sábado, agosto 29, 2009

Responsabilidade social

Por Manuel Mera [*]
27.08.2009

Un estudo realizado en todo o Estado español amosa que un 54% dos que demandan emprego xa están traballando. Queren aceder ao pluriemprego para completar os ingresos salariais, facendo horas extras despois do traballo cotiá, os fins de semana e mesmo nas vacacións. Trátase fundamentalmente de inmigrantes que están dispostos a realizar xornadas máis longas para completar os ingresos. Abraia que a porcentaxe multiplicou por cinco desde o pasado ano, e ademais o estudo reflicte que son persoas dispostas a aceitar calquera tipo de emprego e de menor cualificación.

Evidentemente este aumento de solicitudes de pluriemprego ten relación coa crise unido a un recuar das condicións laborais, e complicará moito a redución do desemprego. Compre termos en conta que o INEM considera que catro de cada dez parados teñen poucas posibilidades de acadar traballo, porcentaxe que atinxe o 57,3% cando se trata de maiores de 45 anos.

Hai algún medio de información económico que fala dunha seleción que deixa fóra aos menos preparados, porén a peneira empresarial parece responder sobre todo a criterios de custes salariais e neutralizar as persoas máis reivindicativas, algo que moi doado cunha enorme man de obra de reserva.

O medre da contratación irregular de inmigrantes, no ano 2008 foron descubertas 588 persoas traballando nestas condicións en Galiza, un 20% máis que un ano antes, demostra que un sector da patronal está disposta a actuar fóra da Lei para aumentar lucro, a costa de salarios baixos e canear os seguros sociais. Esta tendencia con seguridade crece nun intre como o actual onde a crise parece xustificalo todo nas empresas, e cando pode acadar estes fins por procedementos semi-legais. Esquecen que teñen unha responsabilidade social, ou sexa: cos operarios e o lugar onde obteñen os beneficios.

Artigo publicado no Diario de Ferrol


[*] Manuel Mera Sánchez, é Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG). Membro do Movemento Galego ao Socialismo, formación de recente constitución integrada no BNG.

______________________

Outros artigos de interse de Manuel Mera no xornal sindical Avante
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon