A loita da veciñanza de Recimil polo seu barrio é unha das loitas senlleiras que asumiu Ártabra 21 no seu nacemento o 29 de maio de 2006, defeito membros do Colectivo Veciñal de Recimil foron os promotores da nosa organización, é por iso polo que nos aledamos de que as súas reivindicaccións vaian tomando corpo e o barrio saía beneficiado dunha merecida e importante intervención municipal.
[Recimil: dignidade, rúas anchas, mercado, centros escolares, arborado, un trazado considerado patrimonio histórico, ... só falta a súa rehabilitación]
Resumo do mes de Xuño do 2009: a actualidade das Casas Baratas de Recimil
O mes de xuño pode considerarse como o punto de partida dunha nova situación para as Casas baratas de Recimil.
O día 5, o Alcalde Sr. Irisarri presentou na Praza de Sevilla o proxecto de pintado da barriada.
Os días 6, 7, 9, 12 e 13, a prensa fíxose eco desta noticia, con comentarios para todos os gustos. Hai quen considera que isto é un lavado de face e que -durará dous ou tres anos-. En xeral as opinións coinciden que iso non é suficiente. Como de costume, os "demoledores" levan a voz cantante na exposición negativa.
Nós tratamos de ver as cousas desde o lado positivo, é dicir:
Por primeira vez en sesenta anos, vaise a facer algo importante no mantemento dos edificios da barriada.
O que algúns chaman "lavado de face", consiste en reparación de beirados, cambio de situación das canaletas de recollida de augas cara a fóra dos tellados, substitución de baixantes e acometida de auga potable, e reparación e pintado de fachadas, o que permitirá eliminar boa parte das causas de humidades nas vivendas. Lavado de face si, pero con "desinfección".
Aínda que entendemos que é un bo comezo, nós non podemos darnos por satisfeitos, porque é evidente que non é esa a solución definitiva. Con todo, mantemos a esperanza de que o próximo paso sexan os tellados, que ao noso xuízo deberían ser o primeiro, tal como pediramos ao Concello. E despois, os elementos comúns do interior, portais, escaleiras, etc.
O goberno municipal anunciou o comezo das xestións para elaborar un censo actual da barriada, que será realizado por unha empresa privada. Esa é outra das boas noticias que permitirá afrontar mellor o problema da rehabilitación total.
Por fin logo de moitos anos de abandono e marxinación comezamos a ver un débil punto de luz á saída do túnel. E algo nos di que estamos no bo camiño, porque os "demoledores" están que morden.
Estes e outros temas tratáronse o día 29 na nosa asemblea mensual.
A continuación presentamos o proxecto de pintado das Casas Baratas, no que se pode observar o contraste entre o aspecto actual e o que presentará unha vez pintados os edificios.
Fonte: Colectivo Veciñal de Recimil
- Información completa e moi interesante sobre o Barrio de Recemil e a loita veciñal, na Web da Asociación San Fernando para a Conservación do Patrimonio Histórico de Recimil Ferrol.
Enlace relacionado:
Irisarri asegura que o goberno local afrontará unha regularización seria e rigurosa do censo do barrio de Recimil
Luns, 15 de xuño de 2009
O alcalde afirma que nin mirará para outro lado, nin deixará caer o barrio nin elaborará informes para olvidalos no caixón. Anuncia a contratación dun censo de inquilinos para poder afrontar unha política de vivenda pública exemplar. Avanza que o Concello levará a pleno un baremo cos criterios de adxudicación de vivenda pública en Recimil [+info].
Carrusel de imaxes comparando o estado actual das vivendas e como quedaría despois do seu pintado
_________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon