xoves, marzo 25, 2010

A Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá analizaron onte a situación do proceso de orzamentos participativos para 2010 e deu o seu respaldo á selección de barrios

A COMISIÓN RESPECTA TODOS OS ACORDOS DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS E PIDE MELLORAR AS CONVOCATORIAS

Ferrol Xoves 25 de Marzo de 2010

Respaldo á selección de barrios para os orzamentos participativos


Un momento da reunión que se celebrou onte nas dependencias municipais
Foto: Luís Polo

REDACCIÓN > FERROL.

Os veciños que forman parte da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá analizaron onte a situación do proceso de orzamentos participativos para 2010, despois de que a AVV de Esteiro puxese en cuestión a selección das novas zonas da cidade que se incorporan este exercicio á experiencia: Esmelle, Covas, Ferrol Vello e Canido.

A comisión deu o seu respaldo á selección, que tivo lugar o pasado 3 de marzo nunha reunión no Concello á que asistiron unha vintena de entidades, fronte ás críticas da AVV de Esteiro nas que consideraba que os barrios e parroquias beneficiadas deberían saír dun foro cívico, do mesmo xeito que sucedeu cos orzamentos participativos de 2009.

Con todo, a comisión de control si que tivo en conta a demanda da agrupación de veciños de Esteiro sobre a necesidade de mellorar a forma en que se realizan estas convocatorias, de tal forma que estas non só se fagan mediante o teléfono senón tamén por escrito.

Nesta liña, no encontro celebrado onte no palacio municipal e ao que asistiu o edil Manuel Santiago tamén se abordou a necesidade de ampliar o persoal da área de Participación Cidadá.

Regulamento -

Os membros da comisión de control demandaron, por outra banda, un maior impulso do novo regulamento de participación. Respecto diso, acordouse que tras as festas de Semana Santa intentarase pechar un borrador de funcionamento interno da comisión.

Este texto fixará a forma en que se realizarán as convocatorias de reunións e a orde do día das mesmas, así como as maiorías que serán necesarias á hora da adopción de acordos.

O regulamento de Participación Cidadá que se presentou nun acto cidadán de carácter festivo o pasado mes de xaneiro no teatro Jofre establece a creación de novos órganos, como o Valedor do Cidadán, a Comisión de Suxestións ou as asembleas de barrio, entre outros.

Desde a comisión provisional insistiuse en que pór en marcha estas entidades é un proceso longo que levará o seu tempo.

Publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol"

Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
25 de março de 2010 12:49
www.participacion-ferrol.blogspot.com
_____________________

3 comentarios

Xosé Miguel López delete marzo 26, 2010 8:51 a.m.

Deberiades contrastar as informacións: O que publica o Diario de Ferrol, non se corresponde con falado nin co acordado e a nota de prensa non foi feita por ningún responsable da Área de Participación Cidadá.
Se ledes polo miudo a noticia aínda se vai facer un Regulamento Interno de Funcionamento que será o que estableza como se toman as decisións. Como, polo tanto, se puido validar algo que non esta decidido como se valida?.
Cantos membros había na citada xuntanza? Que votou cada quen?. É competencia da Comisión de Control tomar decisións sobre os Orzamentos Participativos?
Sabedes que a metade dos membros da Comisión de Control non estaban presentes?. Quen enviou a nota de prensa? Que autoridade ten para falar no nome da Comisión de Control?
Xosé Miguel López. membro da Comisión de Control do Regulamento de Participación Cidadá

Este comentario foi eliminado polo autor.

Estimado Miguel, nós só reproducimos o enviado pola "Comisión de Control" desde o seu correio-e -comision.gap@gmail.com- que neste caso coincide cunha nova publicada no "Diario de Ferrol", pois ben sabes que "Ártabra 21" está aberta a publicar o que consideres oportuno. Dentro dos límites que consideramos que non fai falta mencionar.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon