Expulsión ao completo do grupo parlamentario da esquerda da sesión do Bundestag
Exhibiron en silencio carteis cos nomes de civís mortos no bombardeo de Kunduz do 4 de Setembro, durante o debate que aprobou o incremento de tropas alemás en Afganistán
Por Rafael Poch
26.02.2010- Berlín
Nunca sucedera que todo un grupo parlamentario fose expulsado dunha sesión do Bundestag. Sucedeu onte. Os 76 deputados de Die Linke, o partido da esquerda socialdemócrata e postcomunista, foron expulsados en bloque, polo Presidente da Cámara, o cristianodemócrata Norbert Lammert, durante o debate para aprobar o incremento de tropas alemás en Afganistán.
O incidente produciuse ao termo dunha apaixonada intervención da deputada de Die Linke, Christine Buchholz. Os deputados do seu grupo levantáronse dos seus asentos sostendo en silencio carteis cos nomes das vítimas do bombardeo ordenado polo exército alemán o 4 de setembro en Kunduz, que custou a vida a uns 140 civís.
Buchholz, recentemente chegada de Afganistán, dixera que "a insurxencia afgá ten apoio popular e é parte da poboación". "Iso significa que a loita contra a insurxencia e a protección da poboación son temas irreconciliables", e que, "Alemaña está metida nunha guerra contra a poboación", engadiu.
A deputada recordou a crecente cifra de vítimas civís en Afganistán barallada pola ONU en 2009, 2150 mortos civís, entre eles 350 nen@s, e mencionou algúns impactantes testemuños de vítimas do bombardeo do 4 de setembro, cuxo ocultamiento e manipulación informativa deu lugar á dimisión de tres altos cargos, incluídos o entón Ministro de Defensa, o seu viceministro e o xefe do Estado Maior do Exército.
Os deputados obedeceron sen obxectar a orde de expulsión de Lammert, que incluía a prohibición de votar e que este xustificou citando o regulamento da Cámara. O veterano deputado dos verdes Hans-Christian Ströbele, de 71 anos de idade, protestou a decisión, dicindo que expulsar e prohibir votar por recordar no Parlamento a vítimas producidas por Alemaña, "lanza un sinal moi malo a Afganistán e ao mundo". Lammert rectificou e accedeu finalmente a que os deputados puidesen votar.
Por 429 votos e 111 en contra, con 46 abstencións do Partido Verde, e co apoio da oposición socialdemócrata, o envío de 850 soldados máis a Afganistán, que eleva o continxente alemán a 5350 soldados, pasou sen dificultades.
O 71% dos alemáns están en contra ou expresan escepticismo sobre a guerra de Afganistán, segundo a última enquisa, aínda que é unha oposición pasiva que non deu lugar a un movemento de protesta continuado e significativo como foi o dos anos setenta contra a guerra de Vietnam ou o dos oitenta contra o despregamento dos euromisiles.
O goberno alemán celebrou a votación como, "unha vitoria da razón e a responsabilidade", en palabras do Vicecanciller e Ministro de Exteriores, Guido Westerwelle, que felicitou aos socialdemócratas, que xunto aos verdes meteron a Alemaña na guerra, por, "non esquecer a responsabilidade ao pasar á oposición".
Westerwelle cualificou de "moi correcta" a expulsión do grupo parlamentario da sesión. A actitude dos deputados de Die Linke, dixo, "non é aceptable". Die Linke é o único grupo parlamentario do Bundestag cuxos deputados merecen o privilexio de ter as súas comunicacións electrónicas e telefónicas vixiadas polos servizos secretos, segundo recoñeceuse oficialmente o ano pasado.
A transferencia de responsabilidades en materia de seguridade ao goberno afgán comezará, "a finais de 2010 e principios de 2011", dixo Westerwelle, nunha conferencia de prensa celebrada esta mañá. "A finais de 2011 poderemos comezar unha repregamento do noso continxente, e en 2014 (o Presidente afgán) Karzai xa será plenamente responsable da situación", dixo o Vicecanciller.
Westerwelle presentou o incremento de tropas e de axuda civil como parte dunha, "nova estratexia con máis énfase no político e na reconstrución". Tamén se declarou en contra dunha "retirada insensata" que non faría máis que reavivar o terrorismo, dixo. "Se non fose polos soldados, non habería ningunha reconstrución de Afganistán, pensar o contrario é inxenuo", dixo.
Fonte: lavanguardia.es/internacional
____________________
Sítio web oficial de Die Linke - A Esquerda:
http://die-linke.de/
_______________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon