultados dese informe, recordan que será necesario o outorgamento das correspondentes indemnizacións económicas para os afectados polos danos.
Un problema "creado polo PP"
"É un bo exemplo da pintoresca concepción que ten o PP do litoral galego e de cal será a súa aposta política ao respecto, primando a instalación de portos deportivos malia que colidan ou mesmo substitúan unha actividade produtiva que é motor da economía do país", expoñen desde o BNG.
Lembran ao fío que a primeira autorización para construír este peirao xurde do Concello de Cangas en 2004, cando o PP contaba con maioría absoluta no municipio, e conta agora co aval dos permisos da Autoridade Portuaria de Vigo, coa súa presidenta Corina Porro á fronte. "Contra todo criterio de racionalidade e facendo ouvidos xordos ás xustas reivindicacións do sector afectado", láianse.
Con este conxunto de iniciativas, o grupo parlamentario dos nacionalistas quere "evidenciar" a posición "totalmente contraria" a este proxecto. "A súa execución non só significará a perda definitiva para a actividade produtiva dunha extensa área marítima senón tamén unha forte afección derivada da diminución da calidade de auga (alteración de correntes, incremento da turbidez etc), co conseguinte impacto socieconómico nunha zona coas taxas máis altas de dependencia da actividade pesqueira de Galiza e da UE", advirten, ao tempo que subliñan as queixas da Confraría de Pescadores de Cangas ao respecto.
Publicado en Vieiros
[Con interesantes comentarios]
______________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
xoves, agosto 13, 2009
O Bloque esixirá no Parlamento que se impida a construción do porto do Salgueirón
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan xoves, agosto 13, 2009
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon