Os campos de concentración que os franceses montaron para os exiliados republicanos acadaron cotas elevadas de crueldade. Non foron campos de exterminio sistemático como os campos nazis, pero foron nalgúns casos a súa antesala. A poboación civil francesa comportouse de xeito variado: Indiferencia, desprezo, medo, trato humanitario e solidario. A prensa de dereitas cargou tintas, mesmo racistas, contra aquela poboación derrotada de exiliados. Pero houbo un feito que aínda hoxe non comprendo ben. Teño que falalo con algún psiquiatra para ver se eles posúen un termo científico que o explique: Producíronse excursións de curiosos, un turismo político, para contemplar aquelas xentes recluídas detrás dos arames de espiño. “Le Midi Socialiste” publicou unha reportaxe sobre colas enormes de turistas que nos domingos acudían á estrada que discorre ao longo do campo de Sainte Cyprien: "Visitábanos como se contempla aos animais do zoo. E iso era así porque a prensa extremista os describira como monstros e a xente, na súa simpleza ou con mala fe, achegábase a comprobalo. Para redondear o negocio, fotógrafos profesionais ou afeccionados fixeron dos republicanos o branco das súas cámaras e nas tendas vendíanse postais dos campos de internamento...” (libro de Secundino Serrano: A última xesta, os republicanos que venceron a Hitler). Así como en Alemaña había como unha consigna nacional: “Ninguén sabía nada, ninguén viu nada”. Moitos franceses colaboracionistas practicaron un “voyerismo” obsceno. Un turismo perverso.
Publicado no "Diario de Ferrol"
[*] Eduardo Fra Molinero, ferrolán que nace en Ponferrada en 1946. Escritor, Profesor de Historia, Investigador, ... [+info no google]
_________________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon