sábado, setembro 26, 2009

A plataforma Queremos Galego! celebrou onte a súa presentación pública na comarca de Ferrol Terra

O xoves 17 de Setembro tiña lugar unha Asemblea Aberta no Ateneo Ferrolán, o obxectivo era a constitución na nosa comarca da plataforma cidadá en defensa da nosa lingua "Queremos Galego". Ante unha situación de emerxencia da nosa lingua, sobre unhas 100 persoas representatntes de diferentes colectivos e entidades da comarca decidiron dar-lle corpo á citada plataforma en Ferrol Terra. Queremos Galego constitue-se como un espazo de encontro de diferentes sensibilidades, para traballar polo galego en positivo, as mobilizacións e as iniciativas a prol do galego vai ser o seu traballo social nesta comarca, ademais de servir para concretizar o traballo que se decida a nivel nacional. Tres portavoces foron nomeados para ser as cabezas visíbeis da plataforma na comarca que onte presentaron publicamente Queremos Galego en Ferrol.

A continuación transcribimos a noticia que publica hoxe o xornal comarcal "Diario de Ferrol:


A plataforma Queremos Galego! celebrou onte a súa presentación pública na comarca de Ferrolterra. Os portavoces desta entidade fixeron un chamamento á cidadanía para que secunde a manifestación en defensa da lingua que terá lugar o vindeiro domingo 18 de outubro en Santiago de Compostela.

Xaquín Campo, un dos representantes da plataforma, fixo fincapé en que “esta entidade está integrada por moitos colectivos que se mobilizan a prol da defensa do idioma” e que se trata “dun espazo plural e aberto”. Para Xabier Ferro, outro dos representantes da entidade, “o obxectivo fundamental de Queremos Galego! é transmitir un discurso positivo en torno á nosa lingua”. Diante da polémica xerada en torno á posible derrogación do decreto do galego, Xaquín Campo declarou que “o mero feito de ter cuestionado a lingua galega xa supón un retroceso de centos de anos

Cara finais de ano, unha vez pasada a manifestación de outubro, “está prevista a promoción dunha Iniciativa Lexislativa Popular” tal e como declarou Delfina Bañobre, portavoz de Queremos Galego! en Ferrolterra.

A plataforma conta con múltiples apoios tanto a nivel autonómico como comarcal. No ámbito galego destaca a adhesión de entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística, o Foro de Curas Galegos, Esquerda Unida, o BNG, Adega ou a Coordenadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. En Ferrolterra tamén se aheriron sociedades como o Club Narón Balompé, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística, o Ateneo Ferrolán ou a Asociación Cultural Fuco Buxán.

Sábado 26 de Septiembre de 2009

Fonte: Diario de Ferrol

_______________________

Reproducimos abaixo, integramente, a proposta de Iniciativa Lexislativa Popular que a Plataforma Cidadá Queremos Galego pretende promover nos próximos meses, mediante unha campaña de sensibilización social e de recollida de asinaturas.

[----- Inicio do texto da proposta -----]

PROPOSTA DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR POLA GARANTÍA DOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Estatuto de Autonomía de Galicia estabelece no seu artigo 5º que “a lingua propia de Galicia é o galego” e que “os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”. Para facer efectivos estes dereitos a lei sinala que “os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, acadando así que ninguén sexa “discriminado por causa da lingua”.

A pesar do sinalado nesta norma, a realidade é que a lingua propia do país continúa sen ter garantida a presenza mínima do seu recoñecemento de oficialidade hai tres décadas, situándose a súa posición pública e institucional lonxe do mandado estatutario. Así, está ausente de boa parte da documentación e sinalizacións públicas, o dereito a recibir atención neste idioma carece de garantías reais e o sistema educativo non só non garante as competencias lingüísticas suficientes en galego, senón que incide no abandono do galego por parte de moitas nenas e moitos nenos.

Para rematar con este incumprimento estatutario é necesario que o Goberno galego adopte medidas para romper con esta situación tan inxusta e avanzar na normalización. As galegas e os galegos teñen que ter garantido o dereito a poder vivir con normalidade na súa lingua na súa terra, sen discriminacións de ningún tipo, como prevén a Constitución española no seu art. 3 e o Estatuto de autonomía no art. 5.

A liberdade das persoas que integran a sociedade galega só poderá ser efectiva cando o poder Público dispoña os medios no sistema educativo para que todos e todas coñezan axeitadamente o galego e a Administración estea en condicións de dispensar os seus servizos na nosa lingua.

A Administración debe cumprir ademais o deber de fomento do galego na vida pública para que mediante a súa visualización a lingua propia acceda a ámbitos institucionais e privados dos que tradicionalmente estivo excluída, transmitindo a mensaxe á sociedade de que a nosa lingua é válida para calquera situación da vida diaria. Cúmprese así co deber constitucional previsto no art. 9.2. da Constitución española de crear as condicións para facer efectiva a igualdade das persoas, promovendo a lingua que está en condicións de desvantaxe social –como amosa a evolución dos Mapas Sociolingüísticos elaborados pola Real Academia Galega–, fundamento das leis protectoras e fomentadoras do galego.

Estas medidas teñen que ir no camiño dos consensos acadados nestes anos, como a aprobación en 1996 da Declaración universal de dereitos lingüísticos, a ratificación en 2001 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, monitorizada polo Consello de Europa, e a aprobación en 2004 do Plan xeral de normalización da lingua galega.

TÍTULO ÚNICO

Co fin de facer plenamente efectivos os dereitos das galegas e dos galegos a utilizaren o idioma propio do país, de acordo co estabelecido no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, o Parlamento galego acorda:

1.- O Goberno galego garantirá que no prazo de 6 meses toda a sinaléctica, información e documentación administrativa que reciban os cidadáns e as cidadás en todos os ámbitos administrativos da Xunta, ou en calquera ámbito participado por ela, incluídas todas aquelas entidades xurídicas que prestan servizos dependentes daquela, estean en galego.

2.- O Goberno galego garantirá que no mesmo prazo de 6 meses todos os seus servizos, e os de calquera entidade participada por el, incluídas todas aquelas que os prestan dependendo da Xunta, serán prestados en galego a todos os cidadáns e cidadás. O persoal das entidades dependentes da Xunta ha tomar a iniciativa dirixíndose e manténdose en galego cara ao público, coa excepción daquelas ou daqueles que soliciten seren atendidos en castelán. Así mesmo, todos os cargos públicos expresaranse normalmente en galego no exercicio das súas funcións.

3.- O Goberno galego garantirá que o dereito a usar e recibir información, documentación etc na lingua propia do país non supoña ningún tipo de discriminación, demora na prestación do servizo ou deturpación lingüística por parte da Administración galega ou os seus representantes.

4.- O Goberno galego adoptará as medidas necesarias para garantir o dereito a recibir o ensino en galego por parte de todo o alumnado ao menos nun 50% do horario escolar en cada curso en todas as etapas educativas, de acordo co sinalado no Plan xeral de normalización da lingua galega.

[----- Fin do texto da proposta -----]
_________________________

Enlace relacionado:

______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon