A Federación Local da CNT de Ferrol vai participar na mobilización convocada pola plataforma Rumbo 21 o vindeiro sábado 27 de marzo. E vaino facer para amosar a súa indignación polos continuos atropelos que padece a clase traballadora nesta bisbarra.
Nos anos 80 houbo unha reconversión “salvaxe” que causou fortísimas reduccións do cadro persoal dos estaleiros de Fene e Ferrol. Despois fíxose unha reconversión “suave” con prexubilacións que aínda botaron máis xente fora nas factorías de ASTANO e BAZAN. Os sindicatos maioritarios opuxéronse á reconversión “salvaxe”, mais aceptaron a reconversión “suave” porque as prexubilacións beneficiaban aos traballadores fixos. Nin individual nin colectivamente, a clase traballadora que combatera no 72, foi quen de impedir a reconversión, nin tivo a dignidade abondo para rexeitar unhas prexubilacións que destruíron centenares de postos de traballo na bisbarra. Marcharon para a casa traizoando todo o que dicían defender.
Outras forzas sindicais, como a propia CNT, pagaron un prezo moi caro pola súa oposición frontal á reconversión e a todos os amaños do sindicalismo oficial. O noso sindicato practicamente desapareceu porque se enfrontou ao goberno socialista que fixo a reconversión e porque rexeitou tamén o “alpiste” que outras centrais si aceptaron como pago polos seus servicios: as subvencións directas, as subvencións proporcionais á representatividade, e esa financiación escandalosamente fraudulenta que son os cursos de formación, moitos deles organizados “a distancia”, sen persoal nin medios, mais xenerosamente pagados polo Estado. Cremos que non debemos esquecer que na bisbarra de Ferrol, o Estado que financia directamente aos sindicatos é, ao tempo, a patronal.
Con mentiras e barullos, sen que ninguén dera a cara e contara a verdade, sacouse a ASTANO da construcción naval civil. Un escandaloso pacto “secreto” entre a Unión Europea e o goberno do Estado botaron fora do mercado ao estaleiro de Fene. O que seguiu a ese pacto foi un clamoroso silencio por parte dalgúns, promesas descaradas de revisión do pacto por parte de outros, e unha vontade deliberada de enredar e enganar á cidadanía sobre o motivo polo que ASTANO non podía facer barcos. Aínda a día de hoxe ningún responsable político nin sindical tivo a dignidade de explicar á cidadanía os detalles dese acordo. Significativamente, os principais protagonistas deste enredo son os que xa anunciaron que o sábado non van ir á manifestación, feito que de por si aclara bastantes cousas.
Os opositores da manifestación din que esta mobilización vai dirixida á privatización do estaleiro de Fene. Pode ser que haxa forzas políticas ou sindicais que teñan esa pretensión, mais a CNT de Ferrol vai a manifestarse o vindeiro sábado para protestar polas limitacións que ten o estaleiro de Fene de facer construcción naval civil. Entendemos que mais valía que estes partidos e sindicatos que agora falan, defenderan o sector naval ferrolán cando se fixo a auténtica privatización: a transformación do emprego estable no sector naval público por emprego precario nas compañías auxiliares. Mais valía que animaran ao persoal fixo do estaleiro a deixar de facer horas extras cando existe un escandaloso desemprego na bisbarra. E mais valía que exerceran algún tipo de actividade na defensa dos traballadores das auxiliares do naval.
A CNT de Ferrol quere participar na mobilización do sábado 27 para esixir a volta de Navantia Fene á construcción naval civil, para protestar pola transformación de emprego de calidade en Navantia por emprego basura nas compañías auxiliares, para animar á clase traballadora a loitar en tódolas frontes contra o desemprego e para esixir ás burocracias sindicais e políticas que deixen de tomar o pelo á clase traballadora.
Ferrol, 25 de marzo de 2010.
Federación Local da CNT de Ferrol
Enviado por:
Enlaces relacionados:
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon