As centrais sindicais de clase, van a utilizar todas as súas forzas para que esta Folga Xeral sexa um exito rotundo. Xogamo-nos moito. Magoa que non se conseguira a unidade sindical na convocatoria, pois entre outras cousas tería efeitos multiplicadores. Todos os sindicatos nunha soa mobilización. A unidade de clase é fundamental para facer variar a correlació de forzas, nun dos momentos históricos máis importantes dos últimos anos, onde están en perigo importantísimas conquistas e dereitos sociolaborais, e até o propio sindicalismo de clase. Ao marxe das importantes diferenzas entre as organizacións sindicais convocantes, e as tamén diferentes responsabilidades nas respectivas actuacións sindicais, agora hai mais, e importantes, motivos e razóns, para conxunturalmente, mobilizar-nos unidos baixo a bandeira vermella da solidariedade, e da unidade sindical e de clase para combater ao Capital e as políticas neoliberais do Goberno e da Xunta. Non hai escusas.
Mais o debate da unidade, xa se deu, e as responsabilidades quedaron manifestas, polo que agora o importante é que saia a Folga Xeral adiante. A Folga Xeral que facemos a Clase Traballadora, non as centrais sindicais. Ao menos os sindicatos comarcais da CIG, CCOO e UGT acordaron unir as forzas na organización dos "piquetes" para lograr unha maior eficacia na convocatoria. Non foi así na organización das manifestacións, pois a CIG convoca unha manifestación e CCOO e UGT outra. A CNT ten organizado unha concentración ás 2 da Tarde na Avenida de Esteiro, frente a súa sede social.
A Folga comezou a ser un éxito xa hai tempo, no momento no que se produce o debate nos centros de traballo e no seo da sociedade; no momento no que as ferramentas sindicais comezan a engraxar-se e mobilizar a unha clase traballadora, nunha grande parte, adormecida polos medios de comunicación con grandes ofertas de fútbol, reality-show e programas do corazón; no momento cando o poder non ten máis remedio que sacar toda a súa artillería mediática contra a mesma Folga e as centrais sindicais -porque saben que a Folga conciencia e mobiliza e que as organizacións das traballadoras e traballadores son ferramentas fundamentais para a defensa da Clase e as conquista de Dereitos e do Benestar Social; no momento no que se comeza a falar sobre os nosos problemas reais, sobre as medidas que recortan os nosos dereitos e conquistas e sobre todo sobre "as súas crise e as nosas solucións"; e no momento no que se comeza a convencer que un novo modelo social e económico, non só é posíbel, senón que tamén é necesario.
Hoxe á tarde a partires das 7, están convocadas asembleas de activistas sindicais, voluntariado obreiro, para preparar a Folga Xeral, para informar e levar a solidariedade obreira a compañeiras e compañeiros desinformad@s, as persoas que están no posto de traballo por medo ao despido, por coacción patronal, por intimidación, ... polos contrapiquetes coactivos ao servizo dos intereses patronais e gobernamentais. Entre as 10 e as 12 da noite comezaran as primeiras quendas e logo ás 5 da mañá Asemblea na Praza do Concello de Ferrol para compartir a información e repartir as tarefas.
Amplos sectores da cidadanía apoian a Folga Xeral. Xa se ven cartaces nos comercios, nos quioscos, nas panaderías, de "O Mércores 29S non abrimos pola Folga Xeral". Mesmo onte moitas persoas acudiron a unha Asemblea Cidadá, respondendo a chamada de varias organizacións sociais, culturais e veciñais da Comarca [Asociación Cultural Fuco Buxán, Asociación Cultural Lefre de Caldereta, Asociación Veciñal O Rosario - Inferniño, Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, Fundaçom Artábria e o noso Colectivo Ártabra 21], que tivo lugar, ás sete da tarde, diante do edificio da Xunta.
As Manifestacións
A manifestación de CCOO e UGT sairá ás doce do mediodía da praza do Inferniño para rematar na Praza do Concello e a manifestación da CIG sairá, media hora máis tarde, ás 12.30 horas da avenida de Esteiro para rematar no Cantón.
Contra a Reforma Laboral, contra as medidas anti-obreiras e anti-sociais !!
Adiante a Folga Xeral !!
Contra o Capital Unidade Sindical !!
Viva a Unidade da Classe Obreira !!
Un outro modelo económico e social é posíbel !!
artabra21@gmail.com
Colectivo Ártabra 21
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon