sábado, xaneiro 23, 2010

Queremos Galego de Ferrol Terra fai avaliación da Xornada de Loita contra o Decretazo do 21 de Xaneiro


  • A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO da comarca de Ferrol califica de “multitudinario” o apoio recibido
  • Estima en máis de 3.000 persoas da nosa comarca as que acudiron á chamada en defensa do galego
  • Afirma que “a mellor defensa do galego é o seu uso”

A estrutura comarcal da plataforma desexa trasladar o seu agradecemento ás miles de persoas que se desprazaron a Compostela o pasado xoves. A indignación producida pola “agresiva política lingüística” que pretende aplicar o Presidente da Xunta contra o galego e o feito de facer público durante as festas do nadal o decretazo de redución do galego no ensino motivou unha resposta tan masiva.

Os nove autobuses que poidemos pór a disposición dos nosos veciños e veciñas non foron suficientes polo que na tarde anterior vímonos na obriga de lles negar a posibilidade de os levar. Pedimos desculpas coa única excusa de nos vermos sobrepasados por unha demanda moi superior á prevista para un día de semana.

Foron moitas as persoas castelanfalantes que acudiron á chamada da plataforma rexeitando as “coces” que Feijoo está a dar á convivencia en Galiza. Desde a plataforma animámolas a dar o paso de falar en galego pois é o xeito de mellor querer a nosa lingua, a leren en galego para apoiar as nosas publicacións, a solicitaren amabelmente seren atendidos en galego nas distintas institucións e a escribiren en galego sen vergoña de erraren pois a aprendizaxe prodúcese ao insistir na súa utilizacion. “A mellor defensa do galego é o seu uso

Esiximoslle ao señor Feijoo que defenda o galego alá onde vaia. Séculos de imposición doutra lingua estigmatizaron a nosa mais o cargo que ocupa obrígaoo a defender os dereitos da lingua galega e os nosos dereitos. A súa conduta é indigna do cargo que ostenta, o de meirande representación política galega.

Sitio web oficial da Plataforma:
http://www.queremosgalego.org/


Enviado por:
Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos
a.revolta.de.trasancos@gmail.com
23 de janeiro de 2010 10:41

http://a-revolta-de-trasancos.blogspot.com/

_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon