martes, febreiro 02, 2010

A galorpa social

Por Luís Álvarez Pousa [*]
31.01.2010

A crise, que experimenta en España o poder destrutivo dos elementos que identifican a treboada perfecta, ten entre outras consecuencias a de poñer patas arriba todo canto veu garantindo as bases sobre as que se conforma o sistema de benestar. A estas alturas, todos temos claro onde está localizado o seu volcánico epicentro, a acumulación de forza bruta que tivo na especulación e na codicia dos poderosos o seu principal alimento. Pero, aínda que desconfiados, nunca imaxinamos ata onde podería ser posible que os que a provocaron condicionen agora tódalas saídas e poñan en perigo as conquistas sociais. E aínda menos que sexan gobernos socialdemócratas os seus máis acaídos cómplices. Porque non doutra maneira hai que definir a quen vén de poñer en marcha un proceso de reformas que unicamente sintonizan con Díaz Ferrán e os seus teloneiros da CEOE.

As demandas da patronal, que teñen no gobernador do Banco de España ao seu máis potente alabardeiro, coinciden co que Zapatero e Salgado se propoñen defender no Parlamento español. Sen que nada que non sexa o medo escénico -perto xa dos catro millóns e medio de parados póñenlle a calquera a pel de galiña- poida explicar como é posible que a crise tamén contribúa a facer estraños compañeiros de cama. Ninguén máis está pola vía dos recortes sociais, como o é retrasar a idade de xubilación, ou flexibilizar o mercado de traballo, como se España non fose xa niso a campeona entre os demais países da UE. Acaso non existen outras alternativas menos traumáticas e inxustas, capaces de afrontar un problema real que ninguén nega: que a metade da poboación vai estar fóra da idade laboral en 2049?

O desplome da afiliación á seguridade social, e a suba dos gastos sanitarios que en boa medida se debe ao número cada vez máis grande de persoas maiores, poñen en dúbida a resistencia do sistema de pensións. Certo. Porén, se o desplome deriva da destrución de emprego -curiosamente a pesar de que a caída do PIB español é menor que naqueles países da eurozona coas cifras de paro máis baixas-, e do conseguinte aumento do paro, o que a un goberno socialdemócrata se lle esixe é que explore con novas e máis eficaces fórmulas ese problema de base, no que ten moito que ver tamén a ausencia de políticas de natalidade, sen as que dificilmente se poden atallar as sombras que se reflectan sobre o escenario laboral de mediados de século.

Todo menos aplicar a garlopa social. Que ao mesmo tempo culpabiliza inxustamente aos nosos maiores. O incremento das espectativas de vida non debera beneficiar, como queren facer o goberno de ZP e a CEOE, a quen xa gozou da súa aportación produtiva durante moitos anos, senón a eles mesmos. A obriga dun goberno socialdemócrata é, pola contra, facer posible un envellecemento socialmente activo. Asegurar a súa calidade de vida e a súa participación social tras a xubilación. Sen impoñerlles máis anos laborais que non sexan os que voluntaria e libremente, en función das circunstancias de cada quen, queiran asumir.

lapousa@temposnovos.net

Publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol

[*] O Autor na Galipedia - O Autor na web do Colexio profesional de Xornalistas - O Autor é xornalista, profesor de universidade, escritor, ... e director da Revista Tempos Novos.
______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon