venres, novembro 27, 2009

A folga xeral no comercio de alimentación na comarca de Ferrol Terra



Hoxe, 27 de Novembro de 2009, hai folga no sector do Comercio de Alimentación.


A plataforma sindical unitaria conformada por UGT, CCOO e CIG, para a negociación do convenio provincial de comercio de alimentación, convocou unha folga xeral no sector. Nesta comarca os piquetes estiveron desde a madrugada informando do seu dereito á folga ás traballadoras e traballadores. Esta folga coincide ao mesmo tempo coa folga no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra. O obxectivo é camiñar para conseguir un Convenio Galego do Sector.



A situación laboral no sector é de grande precariedade, xornadas interminabeis e baixos salarios.

A xornada de folga, veu precedida de mobilizacións nas diferentes cidades e vilas, trataba-se de quentar motores para sensibilizar á xente co obxectivo de que se somaran á loita reivindicativa por un convenio xusto, ao mesmo tempo que se informaba a clientes do paro deste venres, 27 de Novembro. Os principais establecimentos nos que se realizaron as mobilizacións foron os de Froiz e Gadis e o centro loxístico de distribución de Lidl en Narón.




As direccións das empresas están presionando ao seu persoal para que non secunde a folga, sobre todo ao persoal contratado en precario, motivo polo cal as centrais sindicais fan un chamamento aos usuari@s dos establecementos de alimentación a colaborar e apoiar as lexítimas reivindicacións do persoal do comercio da alimentación non acudindo a mercar o venres nos estabelecementos das empresas afectadas polo convenio Gadis [Froiz, Gadis, Lidl, Hiperxel, ...].

En total máis de 31.000 traballadoras e traballadores do sector, entre as dúas provincias, duns 2.200 centros de traballo están chamad@s a secundar este paro, que, de non producirse movementos por parte da patronal repetirase o 9 de decembro, pero xa cun carácter indefinido.




Neste momento en Ferrol, o paro é case total, só nalgúns establecimentos hai problemas por mor de esquiroles que foron traballar e presionan ao persoal eventual con ruíns ameazas sobre o futuro do seu contrato. As forzas policiais están despregadas por toda a cidade, intentando impedir a laboura informativa dos piquetes.

No resto das comarcas a situación é moi parecida, pode-se dicer que a folga é todo un éxito.

Seguiremos informando. ...

Nota.- As traballadoras de centros importantes como Mercadona ou Eroski , non están chamad@s á folga por ter estes centros outro convenio colectivo distinto ao provincial.
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon