O xoves 11 de marzo haberá unha festa solidaria para recadar fondos para os traballadores/as en folga
Por volta da unha e media da tarde, os traballadores e traballadoras das instalacións deportivas iniciaban unha acampada fronte ao edificio administrativo da Xunta de Galiza en A Coruña e a sede da Confederación de empresarios (situadas na mesma praza) como medida de presión para que a patronal sente novamente a negociar e permita desbloquear o conflito. Na acampada participan traballadores das diferentes instalacións da provincia de A Coruña.
Cos atrancos propios dunha acampada de lecer (dificultades para instalar as tendas, ferramentas que non aparecen, ...) os traballadores e traballadoras de instalacións deportivas, que desenvolven a xornada 32 de paros, iniciaban unha acampada diante do edificio administrativo de Monelos e máis da Confederación de Empresarios de A Coruña, ambas situadas na Praza Luis Seoane. Aproveitando as facilidades dunha zona de recreo e diante do asombro dos viandantes, o persoal comezou a instalar o seu campamento, que nun primeiro momento contou con catro tendas de campaña, varias mesas e unha pequena carpa.
“Non pensamos movernos até que se resolva o conflito”, advertía Adolfo Naya, da CIG-Servizos, ao comezo da acampada. Coa protesta, o persoal quere continuar visibilizando na rúa o conflito do sector e lembrar á administración e á patronal “que estamos aquí e non nos iremos até que se resolva o conflito”. Con tal fin, vanse realizar quendas de traballadores/as para permitir que existan horas de descanso e non desgastar excesivamente a un grupo de persoas que leva máis dun mes en folga.
Neste senso, Naya apuntou que a medida, acordada na asemblea de traballadores/as desta mañá, adoptase tras o fracaso da negociación do martes que deixou novamente bloqueado o conflito. “Decidimos tomar esta medida de presión para tentar que a patronal sente outra vez a negociar e chegar a un acordo, xa que as dúas partes estaban bastante próximas, sobre todo despois das garantías ad personam”, indicou o sindicalista. A respecto da cuestión económica, que parece insalvábel para o empresariado, reiterou que “918 euros de salario base para 2012 tampouco é pedir tanto”.
Festa solidaria o xoves 11 de marzo
Alén das medidas de protesta, o persoal e as organizacións sindicais están a argallar diversas iniciativas co obxecto de recadar fondos para distribuír entre os/as folguistas, que permitan aliviar a súa situación económica, tendo en conta que a nómina de febreiro foi de cero euros. Así, o vindeiro xoves haberá unha festa-maratón solidaria na discoteca Bambina de Santa Cristina, á que o persoal anima a toda a cidadanía a asistir.
A festa iniciarase ás seis da tarde cun maratón de actividades dirixidas (aerobic, batuka, body combact, bailes de salón, etc) que durará até as dez da noite. A entrada para estas actividades custa dous euros. A partir das once haberá concerto do grupo “Ekilibrio”, monólogos e a actuación dos dj´s Félix Múñoz e Pódium. A entrada neste caso custa 5 euros e da dereito a unha consumición.
Galería de imaxes
Fonte: Avantar
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon