Anuncian, para este Luns 18 de Outubro de 2010, a entrada na Ría de Ferrol, do buque gaseiro “LNG Benue”, -de máis de 285 metros de eslora, cargado con miles de toneladas de GNL-LNG para a ilegal e perigosa Reganosa. Diante deste feito o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha nova acción de denuncia e protesta, consistente nunha Concentración Sonora ás 7 da Tarde, na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.
O “LNG Benue”, supera en capacidade [145.700 m³], á capacidade permitida aos grandes buques para a entrada na Ría [140.000 m³], segundo as "Normas de Seguridade para a entrada, atraque, desatraque e saída de grandes buques gaseiros na Ría de Ferrol", acordadas o 27 de Abril de 2007, pola Capitanía Marítima de Ferrol - Dirección Xeral de Mariña Mercante - Secretaría Xeral de Transporte [Normas ás que se pode acceder através da web da Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao].
O “LNG Benue”, fai o buque 76 desde que en Maio de 2007 entrara o "Galicia Spirit". Unha vez máis, a descarga dun novo buque gaseiro, no peirao de Punta Promontorio en Mugardos, vai aumentar exponencialmente o perigo que de por si xa representa a localización da Planta de Gas dentro da Ría, encostada ao complexo químico de "Forestal del Atlántico" e a poucos metros de importantes núcleos de poboación. A maniobra de entrada na Ría e a descarga perante 24 horas do buque gaseiro na terminal de Reganosa, aumenta o potencial perigo da planta de gas.
Os intereses económicos e políticos dunha minoría voltan a primar por acima da seguridade e a vida de miles de persoas que moramos na contorna da Ría de Ferrol. Non nos cansaremos de repetir unha e mil veces máis que tal despropósito ten que acabar, non podermos permitir que unha planta de gas, perigosa e innecesaria, froito da corrupción, da especulación, da codicia... permaneza funcionando a poucos metros de onde traballamos e vivimos miles de persoas, ... ademais de deteriorar ainda máis a xa depauperada Ría.
Que se revoque a autorización de funcionamento e o desmantelamento da planta regasificadora é o noso obxectivo, e non pararemos até consegui-lo.
Características do buque:
Nome: LNG BENUE- Bandeira:Bermuda - Eslora:285,40 m - Manga:43,40 m - Calado: 12,37 m - Capacidade: 145.700 m³
CONCENTRACIÓN: LUNS 18 DE OUTUBRO, ÁS 7 DA TARDE, NA PRAZA AMADA GARCÍA DE FERROL, DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALICIA
¡DIFUNDE E PARTICIPA!
- POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA !!
- CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !!
- PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
Información baseada na enviada polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
15 de outubro de 2010 23:49
______________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon