xoves, xullo 08, 2010

Reclaman un conxunto de medidas adicionais para eliminar os riscos para a saúde pública derivados da utilización de residuos asfálticos

Tags


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA MEDIDAS ADICIONAIS PARA ELIMINAR OS RISCOS PARA A SAÚDE PÚBLICA DERIVADOS DOS ÁRIDOS NON INERTIZADOS

ROBERTO ARTABE ESIXE UN PAPEL ACTIVO DO GOBERNO MUNICIPAL E DA AUTORIDADE PORTUARIA PARA FACER CUMPRIR AS MEDIDAS ADICIONAIS RECLAMADAS

O Grupo Municipal de Esquerda Unida reclama un conxunto de medidas adicionais para eliminar os riscos para a saúde pública derivados da utilización de residuos asfálticos de fresado de estradas procedentes de Holanda cun alto contido en betúns (entre o 4% e o 7%) e de xofre (0,0182%), contidos que forzan a súa caracterización como un residuos sen tratar, non como áridos reciclados.

Para Esquerda Unida non cabe facer deixación das responsabilidades por parte dos poderes públicos cando hai un posible risco para a saúde pública como é o caso. No caso do Porto de Ferrol, unha análise feita por Augas de Galicia sobre mostras de auga empozada ao pé da acumulación dos devanditos áridos bituminosos arroxou concentracións superiores aos límites de detección, no que fai aos hidrocarburos aromáticos policíclicos, que son produtos canceríxenos, mutóxenos (que producen mutacións xenéticas) e teratóxenos, susceptibles de producir malformacións fetais.

Esquerda Unida quere lembrar que estes feitos tiveron unhas dilixencias preprocesuais incoadas pola Fiscalía da Coruña arquivadas ao final por considerar que non se produce delito ambiental. Agora ben, as dilixencias recoñecen varias circunstancias perigosas:

  • A mostra de áridos obxecto da análise non foi sometida a procesos de valorización mediante calor.
  • A presenza de contaminantes implica un risco en función do uso que se faga do devandito material ante a posibilidade de exposición sobre as persoas e no medio ambiente.
  • Existe un risco de afectación ás canles e medios próximos, xa que os hidrocarburos aromáticos policíclicos son substancias perigosas para o medio ambiente e incluso para as persoas ao traverso da cadea alimentaria.

Xa que logo, o noso Grupo Municipal reclama que se apliquen as medidas necesarias para descartar calquera risco tanto no que atinxe tanto ao almacenaxe como o emprego do material bituminoso:

- A almacenaxe dos áridos bituminosos tense que facer en superficies impermeabilizadas e baixo cuberta e cun sistema perimetral de recollida de augas para que non se vertan nas augas superficiais.

* No que atinxe ao seu emprego como recheo hai que facer unha valoración de riscos na zona de uso ao abeiro do que recolle o RD 9/2005 que relaciona as actividades potencialmente contaminantes do solo. Emprego que cando se faga en asociación con outros materiais esixirá unha garantía de estabilización do material e de non produción de lixiviados.

Esquerda Unida demanda do Goberno Municipal e da Autoridade Portuaria que fagan cumprir os protocolos adicionais de seguridade que reclamamos.

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
7 de julho de 2010 14:15


Prezad@s amig@s: achegamos Informacións do Grupo Municipal onde propoñemos a aplicación dunha serie de medidas de prevención no almacenamento e emprego dos áridos no porto, para evitar os riscos que estes materiais teñen para a sáude pública, ao volatilizarse no ambiente, filtrarse as augas e poderse incorporar á cadea trófica. Grazas polo voso interese. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon