mércores, setembro 09, 2009

Proposta de elaboración dun regulamento de adxudicación de vivendas en Recimil,


INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA
Ferrol, 8 de setembro  de 2009
  • O  GRUPO MUNICIPAL DE  ESQUERDA UNIDA  RECLAMA A  ELABORACIÓN DUN REGULAMENTO PARA A ADXUDICACIÓN DAS VIVENDAS BALEIRAS DE RECIMIL
  • NO ENTANTO, ESQUERDA UNIDA ESIXE TRANSPARENCIA E OBXECTIVIDADE,  E QUE SE CUMPRA  O ACORDO DE LEVAR Á COMISIÓN AS  POSIBLES ADXUDICACIÓNS
O  Grupo Municipal de Esquerda Unida  entende que unha das tarefas imprescindibles   e urxentes para acometer o proceso de rehabilitación do barrio de Recimil é o da elaboración  dun novo e depurado  censo, porque o vello feito en tempos do PP necesita dunha actualización certa. O noso Grupo Municipal demanda do Goberno Municipal celeridade na elaboración do mesmo para non demorar máis do debido  outras actuacións rehabilitadoras que precisan desta actuación previa.

A tardanza en acometer esta acción compromete tamén a transparencia e obxectividade que debe rexer na adxudicación de vivendas no barrio.  Con data de 2 de  setembro, apróbase un decreto polo Negociado de Patrimonio no que se adxudica por contrato menor o Estudo da situación  legal e xurídica das vivendas e locais protexidos en Recimil. O anterior estudo data do verán de 2004 e nel recollíase un radiografía provisional do barrio pola cal unhas 236 vivendas ou locais carecían de título algún sobre istes, 156 vivendas estarían a utilizarse sen título en vigor, pero susceptibles de formalizar a situación, restando 731 locais ou vivendas  con título para habitalas.

Hai xa meses que na Comisión Informativa de Benestar  acordárase  que as adxudicacións que se fagan  nos casos de emerxencia social pasaran pola  Comisión para seren vistas polos  Grupos Municipais. Acordo que está sendo incumprido con pertinacia pola concellería de Benestar, que lonxe de traer os casos ao seo da Comisión os despacha – sen luz e transparencia algunha – como resolucións da  Alcaldía das que se da conta no Pleno.

Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal, reclama a  urxente elaboración dun Regulamento de adxudicación de vivendas en Recimil, que permita  fixar con obxectividade e transparencia as vivendas do barrio de Recimil.  Asemade e de xeito transitorio, o noso Grupo Municipal  esixe que sexan estudadas na Comisión as adxudicacións que se fagan neste ínterim. A transparencia e a obxectividade son esixencia dunha administración pública ao servizo real da cidadanía, salienta Yolanda Díaz.

O barrio de Recimil conta cuns acreditados valores urbanísticos e culturais, que fan deste conxunto un ben a preservar, máis cando se atopa nun dos supostos que contempla o ministerio para emprender nel accións rehabilitadoras, ao atoparse nun proceso de degradación. Recimil constitúe, para o noso Grupo Muncipal, unha oportunidade para desenvolver unha ambiciosa política social de vivenda pública en aluguer.

A  oportunidade e xusteza dun uso racional e social de Recimil revélase con particular forza cando vivimos intres dunha dureza social enorme, provocada pola  máis fonda crise económica dende a depresión dos anos trinta. Recimil é tanto un investimento de futuro polo que a nosa cidade ten que preservar e pular, canto unha ferramenta de redistribución social no eido do dereito á vivenda que a nosa sociedade  non pode desperdiciar.

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
8 de setembro de 2009 15:20


Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo un Informacións do Grupo Municipal de EU, que achega a proposta de elaboración dun regulamento de adxudicación de vivendas en Recimil, que garanta transparencia e obxectividade, asemade de urxir a reelaboración dun censo de vivendas e locais, prerrequisito que permita abordar as tarefas rehabilitadoras do barrio. Un saúdo, Ramiro Marier

_______________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon