luns, outubro 12, 2009

A nena entende español?

Tags


Por Francisco Castro [*]
10.10.2009


Máis dunha vez, e de dúas, teño escrito arredor das cousas que me pasan (case que escribo, que teño que aturar) en relación ao costume, rariño, de lles falar en galego aos meus fillos e que eles me falen a min igual. A xente, que é de natural boa (non hai nin un chisco de retranca no que veño de escribir) métese a conta disto en sarillos dos que despois lles costa saír e que, máis aló da anécdota (aínda que non necesariamente divertida) serven para nos ofrecer unha clase, e de balde, sobre a sociopsicolingüística do país.

O outro día estaba coa miña bebé de ano e medio agardando para subir no ascensor. Ao meu carón, unha agradable veciña comezou a lle facer aloumiños e a lle falar con agarimo. Xa saben, como lle facemos sempre ás crianzas. Nunha determinada altura, a señora parou supetamente para ollarme, moi seria e preguntarme, en perfecto galego: “E a nena entende o español?” Diante da cara de parvo que se me puxo, e que deixaba claro o meu estupor diante da pregunta, ela seguiu falando: “claro, é que como vós só lle falades en galego pois non sei se me entende”.

Por sorte o ascensor chegou e a conversa rematou aí.

Como antes dixen, esta anécdota (xa saben por que dixen que non tiña por que ser necesariamente divertida) é toda unha clase de sociopsicolingüística. A señora realmente cre, e faino dende unha inocencia absoluta, como cren os de Galicia Bilingüe (GB) (pero sen inocencia), que é posible, neste noso país, que un neno non aprenda o castelán se lló se lle fala en galego. Iso é radicalmente imposible. Non aprender castelán, aínda que non cho falen (que llo falan; hai máis familia, está a tele, moitos veciños, outros cativos e cativas, etc,... é dicir, unha morea de espontáneos axentes castelanizantes) é absolutamente imposible. Mais a señora pensábao. Os pais desta son rariños e, xa que logo, igual a nena vive nunha especie de autismo lingüístico social ou algo así.

A realidade, máis ben, é xustamente a contraria. É posible que as e os nenos castelanfalantes non dean aprendindo, aínda que vivan en Galicia, o idioma propio (en moitas familias ninguén o fala, as teles –agás unha– non o empregan, os veciños tampouco, a meirande parte dos nenos e nenas, cando menos nas cidades, outro tanto ... ). Mais o seu oposto é absolutamente imposible.

Que alguén lle explique isto aos de GB. En español, por suposto.

Fonte: anosaterra.org

[*]Francisco Castro, escritor, nado en Vigo en 1966. Gañador, este ano 2009, do Premio Blanco-Amor con "Spam", unha novela sobre "a mentira electrónica que é internet"

Blogue persoal de Francisco Castro:
http://www.blogoteca.com/franciscocastro/



Enviado por:
Damch GZ
-damchgz@gmail.com-
10 de outubro de 2009 12:41

___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon