xoves, setembro 10, 2009

Unha exposición amosa no Centro Cívico e Culural Carvalho Calero a “Tortura intelectual” do franquismo ó galego

Acto no Inferniño: Exposición "Editar en galego baixo a censura franquista"

CarlosC carballeira
redacción > ferrol


A “Obra completa” de Cabanillas editouse en Buenos Aires porque, en España, a censura esixía a supresión de 25 poemas; “A esmorga”, de Eduardo Blanco Amor; tampouco pasou o férreo control franquista da moral dos seus administrados; e a tradución dun ensaio filosófico de Heidegger, feita por Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega, non obtivo os parabéns dos censores por ousar empregar o galego para outra cousa que non fora a lírica ou a exaltación da Galicia  folclórica e costumista.

En Galicia, algún pedantón traduce la filosofía alemana con ritmo de gaita”, escribía Juan Aparicio, Director General de Prensa en 1956.

A historia da censura da ditadura á edición en galego, desde que se recupera a finais dos anos 40, co punto de inflexión da Lei de Prensa e Imprenta de 1966, e ata despois da morte do ditador Francisco Franco, pode verse desde hoxe á tarde -a inauguración é ás sete- e ata o 30 de setembro, no Carvalho Calero.

A través de documentos da época que saen á luz por primeira vez, de edicións mutiladas, paneis explicativos e de esclarecedoras entrevistas a Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, pódese comprender como funcionaba o aparato represor do franquismo no tocante a cuestións intelectuais.

Algunhas características deste control político, moral e relixioso compártense co resto do país, pero en Galicia padécese ademais a persecución do idioma propio. Tal e como explicaba onte Xosé Manuel Dasilva, comisario desta mostra promovida pola Fundación Penzol e Galaxia, existía unha represión da lingua “cando este á empregada para determinados usos”.

A idea da inferioridade do galego está moi presente no ánimo dos censores (erixidos incluso en críticos literarios), desterrando o galego a certos rexistros e invalidándoo como lingua de prestixio.

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, animou ós ferroláns a ver unha mostra que aclara “cal era a tortura intelectual que padeceu Galicia durante o réxime franquista”. “Hai cantidade de xeracións que non puidemos ler o que tiñamos que ler no seu momento, e iso non se recupera”, engadiu. “Tamén hai que dicirlles ós novos que houbo moito polo que loitar e aínda hai moito que recuperar para saber como foi aquilo”.

Editar en galego baixo a censura franquista” chega a Ferrol logo de pasar por Vigo, Pontevedra, Ourense e O Barco.

Despois aínda itinerará por Foz, Lugo e A Coruña.

Poderase ver no Carvalho Calero (no Ensanche A) ata finais de mes, de 10.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.30 horas.

Publicado no Diario de Ferrol

Tamén na web do Concello de Ferrol

--
ASOCIACION VECIÑAL O ROSARIO- INFERNIÑO
CIF-G70006473
correo-e: avvorosario@gmail.com
blog : orosario-inferninho.blogspot.com

Enviado por:
asociacion Veciñal O Rosario-Inferniño
-avvorosario@gmail.com-
9 de setembro de 2009 18:39

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon