- ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE O GOBERNO DO PP ESTÁ A DESENVOLVER UN MODELO ECONÓMICO INSUSTENTABLE SOCIAL E MEDIOAMBIENTALMENTE QUE PROFUNDIZA NO PRODUTIVISMO
- O CONSELLO COMARCAL DE EU PULA POLA CONSECUCIÓN DUN SISTEMA ECONÓMICO BASEADO NO DECRECEMENTO SOSTIBLE QUE PONGA AS PERSOAS E O MEDIOAMBIENTE POR ENRIBA DOS INTERESES DO CAPITAL
- ESQUERDA UNIDA PARTICIPOU ACTIVAMENTE NA MANIFESTACIÓN CONVOCADA POR GALIZA NON SE VENDE
Un ano de Goberno e tempo dabondo para comprobar que a Xunta do PP está a desenvolver en Galicia un modelo económico xerador de inxustizas asemade depredador do territorio, un modelo ao cabo insustentable social e medioambientalmente.
Esquerda Unida, que participou activamente na manifestación do pasado domingo, saúda a iniciativa desenvolvida por Galiza Non Se Vende, pois compartimos a importancia que ten que a sociedade responda na rúa ás políticas depredadoras do medio natural que o Goberno do PP está a desenvolver.
A Xunta do PP empéñase en manter un modelo económico caduco e ineficaz que profundiza no produtivismo, algo que Esquerda Unida rexeita radicalmente pois, non cabe dúbida, que resulta imposible manter un crecemento constante cando os recursos son limitados. E por iso que Esquerda Unida pula pola consecución dun sistema económico baseado no decrecemento sostible.
O actual sistema económico e insustentable medioambientalmente, xa que logo, estamos a saturar a capacidade do noso planeta. Segundo datos da pegada ecolóxica necesitaríamos 3 planetas para manter no tempo o noso nivel de produción, nembargantes o sistema obriga a manter o crecemento continuo e aínda así atopámonos nunha crise sen precedentes. Ademais o sistema e insustentable socialmente pois é xerador de inxustizas como demostra o dato que un 20% da poboación consume o 80% dos recursos.
Semella inaceptable que o Goberno do PP pretenda manter un modelo económico que pon os intereses económicos privados duns poucos por enriba da cidadanía e do medio natural, un modelo que como a actual crise ten demostrado amósase incapaz pois non é quen de distribuír o producido para cubrir as necesidades básicas da poboación, a pesares de producir moito máis do necesario.
A Xunta do PP aposta por poñer os recursos naturais ao servizo dos intereses económicos, entregando o litoral á especulación inmobilizaría, mostrando permisividade coas empresas contaminantes que verten nos nosos acuíferos, favorecendo a construción de recheos mentres as nosas rías acreditan niveis de contaminación escandalosos, perpetuando agresións sobre espazos senlleiros integrados na Rede Natura como a Serra do Courel ou os Canóns do Sil, mantendo o urbanismo caótico e especulativo, ou mesmo entregando zonas costeiras as multinacionais piscícolas como se desprende do plan acuícola, no cal ábrese máis a man do que xa a tiña o bipartito.
Por outra banda a inexistente ordenación do territorio está a producir enormes diferenzas entre a costa e o interior, asemade do despoboamento do rural debido a unha errática política forestal onde se promove a reforestación con especies alóctonas, e unha nula planificación agraria-gandeira que deixa o noso agro nas mans dos intermediarios que están a actuar como auténticos usureiros provocando o abandono masivo do agro. Esquerda Unida considera o sector agro-gandeiro como un sector primario estratéxico para o noso pais xa que cobre a necesidade básica e fundamental da poboación, a alimentación, polo que pula pola súa posta en valor, dignificando o traballo de gandeiros e agricultores, asemade da planificación da explotación agraria mediante a creación de empresas públicas de distribución e asistencia técnica que impidan a actual ditadura dos intermediarios, facilitando así a soberanía alimentaria, a redución da pegada ecolóxica, a creación de emprego de calidade e, por conseguinte, a repoboación do rural e o fortalecemento da nosa economía.
O Goberno do PP amosa unha política de infraestruturas irracional que acumula dous portos exteriores e tres aeroportos, pon a énfase no trasporte individual fronte o colectivo e nas infraestruturas viarias e da alta velocidade en prexuízo do ferrocarril de proximidade, o que só contribúe a facer o noso modo de vida máis insustentable, e a desartellar o territorio e afondar nas desigualdades rural-urbanas, desmantelando estacións intermedias que fixaban hábitos de mobilidades tradicionais e asemade sustentables.
A reviravolta eólica supón empeorar a proposta do bipartito e, xa que logo, a posición de Esquerda Unida está marcada pola consideración da enerxía como un sector estratéxico da nosa economía que ten que estar baixo a dirección pública na procura da soberanía enerxética e que ten que empregarse como ferramenta para crear emprego estable e con dereitos.
Por último, e non por elo menos importante, a Xunta do PP está a entregar os Servizos públicos ao capital privado, Sanidade, Servizos Sociais, Educación, Servizos de Emerxencias ou a mesma externalización masiva dos Servizos Administrativos son un bo exemplo do dano que o Goberno do PP está a facer no noso país, baixo a falaz premisa de que a xestión privada é menos custosa, cando a realidade se empeña en demostrar que a privatización a longo prazo non só e máis custosa senón que ademais reduce a calidade do servizo. Esquerda Unida rexeita con rotundidade a privatización e aposta por relanzar o público desenvolvendo políticas que permitan mellorar os servizos públicos e a súa eficacia, xusto o contrario que está a desenvolver o PP para dar crédito a súa política privatizadora baseada tan só en intereses espurios.
Consello Comarcal de EU
Ferrol, 23 Marzo 2010
Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
23 de março de 2010 14:36
Estimad@s amig@s: trasladamos un comunicado do Consello comarcal coa valoración do ano de goberno do PP na Xunta de Galicia. Recibide un saúdo. Consello comarcal EU Ferrolterra _______________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon