domingo, decembro 27, 2009

Empresarios


Por Eduardo Fra
27.12.2009


Aqueles caciques, se saían da lei, buscábanche un enchufe na mili ou un traballiño, dependendo do compromiso. Os señores da terra aparecían nas historias como pais benfeitores, e mais defensores do pobo, por ser xente armada. Debíaslles respecto e reverencia. As familias nobres tiñan boas sepulturas historiadas nas igrexas. Así cerrábase o círculo da reverencia. ¿Quen non quere adornar con literaturas a súa profesión, a súa posición social e a propia familia? Agora os empresarios tamén queren aparecer como benfeitores sociais. Son moi finos falando e din frases graciosas como a de que “dan traballo”. Como se fosen unha ONG da caridade. Nunca lles escoitaredes dicir: “Compramos traballo, cando o necesitamos. E por hora de traballo pagada gañamos unha plusvalía. O negocio é o negocio”. Falar así é de groseiros brutos, En fin, que os empresarios, igual que aqueles señores feudais, a quen chamaban oficialmente pais do pobo, levan camiño de aparecer como os novos pais da patria. Hai modelos. Fixeron do Cid un exemplo de señor daqueles tempos da reconquista. Agora os empresarios elixiron a un señor como dirixente. Este salvador chamou ao presidente do Goberno ignorante e causante da crise. Díxoo despois de cear co sr. Rajoy, líder da oposición. Este empresario non lle contou a Rajoy que a súa empresa era un pufo, que debía aos traballadores varios meses de paga, que vendeu miles de billetes de avión sen ter avións... Había que revisar tamén o modelo do Cid, como señor cabal, non vaia ser o demo.

Publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon