luns, febreiro 01, 2010

ADEGA-Trasancos e o Dia Mundial dos Humidáis


DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS
2 de Febreiro de 2010

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia -ADEGA- quere instar neste día á Xunta de Galicia, como responsable da planificación e xestión dos humidais galegos, a cumprir coas súas obrigas de respecto á lei no referente á súa conservación e uso racional, promocionando e executando políticas de conservación efectiva e non destructivas como as que tiveron lugar nos últimos tempos no espazo protexido da Lagoa da Frouxeira, sometido a continuos e irresponsables sangrados e valeirados de auga, que é o recurso básico dun humidal.

No Ano Internacional da Biodiversidade a xestión da Frouxeira, un dos humidais máis senlleiros de Galicia, é un exemplo de mala xestión. Cando os embalses en Galicia están ao 85% da súa capacidade, o humidal protexido da Frouxeira está sen auga desde hai máis de 2 meses e medio cando a lagoa debería estar ao 100%.

ADEGA recorda que a zona de Ferrolterra-Ortegal conta cunha gran variedade de zonas húmidas, albergando dous dos cinco Humidais de Importancia Internacional do Convenio de Ramsar presentes en Galicia, o humidal da Frouxeira e a ría de Ortigueira-Ladrido, ademais dun gran número e variedade destes ecosistemas; sistemas lacustres, humidais fluviais, turbeiras, humidais higrófilos, etc. que posúen unha importante riqueza de hábitats e especies, proporcionan unha grande variedade de recursos, constitúen un valioso patrimonio natural e cultural, e á vez, soportan todo tipo de actividades humanas.

O nefasto manexo destes medios levaron en moitos casos ao sangrado, entullado, desecamento e destrucción de numerosos humidais galegos como o caso da desaparecida lagoa de Pantín no mesmo concello de Valdoviño.

Para que non se repitan situacións como a que está a acontecer na lagoa da Frouxeira, onde de seguir este ritmo acabará desaparecendo, é preciso o cumprimento da lexislación ambiental vixente que protexe estes humidais (Directiva Hábitat 92/43/CEE, Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, Decreto 127/2008 dos Humidais protexidos de Galicia...). Esta obriga ten que empezar pola propia Xunta de Galicia que a debe cumprir e facela cumprir. Nesta lexislación demándase das administracións responsables non só a conservación e mantemento destes ecosistemas, senón tamén, de ser o caso, a súa restauración. 

A alteración progresiva do humidal da Frouxeira provocaría a desaparición dunha importante fonte de recursos que, ben xestionados, representan unha riqueza para a contorna, polo que calquera degradación desta zona vai en contra dos intereses das veciñas e veciños de Valdoviño.

Iste tamén  é un bó momento para que o Estado, a través da Demarcación de Costas, incorpore ao patrimonio público as zonas de inundación natural da lagoa comprando estas fincas que xa de por sí non son urbanizables. Asímesmo, ADEGA propón que se acondicione un vial que transcurra pola parte de arriba das casas situadas nas inmediacións da lagoa e que de acceso rodado aos veciños, transformándose o actual en senda peonil como continuidade da que xa existe.

Ferrol, 1 de febreiro de 2010

ADEGA, delegación de Trasancos
Ferrol


Nés Lopez, secretario de ADEGA-Trasancos: 649779774lodergz@gmail.com
Antón Muñiz, directivo de ADEGA-Trasancos: 663304110 - xamute@gmail.com

Enviada por:
Antonio Gª -angaji@yahoo.com-
1 de fevereiro de 2010 12:19
Antonio Gª Jiménez
ADEGA-Trasancos
Ferrol

_____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon