sábado, agosto 28, 2010

Presencia en Ferrol do "Climabus" -Bus didáctico contra o cambio climático: Do 27 ao 30 de Agosto

A MIRILLA
O bus ecoloxista chega á cidade

Por Alba Lago
28.08.2010

A Mirilla de hoxe ábrea un vehículo especial, que se pasea por practicamente todos os recunchos da Península, a pesar de estar xa xubilado e ser un bus urbano. Durante a súa vida laboral, transportaba aos cidadáns do municipio de Burgos e axudaba así ao medio ambiente, aforrando a circulación de moitos automóbiles particulares. Agora, segue colaborando co planeta e acolle a exposición itinerante Climabús: "Non cambies o clima, cambia ti", unha campaña posta en marcha no ano 2007 pola Fundación Osíxeno, co patrocinio do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino e a colaboración do Concello de Burgos, que doou o autobús. No seu cuarto ano, o proxecto percorre, desde o 18 deste mes e ata finais de setembro, Galicia, Asturias e Castela e León e onte chegou á cidade ferrolá, onde permanecerá co freo botado ata o vindeiro luns. Atópase detido na praza de Armas e pode ser visitado, de forma completamente gratuíta, en horario de 11.00 a 15.00 horas e de 17.00 a 21.00 durante o fin de semana e de 10.30 a 14.30 e 16.30 a 20.30 o luns. Pequenos xestos, grandes solucións. Os principais obxectivos desta iniciativa, que onte puido coñecer o concelleiro ferrolán de Medio Ambiente, Rafael Fernández Beceiro, consisten en concienciar á xente da existencia do problema do cambio climático e fomentar condutas que axuden a palialo. Para iso, o autobús conta con 15 paneis que se centran na análise de tres puntos: as causas, o impacto e as posibles solucións. Como explican o coordinador da campaña, Urs Lüders, e o monitor, Carles Ripoll, a maioría destas consisten en -pequenos xestos- que se poden introducir facilmente na vida diaria. Algunhas resultan bastante coñecidas, como optar pola bicicleta ou o transporte público para moverse dentro das cidades ou utilizar lámpadas de baixo consumo, mentres que outras se antollan rechamantes e pregoan o consumo preferente de produtos locais ou o uso do botijo. Tamén as hai extremadamente sinxelas, como deixar apagada a pantalla do computador nos breves intervalos de tempo nos que non se usa. E algunhas que supoñen maior esforzo pero que se revelan enormemente eficaces. Por exemplo, illar as vivendas do frío e a calor con la de ovella, placas de yeso e celulosa ou adobe. Ademais, estas receitas permiten aforrar diñeiro e sen que se produza unha diminución da calidade de vida. Porque do que hai que mentalizarse é de que intentar frear o cambio climático non implica renunciar nin á tecnoloxía nin ao benestar.

Publicado en Edición Comarcal dun xornal convencional

http://www.fundacionoxigeno.org


Información baseada na enviada por:
Antonio García Jiménez
angaji@yahoo.com
28 de agosto de 2010 11:06


Saúdos, presencia en Ferrol do "Climabus" (Bus didáctico contra o cambio climático) por se vos apetece. Reenvio informacion da presenza en Ferrol do Bus contra o cambio climatico que estara en Ferrol ata o proximo luns por se vos apetece asisitir/participar. Eu estiven e bastante interesante.
Unha aperta.
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon