PRESENTADAS 1.217 PROPOSTAS CIDADÁS
A cidadanía presentou máis de 1.200 propostas aos Orzamentos Participativos deste ano.
O edil Manuel Santiago avanza que 1.012 persoas inscribíronse no Rexistro de Participantes, que mantén o prazo aberto ata a celebración das asembleas de zona. O Grupo Motor manterá unha sesión de traballo en Ferrol Vello para pór en común as propostas, que pasarán posteriormente á comisión técnica municipal para o análise.
Os veciños e veciñas de Ferrol presentaron un total de 1.217 propostas ao proceso de Orzamentos Participativos deste ano, a través do cal a cidadanía terá a oportunidade de elixir o destino dunha partida de 1.650.000 euros.
Así o avanzou o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, quen compareceu en rolda de prensa para informar non só das iniciativas que suxeriron os cidadáns senón tamén do número de persoas que se inscribiron no Rexistro de Participantes: 1012 persoas. Destas, un total de 451 foron homes (o 44,57%) mentres que 561 (o 55,43%), mulleres.
Esta cifra pódese aínda incrementar toda vez que, tal e como explicou o edil, o Grupo Motor creado ao abeiro deste proceso pioneiro en Galicia decidiu manter aberto o prazo de inscrición ata a celebración, no mes de setembro, das asembleas de zona.
No acto celebrado esta mañá participou tamén a técnica de Participación Cidadá, Maica Rodríguez.
Xa polo miúdo, o concelleiro Manuel Santiago informou dos datos atendendo aos 9 barrios que este ano serán obxecto de intervención: Ferrol Vello, Canido, San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois e Santa Mariña (na zona urbana) e San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle (na zona rural).
As propostas presentadas podían ser de dous tipos: investimentos e/ou mantenemento de infraestruturas ou equipamentos e actividades ou programas sociais.
Unha vez feito o reconto final das urnas, o edil informou de que o 32% das propostas foron realizadas por veciños e veciñas de San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán de Filgueira, que constituíron unha unidade de votación.
A integrada por San Xurxo e Doniños achegou o 27% das propostas, a de Covas-Esmelle, o 26% e a de Ferrol Vello-Canido, o 14%.
Respecto á natureza das propostas, o 32% estiveron asociadas a programas de asistencia social e saúde pública; o 18% a programas socioculturais e educativos; o 15% ao cumprimento de normativas e o 15% restante, a programas relacionados coa seguridade cidadá.
Por outra banda, e en relación ás propostas que teñen que ver coas infraestruturas, o 37% refírense ás viarias, o 18%, á xestión de residuos e o 16% restante, a infraestruturas sociocomunitarias e deportivas. Así mesmo, dentro das 1.217 propostas recibidas, 58 están aínda sen clasificar e destas, a metade son plantexadas para o conxunto da cidade ao ser propostas das que se beneficiarían o conxunto dos cidadáns e cidadás.
Entre estas, a renovación de marquesinas, formación de monitores deportivos e culturais para fomentar o emprego xuvenil, a recuperación da flora autóctona ou a apertura dun parque temático do patrimonio da zona rural mediante visitas virtuais en tres dimensións, entre outras.
En canto ao Rexistro de Votantes, Manuel Santiago destacou que a parroquia de Covas, con 258 persoas, foi a que contabilizou un maior número. Séguenlle San Pablo (173), Doniños (123), San Xoán de Filgueira (111), Canido e Santa Mariña (con 89 en cada caso), Esmelle (65), San Xurxo (54) e Ferrol Vello (27).
En total, 1.012 persoas, unha cifra que o edil de Participación Cidadá valorou moi positivamente, lembrando que no momento da celebración das asembleas de zona, previstas para o vindeiro mes de setembro, aqueles que o desexen poderán inscribirse.
O proceso de Orzamentos Participativos contempla entre as súas próximas accións a celebración dunha sesión de traballo na Praza Vella de Ferrol Vello co Grupo Motor, sempre e cando o tempo o permita.
Esta terá lugar o vindeiro xoves, 8 de xullo, entre as 19.00 e as 21.00 horas e servirá para pór en común as propostas presentadas, xa ordenadas.
Posteriormente, trasladaranse todas elas á comisión técnica municipal, unha vez codificada e clasificadas, para o estudo da súa viabilidade.
Luns, 5 de xullo de 2010.
Fonte: web Concello de Ferrol
--
comision.gap@gmail.com
www.participacion-ferrol.blogspot.com
Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
5 de julho de 2010 23:34
_____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon