Amosando publicacións coa etiqueta Anita. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Anita. Amosar todas as publicacións

sábado, outubro 29, 2011

Hoxe pola Tarde "O magosto de Anita " en Caranza - Sábado 29 de Outubro de 2011

Trata-se dun MAGOSTO POPULAR de carácter público, aberto á participación de todo o barrio.

Este magosto, ten como obxectivo reivindicar a figura de ANA PAZ RODRÍGUEZ, “Anita”, veciña do noso barrio, falecida hai dous anos, cuxa traxectoria vital, aínda que curta, é un compendio de feitos, actitudes e valores, que conforman un legado que consideramos hai que poñer en valor, sobre todo de cara a promocionar entre a xuventude do barrio un modelo de solidariedade, de activismo social, de empatía comunitaria, tan necesarios nestes tempos que vivimos.
Asociación Cultural Fuco Buxán
Asociación Cultural López Bouza
Asociación Veciñal de Caranza
Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos
Sociedade Cultural, Deportiva e Recreativa Ferrándiz
Sociedade Cultural Deportiva e Recreativa Galicia de Caranza
*****

Este Sábado 29 de Outubro de 2011, desde as 6 e media da Tarde imos lembrar a Anita nun Magosto en Caranza, montaremos unha carpa no Parque Carmelo Teixeiro, xunto a Ermita, entre a rúa Cartagena e a Avenida do Mar.

"Celebramos un magosto aberto a todas e todos, onde haberá música, castañas, viño, zumes, festa, e lembranzas,... O corazón aberto, as pernas lixeiras e a gorxa mollada para un bo cantar. Unha xuntanza para recordar á persoa, conservar a tradición e... pasar unha boa tarde entre tod@s nos. Esperamos a vosa participación. Teremos un cuberto se a chuvia quere aparecer..." [Lembranza de Anita]

Anita no facebook:
http://es-es.facebook.com/pages/Anita/155128607861230

Enlaces para Anita:
  • "Unha pegada inesquecíbel" [Em Ártabra 21]

  • Dúas ferrolás foron distinguidas -logo do seu pasamento- cunha mención especial na entrega do "Premio 8 de Marzo" da CIG: Ana Paz Rodríguez -Anita- e Margarita Bellas Miragaya -Marga- [Em Ártabra 21]

  • Homenaxe a "Anita" na Comarca de Trasancos [Em Ártabra 21]

____________

domingo, marzo 14, 2010

Homenaxe a "Anita" na comarca de Trasancos

O Centro Cívico do barrio de Caranza, acolleu unha sentida homenaxe da Secretaria da Muller da CIG, a Ana Paz Rodríguez -Anita-. Como acto central deste sindicato para conmemorar os cen anos da celebración do 8 de Marzo como Día Internacional das Mulleres, a Secretaría da Muller, recolleu a testemuña de "Anita", recentemente falecida nun tráxico accidente, para devolverlla á cidadanía da comarca ferrolá, como un exemplo de loita e compromiso constante na construción dun mundo máis xusto. A poesía da man de Pim e Rita, a música da man de María Manuela e as Cantareiras de Trasancos, e a proxección de imaxes, encheron o Centro Cívico de emoción e recoñecemento para unha activista que sendo tan nova, deixou unha pegada indelébel nas persoas que compartiron o seu tempo. A familia de Ana Paz Rodríguez, e as súas amizades máis achegadas, recolleron este recoñecemento, que se ben non borra a perda de Anita, de seguro lles confirma o querida e valorada que era, e que xa formar parte da historia colectiva desta comarca.

__________________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Unha pegada inesquecíbel
_______________________

Dúas ferrolás foron distinguidas -logo do seu pasamento- cunha mención especial na entrega do "Premio 8 de Marzo" da CIG: Ana Paz Rodríguez -Anita- e Margarita Bellas Miragaya -Marga-


[Na foto: Suso, Margarida, Gelo e Pablo]


O pasado 5 de Marzo de 2010, celebraba-se en Compostela, con motivo do "Día Internacional da Muller Traballadora" un acto de recoñecemento a loita das mulleres de Tréves [*], onde se lles entregou o "Premio 8 de Marzo" -outorgado pola CIG- pola súa loita en defensa dos postos de traballo e contra a deslocalización da empresa. Onde tamén se mencionaron loitas nas que as mulleres foron protagonistas: as mobilizacións protagonizadas polas traballadoras de Caramelo, de Montoto, de Povisa, de Peletería Senda, do grupo Pepe Nieto, de Alfageme ...

Margarida Corral Sánchez -Secretaria da Muller da CIG- denunciou que este foi “un ano no que a patronal se escudou na crise para precarizar as condicións nas que as mulleres desenvolvemos o noso traballo”, dixo “onde moitas foron presionadas pola patronal para forzalas a abandonar os seus postos, creando ambientes de traballo degradantes, intimidatorios e hostís, en moitos casos en castigo por facer exercicio do dereito á conciliación da vida familiar, persoal e laboral, por querer protexer a maternidade, sen que sexa a costa de perder o posto de traballo ou por ser cabeza visíbel dunha loita sindical”.

Neste sentido salientou o caso de Nélida Pisco, a traballadora de Autobuses de Calo que foi recentemente despedida, logo de ter sufrido “un rosario de discriminacións e ameazas”, por ter solicitado unha redución de xornada por coidado de menores a cargo.

Mencións especiais

Antes de facer entrega do premio, Margarida Corral Sánchez fixo especial mención á compañeira María Teresa Junquera Méndez, finada o pasado ano, “en recoñecemento a toda unha vida dedicada a esta central sindical, pola súa entrega na loita e defensa dos dereitos da clase traballadora”.

Tamén se lle fixo unha especial mención a Ana Paz Rodríguez -Anita-, responsábel da área asistencial residencial do CAMF (Centro de Minusválidos Físicos) de Ferrol, finada o pasado Outubro, da que salientou “o seu labor de integración social dos colectivos máis desfavorecidos, polo seu activismo, compromiso e loita na defensa dos dereitos das mulleres”.

Por último fixo unha emotiva lembranza de Margarita Bellas Miragaya -Marga-, Secretaria da Sección Sindical da CIG no Concello de Ferrol, finada hai máis de dous anos, á que recordou como a cara visíbel durante moitos anos da Asociación Migratoria de Residentes de Ferrolterra (ASMIREFE), como membro do Foro Galego de Inmigración e da que destacou “o seu contributo na Comisión de Mulleres desta central sindical, polo seu sorriso, pola súa infinita solidariedade, o seu legado, xunto coa súa categoría humana contribuíron a facer da CIG unha organización mellor”. Por iso, dixo, “dedicámoslle esta mención, en recoñecemento a toda unha vida dedicada á integración da poboación inmigrante, emigrante e retornada, pola súa defensa das mulleres e da clase traballadora”.

Fonte: Avantar

[*] Tréves, é unha empresa auxiliar do automóbil, en Pontevedra, que permaneceu en loita desde que en xullo do pasado ano se presentara un Expediente de Regulación de Emprego para deslocalizar a empresa a Marrocos. "As traballadoras permaneceron 9 días en folga, protagonizando peches na Deputación Provincial, na Cámara de Comercio, concentracións diante da Xunta de Galiza en Compostela, diante da PSA-CITROEN en Vigo, manifestacións en Pontevedra, e finalmente foron capaces de conseguir un acordo de 51 días de indemnización cando a empresa procedeu ao peche definitivo, o 31 de decembro, obrigando á Xunta de Galiza a crear unha bolsa de emprego para o sector da automoción".
_______________________

luns, outubro 26, 2009

Unha pegada inesquecíbel




Un accidente na casa, roubou a vida de Ana Paz Rodríguez (Anita), o pasado sábado 24 de outubro. A pesar da súa prematura morte, con tan só 38 anos, deixa unha pegada inesquecíbel en moitos sectores da nosa comarca, como así o testemuña as numerosas persoas que se achegaron até o tanatorio entre o sábado e o domingo. A súa excepcionalidade queda patente non só entre a súa familia e amizades, senon tamén como profesional e activista social.

Vinculada ao barrio de Caranza, de moi nova participa na creación do grupo xuvenil "Arceibe", que chegou a aglutinar a case un cento de nenos e nenas do barrio ao redor duns monitores e monitoras que en moitos casos non superaban a maioria de idade. Os valores da paz, a solidaridade, a xustiza social e a defensa do medio ambiente, metéronse para acompañala para sempre na maleta da súa vida, e orientala cara o que sería a súa profesión de educadora social.

No concello de Valdoviño ou no de Ferrol, levou adiante iniciativas orientadas a integración social que en todos os casos daban axiña froitos. A ludoteca e a coordinación co CPI de Atios para as familias que máis necesitaban a súa labor de educadora social, no caso de Valdoviño; ou todo o traballo realizado para o empoderamento das mulleres no concello de Ferrol, son mostras delo.

Nos últimos anos a empresa xeriátrica Abrente beneficiouse do seu traballo, que significou unha loita constante para dignificar o último tramo da vida d@s usuarios. Ela defendia abrir ás ventás para que a vida entrara nos xeriátricos, así era habitual que pola sua xestión, moitos colectivos sociais e culturais participaran coas súas reivindicacións, loitas ou festas, na vida dos centros.

Anita era unha defensora dos servizos públicos. A súa aposta como nai pola escola pública e a súa participación na comunidade educativa dos centros foi sempre constante no curto tempo de escolaridade da sua filla e do seu fillo, que lle foi permitido disfrutar. Esa mesma coerencia, levouna a loitar por unha praza no que ela consideraba tiña que ser o seu lugar. Así chegou ao posto de Coordenadora do CAMF de Catabois, en Ferrol. Foron só trece meses que pola intensidade do seu traballo, a relación entre o persoal e resitentes, convertiron en perda irreparábel para este centro a súa morte.

Foi responsábel por un tempo da comisión da muller do BNG en Ferrol. Participou da secretaria da muller da CIG. Activista da Marcha Mundial das Mulleres, sendo nomeada delegada da Coordenadora galega para a mobilización mundial que tivo lugar en Burquina Fasso.

O seu paso curto por esta comarca foi intenso e produtivo, un modelo de compromiso persoal e cidadá para unha mocidade que está chamada a rescatar a esta comarca do pesimismo e a resignación, e inxectar a alegria, creatividade, e solidariedade que definian a Anita.

Mentres as cinzas de Anita (Ana Paz Rodríguez) eran incineradas no tanatorio, un grupo de persoas con distintos vínculos con ela, realizaron un itinerario por distintos lugares da cidade que dan mostra da intensidade do amor que nos brindou, na certeza de que, como dizia o poeta, "a forza do seu amor non pode ser inútil".

Galería Fotográfica do Acto:

Fonte: http://picasaweb.google.com/lupeces/LembrandoAAnita?feat=directlink


Diapositivos
:

Enlace coa galería de diapositivos en alta resolución

En lembranza de "Anita"
[24 de Outubro de 2009]

Estarás sempre con nós
Os teus amigos e amigas de Arceibe
.......

Compañeira, irmá, amiga:
Chegaches ao noso centro e entraches nas nosas vidas como un sopro de aire fresco, para encher de forza e ledicia os nosos días.
A túa forza como muller e como loitadora facíate un exemplo a seguir.
"Non te alonxará de nós a néboa dos días"
As túas compañeiras, compañeiros e residentes do CAMF de Ferrol [*]
.......


[*] Nota.- Ana María Paz Rodríguez era a Responsábel da Área Asistencial Residencial do CAMF - Ferrol
___________________