xoves, setembro 10, 2009

Lingua proletaria

Por Rosa Aneiros
09.09.2009


O trinta de agosto de 1979 morría en Vigo Celso Emilio Ferreiro causando unha fonda consternación porque este gran poeta se convertera xa nun referente cultural, nun mito para as novas xeracións. Tiña o celanovés ás súas costas un pasado nas Mocidades Galeguistas, o duro castigo do franquismo e un extraordinario labor de divulgador da cultura galega.

Pero, sobre todo, o que causaba e causa maior admiración é a súa poesía. Obras como Longa Noite de Pedra, O soño asulagado, Viaxe ao país dos ananos ou Onde o mundo se chama Celanova ofrécennos día a día o compango necesario para vivir. El fálanos da vida, da liberdade, do amor, da urxencia de rachar coas mordazas, da lingua, da paz, da necesidade de soñar e de denunciar as barbaries.

Esta miña homenaxe no seu trinta cabodano, estas as súas palabras: "Lingoa proletaria do meu pobo; eu fáloa porque sí, porque me gosta; porque me peta e quero e dame a gaña; porque me sai de dentro, alá do fondo; dunha tristura aceda que me abrangue; ao ver tantos patufos desleigados; pequenos mequetrefes sin raíces; que ao pór a garabata xa non saben; afirmarse no amor dos devanceiros; falar a fala nai, a fala dos abós que temos mortos, e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos do lingoaxe, remo i arado, proa e rella sempre".

Publicado en Galicia Hoxe
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon