mércores, xaneiro 27, 2010

Proxección do documental: A CIDADE DA SELVA




Mércores día 27 de xaneiro ás 19 horas.
Proxección do DOCUMENTAL: A CIDADE DA SELVA. Presenta Bernardo Maiz.

A cidade da selva era o nome dun refuxio para os guerrilleiros antifranquistas ubicado no Barco de Valdeorras. Este documental recolle, a través dos testemuños dos protagonistas, a historia da guerrilla e dos fuxidos en Galicia. A película abrangue desde os tempos da República até a morte do último guerrilleiro, no ano 1954.

Os seus nomes chegaron a ser case míticos. Apúñanselles tanto as maiores fazañas como as falcatruadas máis grandes. Deixaron unha fonda impresión na memoria popular que se mantivo durante anos asociada ao medo de falar deles. Son os guerrilleiros, personaxes históricos e seres míticos que agora van xurdindo en certo xeito do seu esquecemento. Agora, o documental "A cidade da selva" recupera esta memoria directamente da voz dos seus protagonistas.

Sinopse:
Detrás da figura dun guerrilleiro había biografías do máis dispar. Desde labregos que nalgún momento participaran nas loitas agrarias, mariñeiros vencellados ao daquela poderoso sindicalismo do sector, mestres perseguidos, obreiros comunistas e mesmo liberais partidarios da república a quen un día se lles deu o aviso de que a súa vida corría perigo. Coñecidos nun primeiro momento como "fuxidos", comezaron unha existencia clandestina e a miúdo solitaria na que o principal obxectivo era a supervivencia. Aos, poucos cristalizou coma noutros lugares do Estado, a formación dun movemento organizado cunha ampla rede información e de apoios que lle que permitiría sobrevivir á propia Guerra Civil. Foi en 1944 canso se creou o Corpo de Guerrillas de Castela e León, promovido polo PCE e con catro agrupacións organizadas. Canda a elas sobreviviron aínda outros fuxidos fóra da órbita comunista. A presión policial e militar, canda a decisión do PCE en 1949 de abandonar a estratexia guerrilleira foi afogando este colectivo. De calquera xeito foi en 1965 cando caeu o último destes fuxidos, o famoso "Piloto".



________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon