xoves, outubro 08, 2009

Rolda da Rebeldía: Que, falamos?


  • O Encontro Irmandiño chama a un debate para a reformulación do nacionalismo de esquerdas.
  • A Rolda da Rebeldía procurará unha organización político social que transcenda o modelo clásico e que estea á altura das exixencias sociais do país.

ROLDA DA REBELDÍA
O Encontro Irmandiño chama a un debate para a reformulación do nacionalismo de esquerdas

A Rolda da Rebeldía procurará unha organización político social que transcenda o modelo clásico e que estea á altura das exixencias sociais do país.
Vieiros - Redacción - 07.10.2009

A "revolta ideolóxica, política e social" do Encontro Irmandiño (EI) está en marcha. A primeiros de decembro celebrarase o primeiro encontro enmarcado na Rolda de Rebeldía, coa que esta formación nacionalista pretende "iniciar un proceso de busca dunha organización político-social que transcenda o inservíbel modelo clásico e que estea á altura das exixencias políticas da esquerda social do noso país".

O obxectivo é reunir "á meirande representación posíbel da esquerda política transformadora e da esquerda social galegas" e debater sobre tres eixes temáticos fundamentais. O primeiro destes puntos refírese ao modelo clásico do funcionamento dos partidos: o EI pregúntase como se debe construír un novo referente suxeito-político-social, cal é o modelo organizativo do que se debe dotar e se é necesario o acceso ás institucións. O segundo eixo céntrase nas canles de comunicación, participación e irmandade entre a esquerda social e a esquerda política. Finalmente, o terceiro apartado cuestionará os mecanismos e accións que debe emprender o nacionalismo de esquerdas para afondar na creación de masas críticas que exixan un cambio radical no modelo de sociedade partindo da realidade galega.

Dende EI pretenden que este debate sexa o máis aberto posíbel polo que animan á cidadanía e aos movementos sociais de esquerdas do país a participar. O prazo de inscrición rematará o 10 de novembro para colectivos e o 20 para cidadáns. Ademais, até o 31 de outubro poden enviarse achegas, reflexións, propostas de debate ou ampliación dos eixes temáticos. Así, chaman ao diálogo, do que apuntan que nacerá o entendemento, "e do entendemento os mecanismos para avanzarmos en obxectivos comúns, sen límites, sen medo a experimentar, sen utilizacións e con atrevemento e sinceridade".

Fonta: vieiros.com

Enviado por:
Rolda de Rebeldía (EI)
-roldaderebeldia@encontroirmandinho.org-
8 de outubro de 2009 20:40

_______________________

Enlaces relacionados:
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon