domingo, março 14, 2010

Dúas ferrolás foron distinguidas -logo do seu pasamento- cunha mención especial na entrega do "Premio 8 de Marzo" da CIG: Ana Paz Rodríguez -Anita- e Margarita Bellas Miragaya -Marga-


[Na foto: Suso, Margarida, Gelo e Pablo]


O pasado 5 de Marzo de 2010, celebraba-se en Compostela, con motivo do "Día Internacional da Muller Traballadora" un acto de recoñecemento a loita das mulleres de Tréves [*], onde se lles entregou o "Premio 8 de Marzo" -outorgado pola CIG- pola súa loita en defensa dos postos de traballo e contra a deslocalización da empresa. Onde tamén se mencionaron loitas nas que as mulleres foron protagonistas: as mobilizacións protagonizadas polas traballadoras de Caramelo, de Montoto, de Povisa, de Peletería Senda, do grupo Pepe Nieto, de Alfageme ...

Margarida Corral Sánchez -Secretaria da Muller da CIG- denunciou que este foi “un ano no que a patronal se escudou na crise para precarizar as condicións nas que as mulleres desenvolvemos o noso traballo”, dixo “onde moitas foron presionadas pola patronal para forzalas a abandonar os seus postos, creando ambientes de traballo degradantes, intimidatorios e hostís, en moitos casos en castigo por facer exercicio do dereito á conciliación da vida familiar, persoal e laboral, por querer protexer a maternidade, sen que sexa a costa de perder o posto de traballo ou por ser cabeza visíbel dunha loita sindical”.

Neste sentido salientou o caso de Nélida Pisco, a traballadora de Autobuses de Calo que foi recentemente despedida, logo de ter sufrido “un rosario de discriminacións e ameazas”, por ter solicitado unha redución de xornada por coidado de menores a cargo.

Mencións especiais

Antes de facer entrega do premio, Margarida Corral Sánchez fixo especial mención á compañeira María Teresa Junquera Méndez, finada o pasado ano, “en recoñecemento a toda unha vida dedicada a esta central sindical, pola súa entrega na loita e defensa dos dereitos da clase traballadora”.

Tamén se lle fixo unha especial mención a Ana Paz Rodríguez -Anita-, responsábel da área asistencial residencial do CAMF (Centro de Minusválidos Físicos) de Ferrol, finada o pasado Outubro, da que salientou “o seu labor de integración social dos colectivos máis desfavorecidos, polo seu activismo, compromiso e loita na defensa dos dereitos das mulleres”.

Por último fixo unha emotiva lembranza de Margarita Bellas Miragaya -Marga-, Secretaria da Sección Sindical da CIG no Concello de Ferrol, finada hai máis de dous anos, á que recordou como a cara visíbel durante moitos anos da Asociación Migratoria de Residentes de Ferrolterra (ASMIREFE), como membro do Foro Galego de Inmigración e da que destacou “o seu contributo na Comisión de Mulleres desta central sindical, polo seu sorriso, pola súa infinita solidariedade, o seu legado, xunto coa súa categoría humana contribuíron a facer da CIG unha organización mellor”. Por iso, dixo, “dedicámoslle esta mención, en recoñecemento a toda unha vida dedicada á integración da poboación inmigrante, emigrante e retornada, pola súa defensa das mulleres e da clase traballadora”.

Fonte: Avantar

[*] Tréves, é unha empresa auxiliar do automóbil, en Pontevedra, que permaneceu en loita desde que en xullo do pasado ano se presentara un Expediente de Regulación de Emprego para deslocalizar a empresa a Marrocos. "As traballadoras permaneceron 9 días en folga, protagonizando peches na Deputación Provincial, na Cámara de Comercio, concentracións diante da Xunta de Galiza en Compostela, diante da PSA-CITROEN en Vigo, manifestacións en Pontevedra, e finalmente foron capaces de conseguir un acordo de 51 días de indemnización cando a empresa procedeu ao peche definitivo, o 31 de decembro, obrigando á Xunta de Galiza a crear unha bolsa de emprego para o sector da automoción".
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon