sábado, setembro 12, 2009

Queremos Galego

Por Bieito Lobeira
03.09.2009


Castelo de Soutomaior, 29 de agosto. Acto, seica, de "apertura do curso político" do PP. Denominador común nas intervencións, a xenreira contra a lingua galega. Rafael Louzán –“Rafa”, no Casino de Pontevedra– esbardalla no seu mellor papel de paxe-bufón de Mariano Raxoi, e afirma que agora xa se pode falar en galego ou en español, libremente. Co anterior Goberno, non. Obrigábaselle á xente a falar en galego. Esta barballada recibiu aplausos dos cargos do PP asistentes ao evento.

O propio Raxoi, en entrevista concedida ao xornal La Voz de Galicia (grupo empresarial comprometido co combate contra o galego que acaba de ser beneficiado con máis de un millón de euros polo fomento do galego e a defensa da identidade de Galiza) asevera, en perfecto español, que “no me gusta hablar del gallego ni del castellano (…) a mi de lo que me gusta hablar es de libertad. Yo tengo dos hijos, y a mi me gustaría educarlos como yo quiero”. Aí temos o caso dun pai, analfabeto no idioma do país que o viu nacer –e do que renega–,  que pretende que os seus fillos sigan o mesmo camiño de ignorancia, incultura e alienación que o pai. O segregacionismo racista, a discriminación antigalega, transfigúrase en liberdade.

E aí temos a aposta pola liberdade do actual Goberno. Como se defende a liberdade? A resposta é doada. En apenas 100 días, substitución da imaxe corporativa das Galescolas polas xa denominadas “Galiñas Azuis”, derrogación do Decreto do ensino infantil, revogación do Decreto do galego no ensino non universitario incluíndo unha suposta “consulta” co correspondente suposto escrutinio e supostos resultados en prol do suposto bilingüismo amábel, supresión da proba en galego nas oposicións, supresión das axudas á tradución en galego, cursos en español para funcionarios e funcionarias na EGAP, anuncio de subsidio ás expresións culturais en español (tamén apoiadas polo goberno español), uso sistemático do español por membros do Goberno, definición do Plano Xeral de Normalización como “simple remuíño de ideas”, exclusión do galego nas comunicacións do SERGAS, silencio perante casos de discriminación laboral e vexacións polo uso do galego, máis de dous millóns de euros de subsidio a medios de comunicación que se rin do noso idioma e cultura, introdución do español nos informativos da TVG (de momento na G2), criminalización da Mesa pola Normalización Lingüística e ameazas de ilegalización... e así sucesivamente. En só 100 días. Este é o seu concepto de liberdade. A liberdade que nos nega e nos encadea. Como no franquismo.

Isto, e non outra cousa, é o que temos diante galegos e galegas. A besta. Por iso é indispensábel articular respostas populares masivas e coherentes, á altura da gravidade das circunstancias. Deixémonos de leas e de enguedellamentos. O que precisa o pobo galego é unidade, clareza, pedagoxía e mobilización social en defensa do que nos conformou historicamente como sociedade, como pobo diferenciado, como nación. A lingua. Non se trata de politizar o debate lingüístico. E que o galego é un problema político. E na saúde dun idioma, ou nos dereitos lingüísticos dos seus utentes, a política ten un papel determinante. Eles, os inimigos do galego, téñeno moi claro. E sería bon que nós actuásemos en consecuencia.

Queremos Galego é unha plataforma social de recente creación, participada tamén polo nacionalismo galego xunto a outros sectores sociais e ideolóxicos, empeñada en dinamizar e mobilizar o pobo galego nas próximas semanas en defensa do noso idioma. Naceu para iso. Todo esforzo social de concienciación, convencemento, clarificación e dinamización vai ser vital neste camiño. E nesa orientación temos que nos entregar. Eles, o PP (e non só), traballan para que as medidas que están a perpetrar teñan efectos devastadores e irreversíbeis no tempo. Daquela debemos ser conscientes do que nos xogamos colectivamente. Non é un problema meramente electoral, nin de primacía de liñas ideolóxicas no campo nacionalista. Vai alén. Trátase da nosa supervivencia nacional, e do futuro como pobo. E con iso non se xoga.

Fonte: bitaculas.as-pg.com/
__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon