Grande expresión de rexeitamento á política privatizadora do goberno de Feijoo
Milleiros e milleiros de persoas encheron as principais rúas do centro da cidade de Vigo para manifestar con forza o rexeitamento a vontade privatizadora da Consellaría de Sanidade e do goberno do PP da Xunta de Galiza de privatizar a sanidade galega, e concretamente no caso de Vigo, no caso da construción do novo hospital de Vigo. Convocadas e convocados pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública esta mobilizaciónn recebeu moitos apoios, e non só de distintas forzas sindicais, sociais e políticas desta comarca, senón que tamén sumou apoios e solidariedades desde moitos outros recunchos do noso país: Pontevedra, Monforte, A Coruña, e Ferrol, entre outras plataformas que tamén están a mobilizarse na defensa da sanidade pública galega.
Desde antes das oito da tarde xa eran moitas as persoas que se xuntaban no cruce de Vía Norte, diante do chamamento desta manifestación en defensa da sanidade pública. Se en outubro eran 15.000 persoas, desta volta todas as previsións ian quedar curtas nunha noite de reivindicación e demostración de forza dunha cidade e dunha comarca que non se rende diante da teimuda política privatizadora do goberno do PP na Xunta.
"Non á privatización"
Estaba marcha ía encabezada por unha pancarta c lema 'A privatización prexudica a túa saúde: hospital público xa', e ao longo desta manifestación houbo canticos, berros e consignas como 'Non, non, non á privatización', 'Xerente dimite, o Chuvi non te admite', 'Conselleira dimisión' ou 'Feijóo, atende, Vigo non se vende'.
Solidariedade das plataformas
Foron moitos os colectivos, e moitas tamén as plataformas sindicias, de traballadoras e traballadores da sanidade pública, mesmo doutras zonas do país como Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Monforte, O Barco de Valdeorras ou Compostela que participaron desta mobilización, que colapsou o centro de Vigo durante perto de dúas horas.
Valoración moi positiva
Manuel G.Moreira, presidente da Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo, declaraba diante dos medios de comunicación, ao remate desta mobilización na Praza da Estrela en Vigo, valorou moi positivamente a resposta da cidadania a esta convocatoria, e "pensamos que a Conselleira de Sanidade e o presidente da Xunta teñen que facer unha lectura de que a maioría da cidadanía de Vigo está amosando que non quere esa política para a sanidade de Vigo, e estamos dicindo que non pode privatizar, e que se privatiza é por unha decisión política, e non é unha cuestión de xestión, nin de organización nin económica. A cidadania de Vigo está a dicir que non pode privatizar, que esta non é a política que queremos e este non é o hospital que precisamos".
Acto final
Manuel Martín, portavoz da Plataforma en defensa da Sanidade Pública, tomou a palabra, e agradeceu a presenza de todas as persoas e especialmente doutras plataformas en defensa da sanidade pública porque "é preciso poñerlle freno a esta situación para que non se estenda".
"Tamén saudamos ás traballadoras do Hospital da Cruz Vermella de Vigo que está en proceso de desmantelamento porque entendemos a súa situación e porque Vigo como toda Galiza, precisa camas de longa estancia. A vosa presenza é unha demostración de que hoxe estamos aqui porque coa saúde non se xoga", engadiu.
Por último, lembrou que "é un asunto da maior importancia para toda a cidadanía: a atención futura da nosa saúde. A nosa, que pronto precisará coidados, mais aínda a das nosas fillas e fillos. A elas e eles debemos deixarlle unha Sanidade Pública mellor que a que recibimos das nosas nais e pais. E porque o futuro da sanidade galega ficará en máns da mocidade e ao seu servizo, vaivos ler este manifesto Uxia, unha estudante dun instituto de Vigo, que está nerviosa por ver tanta xente, mais convencida do que este escrito defende".
Manifesto lido ao remate por Uxía, unha rapaza dun instituto de Vigo
O pasado 29 de outubro, viámonos 15 mil persoas neste mesmo lugar, e hoxe somos moitas mais, demostrando coa nosa presenza que a preocupación pola privatización da Sanidade Pública é xa unha sólida oposición.
Tan estendida esta a idea de que a Xunta pretende privatizar a nosa sanidade, convertendo o que é un dereito, a atención á saúde, nunha mercadoría que se merca e se vende, no que a construción, financiamento e propiedade privada do Novo Hospital de Vigo é un claro exemplo, que este manifesto é practicamente innecesario.
Bastaría case con agardar a que a conselleira remate de contar cantos somos, para marchar para casa contentos cos deberes feitos!
Pero lemos este manifesto porque ha de quedar nos anais da historia que hoxe escribimos, a dous días da celebración dun novo cabodano da Reconquista de Vigo, para que no futuro se saiba que novamente o pobo da comarca viguesa, dos concellos da ría, saíu á rúa noutro momento decisivo, para defender o que lle pertence.
Onte para recuperar a liberdade, e hoxe para defender a fortaleza cívica da nosa Sanidade Pública e do noso Novo Hospital.
Dicíamos hai cinco meses que Vigo só pide o que lle corresponde tras facer unha contribución solidaria co resto de Galiza, porque sabe que a riqueza dunha parte é a riqueza de todo o pais. Nunca Vigo nin a comarca teñen pedido privilexios.
E dicíamos que estamos fartas e fartos.
O tempo apremia e corre, Sr. presidente da Xunta; Sras. conselleiras de Sanidade e de Economía e Facenda:
Non admitimos máis demoras.
Non é xa tempo de autoconvencernos de que pretenden privatizar a nosa Sanidade Pública. Tampouco o de polemizar con unha conselleira que o nega. A discusión xa non é se a Xunta privatiza ou non!
Xa a propia Xerente do SERGAS, dona Rocío Mosquera, ven de confirmar na prensa que a privatización é o que pretenden!
Por fin confesan o que vimos afirmando, o que todo o mundo sabe e o que elas con contumacia seguían negando!
E a conselleira debe saber que mentir é pecado! Un pecado inútil!
Así que grazas dona Rocío, pola súa sinceridade!
Agora as cartas están enriba da mesa e non perderemos tempo en aburridas discusións:
Vostedes queren privatizar e nós imos impedilo.
Outro dia falaremos, dona Rocio, dos intereses que representa como recente alto cargo da empresa propietaria do gran hospital privado da nosa cidade; dos intereses económicos que hai detrás de que o seu cargo non sexa o de Secretaria Xeral do SERGAS senón a de Xerente do mesmo...
Pode que para que os seus mais elevados ingresos non pasen polo filtro do Parlamento de Galiza?
Tempo haberá para ir falando diso...
E tamén as razóns dunha conselleira que pon unha raposa a coidar das galiñas do Sergas.
Xa o iremos vendo señoras. Vostedes saberán en que lío se meten, pero a cabeza pensante é o presidente da Xunta.
Foi, o señor Núñez Feijoo quen tendo a maior responsabilidade do SERGAS montou MEDTEC e as Fundacións Hospitalarias, hoxe disoltas polo anterior goberno por ineficaces, privatizadoras e caras.
E non privatiza por eficacia, nin por dificuldades económicas que certamente existen.
Privatiza porque é a política que o Partido Popular aplica onde goberna sexa cal sexa, boa ou mala a situación económica. Velaí a privatización brutal da sanidade madrileña que Esperanza Aguirre iniciou en pleno período de bonanza!
Escusas, mentiras, pretextos!
A verdadeira razón é que non cren na Sanidade Pública. Non cren no dereito á atención da saúde.
Só ven a atención sanitaria como un negocio. Un negocio para entregar aos seus cómplices e amigos: as grandes construtoras, as aseguradoras sanitarias de capital internacional, as empresas de tecnoloxía médica e as grandes farmacéuticas internacionais...
Vexan senón os millóns entregados por vacinas de gripe A e polo pouco útil Tamiflú.
Así pretenden estrangular economicamente a Atención Primaria de Vigo negándolle a creación de prazas que o Plan de Mellora nos concedía.
Non hai mellor maneira de desprestixiar a Sanidade Pública empuxándonos cara a medicina privada, que recortar os fondos, aumentar as demoras, empeorar a calidade e destruír a súa imaxe publica.
Negocio privado con fondos públicos, porque no caso de Vigo preparan un suculento negocio para a sanidade privada ao pretender que o hospital sexa construído por unha asociación de empresas constituída por un banco, unha gran construtora e unha empresa sanitaria da comarca, ás cales o SERGAS pagaría unha elevada cantidade ao longo dos trinta anos seguintes á súa inauguración.
Esta fórmula multiplica o custo estimado de 360 millóns de euros por unhas seis ou sete veces.
Un negocio para poucos do que se ven excluídos os propietarios dos terreos: pois non é o mesmo ceder a túa casa, finca ou negocio familiar en aras de un hospital público, que dun privatizado que entregará enormes beneficios privados a quen se faga coa concesión.
Un escándalo, señor alcalde de Vigo!!
É un escándalo pero vai estando claro
Nesta comarca de Vigo sabemos como facerlles fronte e defender o que é lóxico, o que é xusto, económico, e probadamente eficiente. O que interesa á maioría.
Temos dereito, queremos e esiximos un hospital publico, ben dimensionado, coas camas e servizos que estaban programados. Nin un menos. Un hospital suficiente, que non peche a súa porta á xente do Morrazo, do Val Miñor e de barrios de Vigo.
E querémolo tal como foi deseñado polos nosos profesionais.
Non toleraremos que se abandonen os obxectivos estratéxicos respecto do tratamento avanzado do cancro (do que Vigo sería referencia do sur de Galiza) nin que se abandone o módulo de investigación ou docencia.
Non toleraremos un hospital mais pequeno, máis caro e que non será noso durante trinta anos, nos que gran parte dos fondos sanitarios destinados á atención, serán desviados para pagar aos propietarios privados do hospital, uns enormes canons ou intereses.
Non permitiremos, en consecuencia, que haxa menos diñeiro para persoal sanitario e non sanitario, para os servizos de apoio ou para renovar o equipamento.
Non permitiremos a privatización das cociñas, da lavandería -nin das modernas e capaces instalacións situadas no Meixoeiro- do mantenemento, da informática, dos arquivos de historias clínicas, dos servizos administrativos, dos celadores, das auxiliares de enfermaría... nin toleraremos o despido dos contratados destes servizos.
Outro motivo máis para opoñerse a privatización. A elas e a eles a Plataforma agradécelles a defensa do seu posto de traballo pero tamén da sanidade publica no seu conxunto.
E animamos como usuarios e usuarias, a todos os colectivos profesionais que traballan nos nosos hospitais e centros de saúde, nun esforzo para mellorar a calidade da atención é o bó trato, a calidade percibida polos pacientes, para aumentar o prestixio da nosa sanidade pública, demostrando que compite en calidade, eficiencia, e prestixio vantaxosamente coa privada.
As ideas xustas, as aspiracións lexítimas, os cambios beneficiosos e necesarios para as amplas maiorías, acaban facéndose camiño e finalmente triunfando. Con esforzo, con constancia, con intelixencia e coa xenerosidade de sumar forzas.
Non podemos terminar sen unha felicitación ao pobo americano e ao presidente Obama por este primeiro paso na consecución do que aquí xa disfrutamos e hoxe defendemos.
E xa que ao principio falabamos da Reconquista, remataremos con algo dese tempo:
Dicía o Artigo 13. da Constitución das Cortes de Cádiz de 1812:
O obxecto do Goberno é a felicidade da Nación, xa que a fin de toda sociedade política non é outro que o benestar dos individuos que a compoñen.
Hoxe, case 200 anos máis tarde, o goberno da Xunta incumpre ese fermoso precepto: non é o noso benestar o seu obxetivo, a súa tarefa, senón lisa e escandalosamente, o negocio!
O negocio da saúde.
Porque a privatización da sanidade prexudica gravemente a túa saúde Moitas grazas, outra vez mais! 2010
Fonte: Avante
________________
Manifestación Comarcal, en Ferrol, o Domingo 11 de Abril de 2010
A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, diante do grave deterioro ó que se está sometendo á Sanidade Pública, á falla de compromiso que con esta Área que ten a Xunta de Galicia e ante as medidas privatizadoras do Partido Popular respecto da Sanidade Pública, convoca para o Domingo 11 de abril unha Manifestación Comarcal, a cal agardamos que reflexe na rúa o descontento e o rexeitamento destas medidas por parte do conxunto da cidadanía da comarca. A manifestación partirá ás 12 do mediodía do Ambulatorio Fontenla Maristany.
Manifestación Comarcal, en Ferrol, o Domingo 11 de Abril de 2010
A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, diante do grave deterioro ó que se está sometendo á Sanidade Pública, á falla de compromiso que con esta Área que ten a Xunta de Galicia e ante as medidas privatizadoras do Partido Popular respecto da Sanidade Pública, convoca para o Domingo 11 de abril unha Manifestación Comarcal, a cal agardamos que reflexe na rúa o descontento e o rexeitamento destas medidas por parte do conxunto da cidadanía da comarca. A manifestación partirá ás 12 do mediodía do Ambulatorio Fontenla Maristany.
Blogue oficial da Plataforma:
http://plataformadspferrol.blogspot.com/
__________________________
1 comentarios so far
O Domingo 11 de abril ás 12 do mediodía toda a cidadanía de Ferrolterra mobilizada: Contra a Privatización da Sanidade Pública, a saúde non é un negocio"
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon