domingo, decembro 27, 2009

Sacando caretas no asunto Recimil

Estimados compañeiros: ante a imposibilidade de respostar a quen se empeña en insistir sobre a conveniencia do derribo do meu barrio (e da miña casa), envíovos algo de información, para que saibades...

TAU Promociones S. A. y Recimil

Na sección de Ferrol da “Coz de Galicia” do Sábado día 19 de decembro, aparecían dúas opinións sobre o futuro do barrio de Recimil.

Unha delas a favor da rehabilitación, correspondente á Sra. Fernández Lemos, presidenta da Delegación en Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia, coherente co posicionamento desta entidade, que xa no ano 2005 dedicara a Recimil o día mundial da Arquitectura, polos seus valores histórico-urbanísticos.

A outra a favor da derruba, correspondente ó Sr.Vázquez Liaño, Director do Grupo TAU, radicado en Coruña, e que se dedica a grandes operacións de derruba e reconstrución.

Da primeira non vou facer comentario, porque a opinión dos arquitect@s ferroláns é de sobras coñecida.

Da segunda quero facer unha serie de puntualizacións, para intentar que o persoal interesado no tema, teña o maior número de elementos de xuízo.


Por exemplo:

Di o Sr. Vázquez, que os arquitectos José Fonseca e outros, proxectaron a barriada desde Madrid, “interpretando equivocadamente las teorías e ideologías que formaban parte de las directrices del Plan Pedreira de 1929”. Pero resulta que José Fonseca foi un dos máis prestixiosos arquitectos do século pasado con numerosas e importantes obras en Madrid e que non parece posible que se equivocase na interpretación das intencións do proxecto Rey Pedreira, se temos en conta o parecido case exacto con aquel proxecto.

Fai referencia o Sr. Vázquez a unha opinión da Dirección Xeral de Patrimonio, redactada do seguinte xeito:

En opinión da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non se pode afirmar que:"(...) El actual barrio de Recimil tenga los valores artísticos o antropológicos, en todo caso el valor histórico que pudiera tener es más teórico que real puesto que la propuesta original de Rey Pedreira fue desvirtuada y el valor cultural desde el punto de vista urbanístico, arquitectónico y social basado en el ideario del Movimiento Moderno se vio adulterado y trastocado en su realización y construcción";.

Aínda sen ter en conta que o paragrafo está intencionadamente cortado con ese entrecomiñado que no documento orixinal non existe, debería estar ben clara a intención dos redactores de non “mollarse”, pois se non poden afirmar que teña eses valores, tampouco os negan.

Mais este pequeno detalle non tería maior importancia se non fose que:

1).- O Grupo TAU xa tentou meterlle man á derruba do barrio no ano 1996, en contactos coa Asociación de Veciños, cun proxecto que lles puxo os pelos de punta ós técnicos que o viron. Temos os debuxos daquel proxecto, que trataremos de enviarvos noutro correo.

2).- En xaneiro do 2005, PP+IF aprobaron o “Expediente de desafección do barrio de Recimil de Ferrol”, documento no que apoiaron a súa petición á Xunta de descatalogación do barrio.

Este expediente, cheo de mentiras e verdades a medias que amosaban o descoñecemento que do barrio tiñan os autores, a máis de algún insulto para os veciños (degradación social, tráfico de drogas) foi redactado precisamente polo Grupo TAU, que seguramente era consciente da trapallada que estaba a facer, pois NON firmaron o citado Expediente, que resulta ser un panfleto anónimo, pois ningunha firma o avala.

E como soubemos que foi Tau quen o fixo? Porque temos o documento que xustifica o pago de 11.944,40 euros (15 – 12 – 2004) ó Grupo Tau Coruña S. L., como “Honorarios Expt. Desafección Barrio Recimil”.

Velaí o interese do Sr. Vázquez Liaño, (“profesional das derrubas”), en arrasar as Casas Baratas de Recimil.

Asociación San Fernando - Recimil.

Enviado por:
sanfernanadorecimil
-sanfernandorecimil@mundo-r.com-
24 de dezembro de 2009 19:48

_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon