FACULTADE DE XEOGRAFÍA E HISTORIA
O MpDC denuncia que as forzas e corpos de seguridade pisen, unha vez
máis, o dereito de manifestación
O Movemento polos Dereitos Civís denuncia e condena a desproporcionada e intolerábel intervención por parte dos antidisturbios na facultade de xeografía e historia de Santiago onte á tarde. Coa súa desautorizada actuación os axentes quixeron impedir que os alumnos se manifestasen contra o máster de profesorado xurdido da reforma do CAP co Plan Boloña.
O MpDC expresa a súa solidariedade cos estudantes da USC por mor da desproporcionada actuación da Policía no interior da facultade, que se dedicou a identificar os alumnos polo simple feito de se concentraren de xeito pacífico, dereito recollido na Constitución e polo tanto de libre exercicio pola cidadanía. Todo isto produciuse sen a petición por parte das autoridades da universidade compostelá.
A manifestación estudantil atopábase ao abeiro do paro convocado en Xeografía e Historia para protestar polos cambios xurdidos co novo plan de estudios, coñecido como Plan Boloña. Os gravísimos feitos de onte encádranse dentro da acción represiva desenvolvida polas forzas de seguridade con motivo da visita do profesorado participante na conferencia “Universidades emprendedoras: nuevos modelos”, organizada no marco da Presidencia española da UE.
É sorprendente ver como os antidisturbios irrompen impunemente nunha facultade, onde existe a liberdade de expresión, e comezan a identificar as persoas que soamente están exercendo o seu dereito á manifestación. Este feito lembra ás actuacións policiais acontecidas na ditadura franquista e non a un país que viva en democracia. Desde o MpDC critícase enerxicamente este despregue de forzas e corpos de seguridade co fin de controlar aos participantes na concentración, non se sabe moi ben para que, mais sospéitase que para intimidar e, de novo, “meter medo” para que se desista na acción.
O MpDC tamén alerta que este feito atenta contra a liberdade de expresión, xa que unha parte do estudantado veu coartado ese Dereito ao impediren a súa posibilidade de manifestar publicamente unha opinión. A todas luces, unha actuación policial deste calado merece ser explicada pola Policia, xa que estamos asistindo a un abuso da autoridade e a unha privación das liberdades e dos dereitos das persoas intolerábel en calquera sociedade.
Cantas veces máis imos ter que asistir a este tipo de violacións dos dereitos civís sen que as institucións e autoridades pertinentes poñan, dunha vez, a lei por diante e se respecte as persoas?
En movemento
www.movemento.org
Enviada por:
Prensa MpDC
-prensa1@movemento.org-
25 de março de 2010 12:11
____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon