domingo, agosto 29, 2010

Memoria, dignidade e loita: Unha emotiva homenaxe a Segundo Vilaboy Martínez [1918-1947] tivo lugar en Ferrol


O loitador comunista tivo onte unha significativa homenaxe en Ferrol. A iniciativa foi popular, partiu dun grupo de xente nova ligada á loita anticapitalista coa única pretensión de "darlle unha merecida homenaxe ao combatente e loitador antifranquista".


A xornada foi completa, máis antes todo un traballo foi-se desenvolvendo: os contactos coa familia, a recollida de material, os apoios solidarios e sobre todo o contribuído polo activista e historiador Bernardo Máiz Vázquez que leva toda unha vida, entre moitas outras iniciativas, a recuperar a memoria histórica da "longa noite de pedra" que foi a Ditadura Franquista: a vida, a represión, a resistencia, ...


A xornada comezou, ás 5 da tarde, cunha ofrenda floral no Cemiterio de Catabois onde están os restos do loitador, no cadro 352. Un numeroso grupo de persoas percorreu o cemiterio até chegar ao lugar onde se desenvolveu a homenaxe. Flores de vivas cores, a fouce e o martelo, unha bandeira vermella, presidían o acto, ... ao vento unha bandeira tricolor, de fondo a música que saía da gaita do mestre Agulló. O compañeiro Fran, abriu o acto, explicando a súa orixe e agradecendo a familiares, a Bernardo Máiz, a Xam Tavia, ao mestre gaiteiro Agulló, aos grupos de música, ... e a todas as persoas que fixeron posíbel a realización do acto. Unha pequena semblanza do loitador antifranquista foi seguida da lectura dunha carta que Segundo Vilaboy Martínez escribeu o día anterior do seu asasinato a "garrote vil", aos 29 anos de idade, o 19 de Decembro de 1947, no Cárcere de Caranza en Ferrol. Pechou-se o acto coa interpretación da Internacional e do Himno Galego.


De novo no Bertón, comezou un novo acto, pasadas as 6 da Tarde. Leu-se unha emotiva carta de Bernardo Máiz que por motivos de sáude, pois padece unha enfermidade moi grave, non puido asistir ao acto como era o seu desexo. No seu lugar, o compañeiro Xan Tavia, foi o encarregado de levar o acto. Proxectou-se un documental: "Xan de Xenaro: memoria de 32 anos", sobre a vida dun guerrilleiro veciño de Limodre. Unha produción do Taller de Vídeo Municipal de Fene, baseada nun guión de Agustín Fernández Paz e do propio Bernardo Máiz. Logo o compañeiro Xam Tavia fixo unha pequena semblanza de numerosos homes e mulleres que formaron parte da resistencia galega contra a ditadura franquista e que loitaron coas armas nas mans pola restauración da legalidade democrática e a República, até chegar a Segundo Vilaboy Martínez. Do cal se repartiu un pequeno folleto conmemorativo -de 16 páxinas- con importante e significativa documentación. Para finalizar escoitamos a canción "Silencios na memoria" do grupo A Quenlla, da cal se nos repartiu a letra a todas as persoas presentes.


Despois dun acto de confraternización, chegou o concerto da man de RPG 7, MOSSIN NAGANT e MENCER VERMELLO. Por certo que a iniciativa comezou a raiz de que dous dos sobriños netos de Segundo Vilaboy, pertencen ao grupo de rock proletario de Vallekas RPG 7.


A xornada todo un suceso, Segundo Vilaboy Martínez, permanecerá na nosa memoria, como un traballador, comunista, loitador e comprometido. E non podemos esquecer nunca que a fera fascista está aí, con diferentes camuflaxes políticos, máis disposta a aplicar a tortura e o garrote, contra a liberdade e a loita dos pobos e a clase traballadora pola súa emancipación, co único obxectivo de manter os seus privilexios e a súa dominación.

O sitio na rede do evento, ten toda a información e documentación sobre Segundo Vilaboy Martínez, á que se pode acceder e baixar.

http://homenaxeasegundovilaboy.blogspot.com/

homenaxeasegundovilaboy@gmail.com
_____________________

O guerrilleiro comunista que preferiu morrer a delatar

Homenaxe a un ferrolán executado polo garrote vil

Por Lorena Bustabad
29.08.2010

O seu nome de guerra era Villa. Botouse ao monte durante a II Guerra Mundial para combater o fascismo. Confiaba en que os aliados derrocarían a Franco. Contan que baixo a culata da súa mosquetón, Segundo Vilaboy, gravou unha estrela vermella de cinco puntas sobre a fouce e o martelo. Foi capturado tras un enfrontamento a tiros coa Garda Civil.

Un consello de guerra sumarísimo condenao á morte o 31 de outubro de 1947. Tiña 29 anos. Dous días antes de morrer, executado a garrote vil no cárcere de Caranza, escribiu unha carta de despedida aos seus camaradas: "Se que se aproxima o meu fin. Vexo as caras dos gardas que se darán un festín sanguento en vésperas da Noiteboa. Así son estes que se chaman católicos".

Unhas 60 persoas -familiares, e grupos de esquerdas vinculados á memoria histórica- renderon onte unha homenaxe a Segundo Vilaboy Martínez (Ferrol, 1918-1947) no cemiterio municipal de Catabois, onde descansan os seus restos.

Obreiro, guerrilleiro, republicano, Vilaboy foi o secretario político do Comité do Partido Comunista en Ferrol. O historial da súa vida parécese ao guión dunha película que o historiador Bernardo Máiz Vázquez quixo rescatar do esquecemento. Durante anos, Máiz mergullou nos arquivos militares do franquismo e recuperou parte dos documentos que lle serviron para ganduxar a curta vida e cruel morte do guerrilleiro ferrolán, e que recompilou en Resistencia, guerrilla e represión. Causas e Consellos de Guerra. Ferrol 1936-1975.

Vilaboy ingresou no estaleiro de Ferrol ao finalizar a Guerra Civil como plomero-tubero. A súa intensa vinculación ao PC, obrigouno a pasar moi pronto á clandestinidade nas filas do Exército Guerrilleiro de Galicia. Integrou a IV agrupación da resistencia galega, A Pasionaria.

A finais de maio de 1947, unha bala de nove milímetros deixouno malferido cerca do río Bellele, a medio camiño entre Neda e Fene, durante un intercambio de disparos con axentes da Garda Civil. Trasladárono ao hospital de Mariña de Ferrol. Operárono e só dous días despois, comezaron a interrogarlle.

"Non importou que estivese moribundo. Primeiro foron os interrogatorios, de 12 e 14 horas ata que, esgotado, perdía o sentido. Despois as torturas", escribiu na súa cela, en decembro de 1947, horas antes da súa execución. Unhas flores sobre a súa tumba e un sonoro tributo musical a cargo de Mencer Vermello, RPG7 e Mossin Nagant recordaron onte a Segundo Vilaboy Martínez 63 anos logo da súa morte.

Publicado no xornal estatal "El Pais" o Domingo 29 de Agosto de 2010
_____________________________

2 comentarios

Ligaçom a vídeo da homenagem:
http://galizacontrainfo.blip.tv/file/4065535/

Recopilación con diversas crónicas sobre a homenaxe a Segundo Vilaboy:

http://homenaxeasegundovilaboy.blogspot.com/p/cronicas.html


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon