venres, agosto 07, 2009

O BNG Censura ao Goberno Local por primar o español na campaña “Ferroleneando"

O grupo municipal do BNG no concello de Ferrol censurou esta mañá ao Goberno de Irisarri por primar o uso do español na campaña “Ferrolaneando” e inserir anuncios publicitarios, en medios locais, nesta lingua, vulnerando e atacando o espírito da Ordenanza Municipal de Normalización e incumprindo os criterios reflectidos no regulamento de utilización da marca turística de Ferrol.

Elia Rico, concelleira nacionalista, advertiu que a campaña turística “Ferrolaneando” naceu viciada, e na mesma o goberno local primou desde sempre a lingua española fronte a oficial do Concello, que é o Galego. A presentación pública fíxose cos folletos e cartaces en español mentres que os editados noutras linguas tiveron que demorar a súa publicación máis de quince días. Tívose que advertir aos responsábeis da páxina web municipal para que a información desta campaña que figuraba só en español figurase en galego e agora continuan inserindo anuncios publicitarios en español, en medios destinados ao público local ou comarcal.

Elia Rico indicou que se a xustificación destas prácticas lingüísticas, ao noso entender erróneas, é chegar ao turista de fora do noso país o que non ten sentido é inserir eses anuncios en medios destinados principalmente ao público galego. Hai que lembrar que o regulamento da marca turística de Ferrol recolle que as iniciativas promocionais dirixidas a súa difusión no territorio galego iran en galego e que só as que teñan difusión fora do noso país irían en español.

O BNG esíxelle ao goberno municipal unha inmediata rectificación desta praxe lingüística co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio lingüístico e respectar a lingua oficial do Concello de Ferrol que é o galego.

Grupo Municipal do BNG no Concello de Ferrol 29.07.2009

bng-galiza.org/ferrolterra

Enviado por:
BNG Comarca Ferrolterra
-sedenacional@bng-galiza.org-
7 de agosto de 2009 03:18

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon