luns, outubro 26, 2009

Unha pegada inesquecíbel

Tags




Un accidente na casa, roubou a vida de Ana Paz Rodríguez (Anita), o pasado sábado 24 de outubro. A pesar da súa prematura morte, con tan só 38 anos, deixa unha pegada inesquecíbel en moitos sectores da nosa comarca, como así o testemuña as numerosas persoas que se achegaron até o tanatorio entre o sábado e o domingo. A súa excepcionalidade queda patente non só entre a súa familia e amizades, senon tamén como profesional e activista social.

Vinculada ao barrio de Caranza, de moi nova participa na creación do grupo xuvenil "Arceibe", que chegou a aglutinar a case un cento de nenos e nenas do barrio ao redor duns monitores e monitoras que en moitos casos non superaban a maioria de idade. Os valores da paz, a solidaridade, a xustiza social e a defensa do medio ambiente, metéronse para acompañala para sempre na maleta da súa vida, e orientala cara o que sería a súa profesión de educadora social.

No concello de Valdoviño ou no de Ferrol, levou adiante iniciativas orientadas a integración social que en todos os casos daban axiña froitos. A ludoteca e a coordinación co CPI de Atios para as familias que máis necesitaban a súa labor de educadora social, no caso de Valdoviño; ou todo o traballo realizado para o empoderamento das mulleres no concello de Ferrol, son mostras delo.

Nos últimos anos a empresa xeriátrica Abrente beneficiouse do seu traballo, que significou unha loita constante para dignificar o último tramo da vida d@s usuarios. Ela defendia abrir ás ventás para que a vida entrara nos xeriátricos, así era habitual que pola sua xestión, moitos colectivos sociais e culturais participaran coas súas reivindicacións, loitas ou festas, na vida dos centros.

Anita era unha defensora dos servizos públicos. A súa aposta como nai pola escola pública e a súa participación na comunidade educativa dos centros foi sempre constante no curto tempo de escolaridade da sua filla e do seu fillo, que lle foi permitido disfrutar. Esa mesma coerencia, levouna a loitar por unha praza no que ela consideraba tiña que ser o seu lugar. Así chegou ao posto de Coordenadora do CAMF de Catabois, en Ferrol. Foron só trece meses que pola intensidade do seu traballo, a relación entre o persoal e resitentes, convertiron en perda irreparábel para este centro a súa morte.

Foi responsábel por un tempo da comisión da muller do BNG en Ferrol. Participou da secretaria da muller da CIG. Activista da Marcha Mundial das Mulleres, sendo nomeada delegada da Coordenadora galega para a mobilización mundial que tivo lugar en Burquina Fasso.

O seu paso curto por esta comarca foi intenso e produtivo, un modelo de compromiso persoal e cidadá para unha mocidade que está chamada a rescatar a esta comarca do pesimismo e a resignación, e inxectar a alegria, creatividade, e solidariedade que definian a Anita.

Mentres as cinzas de Anita (Ana Paz Rodríguez) eran incineradas no tanatorio, un grupo de persoas con distintos vínculos con ela, realizaron un itinerario por distintos lugares da cidade que dan mostra da intensidade do amor que nos brindou, na certeza de que, como dizia o poeta, "a forza do seu amor non pode ser inútil".

Galería Fotográfica do Acto:

Fonte: http://picasaweb.google.com/lupeces/LembrandoAAnita?feat=directlink


Diapositivos
:

Enlace coa galería de diapositivos en alta resolución

En lembranza de "Anita"
[24 de Outubro de 2009]

Estarás sempre con nós
Os teus amigos e amigas de Arceibe
.......

Compañeira, irmá, amiga:
Chegaches ao noso centro e entraches nas nosas vidas como un sopro de aire fresco, para encher de forza e ledicia os nosos días.
A túa forza como muller e como loitadora facíate un exemplo a seguir.
"Non te alonxará de nós a néboa dos días"
As túas compañeiras, compañeiros e residentes do CAMF de Ferrol [*]
.......


[*] Nota.- Ana María Paz Rodríguez era a Responsábel da Área Asistencial Residencial do CAMF - Ferrol
___________________

1 comentarios so far

Hai quince anos que non te vía e neste momento escoito a túa voz, as túas risas...e lembro unha aperta moi cálida que nos dimos un día, como a ti che gustaban, así que... seguireite cuidando na miña memoria, agora con máis delicadeza se cabe


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon