xoves, xaneiro 14, 2010

Endesa asegura estar autorizada para secar o Eume


[Lago artificial d'As Pontes - GABRIEL TIZÓN | 14-01-2010 - O inmenso lago artificial d'As Pontes está xa á mitade da súa capacidade polo agua desviada do río Eume]

Todo aproveitamento dun río leva unha perturbación", xustifica

Por Lorena Bustabad
14.01.2010


O inmenso lago artificial d'As Pontes está xa á metade da súa capacidade. A auga desviada do río Eume encheu en ano e medio parte do oco aberto durante décadas pola mina de lignito e alcanza profundidades de 150 metros. Endesa, que explota a central, estima que completará o enchido a finais do 2011. Os ecoloxistas defenden que o proxecto é unha sentenza de morte para o Eume, un río que, desde 1960, permanece seco ao longo de 3,4 quilómetros polo caudal desviado para mover as turbinas de Endesa. A empresa asegurou onte que está autorizada polo contrato de concesión, que data de 1953. Endesa, o xigante eléctrico que explota o río Eume e mantén completamente seco un tramo de 3,4 quilómetros desde fai medio século, defendeu onte que todas as súas accións axústanse escrupulosamente á lei. En cuestión de segundos, a Xunta corrixiu á eléctrica en presenza dos seus directivos. Aínda que de forma confusa, admitiu que a compañía incumpriu a lei desecando ilegalmente un tramo do río Eume para mover as turbinas dunha das súas dúas centrais hidroeléctricas.

Durante unha visita onte ao lago artificial d'As Pontes, o director xeral de Endesa para España e Portugal, José Bogas, asegurou que "todo aproveitamento dun río leva unha perturbación" e defendeu que a empresa limítase a espremer "o que está autorizado". Ao seu lado, o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, recordou que na concesión a Endesa por 99 anos, que data de 1953, non se recollía a necesidade de manter un caudal ecolóxico. No entanto, Hernández terminou por corrixir timidamente ao directivo ao recordar que, efectivamente, a Lei de Pesca Fluvial de Galicia establece medidas de conservación para os ríos cun caudal ecolóxico.

A entidade ecoloxista Ríos con Vida denunciou ante o Seprona que un tramo deste caudaloso río que rega o Parque Natural das Fragas do Eume permanece completamente seco desde 1960. Polos 3.400 metros que separan o encoro da Capela e a minicentral hidroeléctrica do Eume apenas corre un fío de auga, a pesar de que lei esixe manter permanentemente un caudal que equivale ao 10% da media anual do río.

O conselleiro apuntou que existe un problema nos desaugadoiros do fondo do pantano da Capela, que estudan os técnicos para achar unha solución que se axuste á legalidade. Pedro Brufao, presidente de Rios con Vida, asegura que o fondo da presa acumula 27 metros de lodos contaminados, xa que as súas comportas están seladas desde fai décadas.

Este catedrático de Dereito responsabiliza a Endesa dun presunto delito de captación abusiva de augas castigado no Código Penal, e acusa ao Goberno galego de mirar para outro lado durante moitos anos. O conselleiro, que onte tamén admitiu un atraso "dalgunhas semanas" na execución do último tramo da autovía AG 64 entre Ferrol e Vilalba, que debía abrirse ao tráfico este mes, concentrou os seus esforzos en eloxiar o proxecto do lago artificial de Endesa, que definiu como un "fito ambiental" para rexenerar o oco da mina pontesa.

En pouco máis de ano e medio, o lago xa roza o 50% da súa capacidade. A compañía prevé completar o enchido das 865 hectáreas con 547.000 millóns de litros de auga cara a finais do 2011. Esta lagoa artificial, cuxa superficie duplica ao encoro de Cecebre, contará con praia e un observatorio de aves.

Publicado en "El País"
____________________

Enlace relacionado:
_____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon