martes, decembro 08, 2009

Galiza perante o cumio do clima de Copenhaguen


Por Xosé Veiras García [*]
24.11.2009

Desde hai polo menos 20 anos non faltan razóns sólidas para tomarse moi en serio a mudanza climática, unha das caras, xunto co cénit do petróleo, da crise enerxética global. O problema xa está aquí, golpeando primeiro e máis forte ás xentes máis desfavorecidas.

Porén, os impactos actuais serán pouca cousa en comparación cos futuros se superamos o limiar dunha mudanza climática “moi perigosa”, o que acontecería se non invertemos antes de 2020 a tendencia de aumento das emisións mundiais de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de invernadoiro. É o primeiro paso necesario para prevenirmos unha mudanza climática catastrófica.

Malia o Protocolo de Quioto -incumprido por estados como o español- a taxa anual de aumento das emisións de carbono debidas á queima de combustíbeis fóseis multiplicouse por catro entre a década dos noventa e o período 2000-2007. Non vai ser nada fácil, se se recupera o crecemento económico, atinxir o teito mundial das emisións nos próximos anos. Moito máis díficil aínda, por non dicir imposíbel, será reducilas até chegarmos cara ao 2050 a niveis polo menos un 80% inferiores aos de 1990, no caso de tentarmos seguir pola vía do crecemento ilimitado, inherente ao capitalismo.

Ninguén podería asegurar que o cumio do clima a celebrar en Copenhaguen do 7 ao 18 de decembro será a derradeira oportunidade para salvarmos o clima, mais se non é a derradeira será con certeza unha das últimas. Xa perdemos moito tempo, de xeito que hoxe a mudanza climática é inevitábel. Se seguimos a perdelo, o que será inevitábel será unha crise climática de consecuencias devastadoras, peores canto maior sexa o aumento da temperatura media global do planeta. Estamos chocando contra os límites da Terra e canto máis insistamos en vivir por riba das posibilidades ecolóxicas mais nos achegaremos ao abismo.

A chave do éxito do cumio de Copenhaguen, no que se debería adoptar un acordo ambicioso, xusto e legalmente vinculante que substitúa ou amplíe o Protocolo de Quioto, téñenna os países enriquecidos. Polas súas emisións históricas e actuais (moi superiores ás que lles corresponderían nun reparto equitativo considerando a súa poboación), son os responsábeis da crise climática (e da máis ampla crise ambiental global). Son os que máis deben e poden facer para a resolver, nun cadro de responsabilidade común entre países mais diferenciada. Como era de agardar, e con excepcións como a de Noruega, as posicións dos países industrializados durante o proceso de negociacións previas a Copenhaguen non están á altura das súas responsabilidades, especialmente no caso dos EUA. O conxunto das propostas destes países supoñen entre unha cuarta parte e unha terceira parte da redución de emisións necesaria no horizonte do ano 2020 segundo o mellor coñecemento científico. A día de hoxe, os estados centrais non están dispostos a asumir plenamente a súa débeda climática.

Unha elevada pegada de carbono

Galiza forma parte claramente do grupo de países responsábeis da mudanza climática. As nosas emisións por habitante ascenden a 12,7 toneladas, unha cifra moi elevada que mesmo supera amplamente a media europea e española. É certo que unha parte corresponde a emisións “importadas”, asociadas á electricidade, aos produtos petrolíferos ou ao aluminio producidos no noso territorio e exportados ao resto do Estado español ou a outros estados. Mais mesmo descontando estas emisións, o noso contributo relativo á mudanza climática seguiría a ser alto, moi por riba do socioambientalmente aceptábel.

Segundo senllos estudos realizados nas Universidades de Santiago e da Coruña, a nosa pegada de carbono, é dicir, a superficie de terreo arborizado necesaria para absorber o CO2 procedente do consumo de enerxía, situaríase entre 1,7 e 2,1 hectáreas por persoa. Isto equivale a afirmar que abonda practicamente coa pegada de carbono, unha das compoñentes da pegada ecolóxica, para nos convertermos en “transgresores ecolóxicos” a escala global, para termos un modelo socioeconómico ecoloxicamente insustentábel.

Loxicamente non todos os galegos e galegas somos igualmente responsábeis da débeda climática que o noso país está contraendo cos países empobrecidos ao se apropiar dunha parte excesiva da capacidade que teñen os sistemas naturais do planeta de absorber CO2, cuxa superación é o que provoca o caos climático. Sen esquecermos que a maioría da poboación galega fai parte da chamada “clase consumidora mundial”, son os gobernos –desde os municipais até o estatal- e máis as grandes empresas os principais responsábeis de que Galiza sexa parte do maior problema socioambiental global.

As emisións galegas de gases de invernadoiro foron en 2007 un 23,4% superiores ás de 1990, que é o ano de referencia para o Protocolo de Quioto. As nosas emisións aumentaron en maior medida aínda que as do conxunto dos países enriquecidos, nos que o incremento medio foi do 9,9%. Isto non aconteceu por acaso, senón pola aplicación de políticas públicas curtopracistas e irresponsábeis. Por exemplo, mentres as accións a prol do aforro enerxético tiveron un carácter pouco máis que simbólico, encheuse o país de estradas de alta capacidade que favoreceron a urbanización dispersa (e por conseguinte a demanda de mobilidade motorizada) e o uso abusivo do coche.

Por tras das políticas públicas que estimularon o aumento das emisións de gases causantes da mudanza climática están os intereses das transnacionais do sector enerxético, do da construción ou do automobilístico. Os “accionistas contra o clima” teñen moita máis forza que os activistas en defensa do clima á hora de influíren nas políticas de gobernos e nos hábitos dos consumidoras e consumidores, pero alén diso son responsábeis directos da maior parte das emisións que teñen lugar na nosa terra. Seis transnacionais privadas foron responsábeis de nada menos que do 51,6% das emisións de gases de invernadoiro de Galiza en 2007, último ano para o que se dispón de datos oficiais sobre as emisións totais do país. Os seis maiores emisores son, por esta orde, Endesa –o primeiro con moita diferenza, grazas á súa central térmica de carbón das Pontes-, Gas Natural-Unión Fenosa, Alcoa, Repsol, Ferroatlántica e Cementos Cosmos (Corporación Noroeste-Grupo Cimpor).

A xustiza climática desde Galiza

A xustiza climática debería ser o principio inspirador dun novo tratado climático. Que significa para un país como Galiza aplicar o principio da xustiza climática?. Dúas cousas moi importantes. Reducir drasticamente as súas elevadas emisións e axudar aos países empobrecidos a mitigar e a adaptarse á mudanza climática, é dicir, contribuír a que melloren as condicións de vida das súas xentes con baixas emisións de carbono e a que minimicen os impactos negativos da mudanza climática que xa é inevitábel e que foi provocada polos países enriquecidos (fundamentalmente pola “tríade devoradora”: EUA, UE e Xapón).

Non se trata no noso caso de desacelerar o aumento das emisións, de diminuílas a respecto dun escenario tendencial “business as usual”, como se pode esixir nestes momentos a países como Brasil ou China. Isto era, sen ir máis lonxe, o que propoñía o plano de loita contra o cambio climático do bipartito, que se conformaba con que as emisións en 2012 fosen un 37% superiores ás rexistradas en 1990, cando no 2007 eran un 23,4% maiores. Feixóo anulou este plano, de seguro que non para o mellorar, senón para o substituír por outro aínda peor, facéndolle de paso o favor á nosa esquerda parlamentaria de disimular a súa falta de compromiso climático, tal como fixo Aznar con Zapatero ou Bush con Obama. Fronte a unha dereita tan extremadamente produtivista case calquera pode pasar por “ecoloxista radical” nun momento dado.

Galiza debería comezar xa a reducir de forma sostida as emisións –máis alá de contextos de crise como o actual- iniciando a transición cara a estilos de vida e modos de produción sustentábeis, sen recorrer ás reducións virtuais que trampas do mercado de emisións permiten ou a falsas alternativas como a enerxía nuclear ou os agrocombustíbeis insustentábeis. Como facelo?. Pois, por exemplo, loitando porque pechen canto antes as térmicas de carbón e impulsando con forza a xeración de electricidade renovábel de xeito socioambientalmente responsábel; deixando de enterrar tanto diñeiro en estradas que xeran máis e máis tráfego e promovendo adecuadamente o transporte colectivo; con máis soberanía alimentaria e con menos grande distribución, “alimentos quilométricos” e agricultura e pesca industrial (agora tamén armada!); ou desbotando a incineración e promovendo a redución e a reciclaxe intensiva dos residuos urbanos.

Trataríase, en definitiva, de procurarmos vivir ben decrecendo o consumo de enerxía e de materiais e distribuíndo con equidade a riqueza, o que ademais de nos situar no lado da solución xusta á temíbel crise climática, nos prepararía para escenarios futuros de escaseza e encarecemento de recursos naturais, nomeadamente do petróleo, do que tanto dependemos hoxe (unha mostra diso é que fornece o 62% da enerxía dispoñíbel).

Sermos coherentes coa xustiza climática significa tamén colaborarmos, na medida das nosas responsabilidades e capacidades, nos esforzos de mitigación e adaptación á mudanza climática nos países empobrecidos. Con financiamento adicional ao destinado á cooperación, o que desde logo será moito pedir para algúns, considerando os orzamentos escandalosamente raquíticos destinados até hoxe á cooperación, que o Goberno Feixóo pretende reducir aínda máis para o próximo ano, até suporen tan só o 0,086% do orzamento da Xunta.

A xustiza climática non está no programa dos que nos gobernan desde institucións e empresas, así que cómpre da mobilización de todas as persoas que demandamos o pagamento da débeda climática e loitamos por un mundo xusto e sustentábel, o que pasa por atinxir un bo acordo en Copenhaguen. O próximo Día de Acción Global polo Clima (12 de decembro) é unha ocasión para facermos ouvir de novo as nosas voces.

Publicado en altermundo.org
________________

 Acima Xosé Veiras nun detalle dunha foto de X. M. Albán

[*] Xosé Veiras, o ecoloxista maduro e rigoroso. Por Xaime Leiro. Verde si, maduro tamén. O biólogo compostelán Xosé Veiras, vocacional cento por cento, naceu en 1970 cando o ecoloxismo galego (Adega e a Sociedade Galega de Historia Natural) empezaba a dar os seus primeiros pasos. Hoxe, ambas as dúas asociacións, polas que pasou este activista, representan, coma el, a madureza dun movemento plenamente asentado en Galicia, que é capaz de sacarlles as cores ós representantes de multinacionais como Endesa, Celulosas ou Pescanova. Precoz, entrou con 15 anos na SGHN, un colectivo centrado máis no estudo ca na denuncia. Esta concepción de seriedade científica nos argumentos non o abandonaría xa nunca, impregnando dela toda a súa actividade futura. Despois de ocupar a secretaría xeral da SGHN, con apenas 18 anos, e sendo presidente Xosé Manuel Penas Patiño (actual alcalde nacionalista de Rois), este empedernido trotamontes, deu un paso máis contra o minifundismo tan asentado na comunidade e empezou a traballar por aglutinar os esforzos de todos os grupos galegos no xerme do que sería a Federación Ecoloxista Galega, da que foi coordinador xeral entre 1996 e 2001, e converteuse na voz solvente e na cara autorizada de todo o movemento en Galiza. Afastado paseniñamente da SGHN por considerar que tiña moito de estudo e pouco de defensa do medio, entrou en Adega, da que foi secretario executivo entre 2001 e finais de 2005. O proceso deseñado pola Unión do Pobo Galego para o control efectivo do grupo derivou no seu abandono da organización e nunha ruptura traumática que acabou por frutificar no nacemento de Verdegaia. Crítica, solvente, rigorosa, independente e apartidaria, así é a organización que soña para Galicia este biólogo metido agora a consultor ambiental, que denunciou con contundencia os responsables populares da xestión do accidente do Prestige que se converteu en marea negra, e que tampouco calou (como si fixeron significativamente outros) cando o verán pasado eran os nacionalistas os que tiñan baixo o seu control o operativo contra os lumes forestais que derivou en catástrofe ecolóxica. Rara avis sen ataduras. [No xornal diario "Galicia Hoxe"]

________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon