domingo, outubro 17, 2010

As organizacións ecoloxistas fan público o seu posicionamento histórico sobre as centrais térmicas que queiman carbón

Tags


Sen esquecer o particular factor humano do conflicto, demandando solucións económicas, sociais e laborais para todas as persoas que poideran ser afectadas, unha parte moi importante do ecoloxismo galego fixa as súas coerentes posicións diante dun conflicto tan manipulado como é o do asunto do carbón e as centrais térmicas.

Non temos a menor dúbida de que detrás da verdadeira problemática dunhas persoas que ven perigar o seu posto de traballo, traballadores e traballadoras, sexan autónomas ou asalariadas, esconden-se os intereses partidistas  do PP, PSOE e BNG que a lian, diante da importante repercusión mediática, para ver quen queda como o "verdadeiro defensor dos nosos" e rabuñar uns cantos votos, moi necesarios para decidir o controlo das deputacións provinciais e dalgunhas grandes cidades e vilas.

Hai outros intereses ainda máis ocultos, os das verdadeiras responsabeis, que son as operadoras eléctricas, empresas transnacionais [Enel - Endesa, Gas Natural Fenosa, ...], donas das centrais térmicas. Estas o único que buscan é o maior negocio, importa-lles un pemento os postos de traballo, o importante para elas son as contas de resultados ao final do exercicio económico. Estas son as que terían a obriga de dar solucións e garantir os postos de traballo, logo dos miles e miles de millóns de euros de beneficios que levan tirado da explotación mineira e da queima de carbón, tanto autóctono como de importación. Endesa deixa-nos unha herdanza envelenada, unha vila depauperada, o Río Eume sobrexplotado e moi deteriorado, un problemático lago artificial, a saúde das persoas, da terra e do medio ambiente moi mermada, dous portos carboeiros [un dentro da Ría e outro na bocana] que empobrecen a Ría de Ferrol, enormes cantidades de CO2, responsábel do quecemento global;  dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno, responsábeis da formación da “choiva ácida; particulas responsabeis das enfermidades respitatorias; ... emitidas ao ambiente ... 

A Xunta de Galicia e o PP ademais, coinciden no seu interese de "canta máis merda contra o goberno Zapatero mellor", porque o seu desembarco na Moncloa será máis doado. 

Demasiadas veces coinciden xa os intereses de certas posturas sindicais cos intereses das grandes operadoras eléctricas [?].

Desde a nosa opinión, unha postura política de esquerdas e a dunhas centrais sindicais que se autodenominen de clase, debería estar demandando o paso ao sector público de todo o sector da enerxía, tanto a producción como a distribución. Esta debería ser "decrecista" e apoiar en todo momento que as únicas enerxías defendíbeis son as enerxías renovábeis e a que non se consume. Polo que se debería camiñar dunha maneira gradual, mais o máis axiña posíbel, nese sentido. Demandar unha reconversión das persoas que dependan da actividade da térmica a outra actividade económica substentábel. Defender que a queima de carbón non ten cabida na Galiza do futuro.


As principais organizacións de defensa ambiental galegas, presentaron o manifesto “Dez razóns para pechar as térmicas de carbón”, no que se opoñen ao decreto estatal que favorece a queima de carbón español nas centrais térmicas, mais non porque prexudique as centrais galegas de Meirama e As Pontes -que usan só carbón importado desde 2008- senón porque o carbón é o combustible fósil máis contaminante. A substitución da electricidade sucia do carbón debería ser a prioridade número un da loita contra a mudanza climática e pola sustentabilidade.

DEZ RAZÓNS PARA PECHAR AS TÉRMICAS DE CARBÓN

As organizacións e persoas asinantes opómonos ao decreto estatal que favorece a queima de carbón español nas centrais térmicas, mais non porque prexudique as centrais de Meirama (GAS NATURAL FENOSA) e As Pontes (ENDESA), que usan só carbón importado desde 2008. Rexeitámolo porque o carbón é o combustible fósil máis contaminante, o primeiro que habería que substituír. Por iso, non queremos en ningún lugar centrais térmicas que xeren electricidade sucia a partir de carbón. En Galicia tampouco. Eis dez boas razóns para pechar canto antes as centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama:

1. Son enormes fábricas de cambio climático. Con moita diferenza, son as centrais eléctricas máis intensivas en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante da mudanza climática, o problema socioambiental global máis preocupante, do que Galicia tampouco se libra. Durante 2009 emitiron 0,9 toneladas de CO2 por MWh de electricidade xerado, dúas veces e media máis que as centrais de ciclo combinado. O uso exclusivo de carbón de importación a partir de 2008, logo do esgotamento das minas situadas ao seu pé, diminuiu as emisións directas un 13%, pero incrementou as indirectas debidas ao transporte do carbón.

2. Incrementan a débeda de carbono. Unha débeda ignorada e non recoñecida, que contraemos cos países empobrecidos polo noso exceso de emisións de CO2 e outros gases causantes da crise climática, que ameaza sobre todo aos países máis desfavorecidos. As emisións anuais por habitante de Galicia (10,6 toneladas en 2008) son insustentables e moi superiores ás emisións medias mundiais. Durante 2008, último ano para o que hai datos oficiais, case o 25 % das emisións galegas procederon da xeración de electricidade con carbón, que foi a maior fonte de todas.

3. A minería de carbón pode ser moi destrutiva. A extracción de lignito nas minas das Pontes e de Meirama ten provocado un impacto brutal. Agora estamos a externalizar esa destrución, trasladándoa a países como Indonesia, un dos estados do mundo máis ricos en diversidade biolóxica.

4. Elevan a pegada ecolóxica. Coma o resto dos países chamados desenvolvidos, Galicia consome recursos naturais e xera residuos moi por riba do que lle correspondería pola súa poboación, axudando a exceder a biocapacidade renovable do planeta. A iso contribúen de xeito moi destacado as emisións de CO2 das centrais térmicas de carbón, parte de cuxa produción expórtase ao resto da Península Ibérica, co cal estamos a “importar” emisións de CO2 e outros impactos asociados ao consumo eléctrico fóra de Galicia.

5. Deterioran a calidade do aire. A pesar da diminución das emisións atmosféricas como resultado do uso de carbón de importación menos contaminante, non debemos perder de vista que as centrais térmicas de carbón seguen sendo as principais fontes en Galicia para varios contaminantes diferentes do CO2 con efectos a escala local. Durante 2009 superáronse valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para concentracións no aire de dous dos principais contaminantes nas áreas de influencia destas centrais: ozono troposférico (As Pontes) e partículas (Meirama).

6. A descarga e o transporte do carbón degradan o ambiente. Minimizar a exposición da poboación ás molestias asociadas á descarga do carbón para as térmicas foi un dos principais motivos invocados para a construción dos impactantes e custosísimos portos exteriores de Ferrol e A Coruña (separados a penas 17 km). A descarga do carbón en porto, e o seu transporte até as centrais (en camións, no caso das Pontes) xera contaminación atmosférica e acústica. A pesar da construción da “Medusa” no porto da Coruña para minimizar o impacto no aire das descargas de carbón, no barrio próximo dos Castros superouse durante 2009 o valor medio anual de presenza de partículas no aire recomendado pola OMS.

7. Acentúan a dependencia enerxética externa. Galicia depende moitísimo da importación de materias primas enerxéticas (máis do 99% destas son combustibles fósiles: carbón, petróleo e gas natural). Esta dependencia enerxética externa acentouse aínda máis desde que as térmicas usan só carbón de importación, pasando do 77,3% da enerxía primaria en 2007 ao 86,2% en 2008.

8. Son moi ineficientes. As centrais térmicas de carbón, responsables dun 15% do consumo de enerxía primaria en 2008, presentan un rendemento de tan só o 37% na transformación da enerxía primaria do carbón en electricidade. É dicir, consomen en forma de carbón perto de tres veces máis enerxía da que obteñen en forma de electricidade. Substituír totalmente a electricidade do carbón por electricidade renovable, ou incluso pola procedente de ciclos combinados a gas natural (cun rendemento do 50%), suporía un importante aforro de enerxía primaria.

9. Son innecesarias para atender o consumo eléctrico galego. As mudanzas operadas no “mix eléctrico” galego durante os últimos anos (crecemento da eólica, ciclos combinados) fixo que durante 2009 a electricidade xerada polas térmicas de carbón (7.433 GWh) fose só un pouco superior á exportada a Portugal e ao resto do Estado español (6.760 GWh). Para satisfacer só o consumo eléctrico galego, hoxe estariamos en condicións de prescindir a curto prazo das térmicas de carbón.

10. É mellor un modelo enerxético sen carbón. Se non se parte de visións condicionadas por intereses particulares e a curto prazo, estamos convencidos de que a opción enerxética máis vantaxosa desde o punto de vista social e ambiental é decrecer o consumo de enerxía e expandir as renovables de xeito respectuoso co territorio, de forma que poidamos prescindir canto antes dos combustibles fósiles, comezando polo máis sucio, o carbón. Canto maior sexa a achega do carbón, máis sucia e máis ineficiente será a produción de electricidade.

Se aspiramos realmente a unha Galicia sustentable e solidaria, non se pode defender calquera actividade económica e o emprego polo emprego, independentemente das consecuencias socioambientais a escala galega e global, e a curto e a longo prazo. Por suposto, é necesario considerar os prexuízos sociais que conlevaría o peche definitivo das térmicas de carbón e encaralos eficazmente a través de medidas de protección social, de formación e de xeración de alternativas sustentables de emprego. Estamos certos de que unha transición -xusta para os traballadores e traballadoras e para as comarcas afectadas negativamente- cara a un modelo enerxético sustentable, baseado no aforro e nas renovables, suporía grandes beneficios para o conxunto da sociedade, tamén no eido do emprego. Os intereses de dúas multinacionais enerxéticas, ou uns centos de empregos, non deberían ser un impedimento para pechar as industrias galegas máis insustentables.

Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG) [1], Greenpeace, Rede Galiza non se Vende (GNSV) [2] Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Verdegaia.

[1] A FEG está formada por Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a Defensa da Natureza do Condado (ADENCO), Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Asemblea do Suído, Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), Coto do Frade, Guerrilleiros das Fragas, Grupo Naturalista Hábitat, Luita Verde, Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verbo Xido, Verdegaia e Xevale.

[2] A rede GNSV está integrada por A Cova da Terra, A Fouce de Ouro, Agrupaçom de Montanha “Águas Limpas”, Amarante-Setem, Amigos da Terra , Anduxía - Plataforma para a conservación e rexeneración do litoral de Bueu, Arredemo, Assembleia aberta do local social Baiuca Vermelha, Asemblea do Suído, Asociación Cultural e Veciñal O Tombo de Ardán (Marín), Asociación pola defensa do Parque Rosalía de Lugo, Asociación O Carballal, Asociación Sagres, Associaçom Cultural A Gentalha do Pichel, Bouzas Móvete, Burla Negra, Caleidoskopio, Colectivo de acçom global Fugaemrede, Colectivo Arraianos, Colectivo Ártabra 21, Colectivo Berra Val Miñor, Comisión Veciñal contra a Macrodepuradora do Lagares, Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Comité de Defensa das Rías Altas, Colectivo Nacionalista de Marín, Coordinadora de Crentes Galeg@s,C.S. A Revolta, C.S.A. Atreu, Drosera, Eirado, Erva, Federación Ecoloxista Galega, Foro Social de Cangas, Foro Social Temos Dereito a Saber “O Ribeiro”, Fundación Galicia Verde, Fundación Sen Esquencer, Fusquenlla, Grupo de Axitación Social (Vigo), Luita Verde, Maribolheras Precarias, O Fervedoiro, Ortigueira Sostible, Pallas@s en Rebeldía, Plataforma Cidadá “Cultura si, mausoleo non”, Plataforma Contra a Variante Interior de Noia, Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma pola Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas, Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo, Plataforma polo Desenvolvemento Socioeconómico de Chantada, Plataforma Veciñal de Mehá "O Cruceiro" (Mugardos), Rede de Dereitos Sociais, Redes Escarlata, Salvemos Monteferro, Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, Sociedade Cultural Madia Leva!, SOS Courel, SOS Serra da Groba, Unión Libertaria, Verdegaia e Verduxo.

Asinantes a título individual:

Xosé Manuel Beiras (catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Santiago), Lino Braxe (actor, director de teatro e escritor), Pedro Brufao (Profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Estremadura, activista de defensa dos ríos), Quico Cadaval (actor e director de teatro), Francisco Castro (escritor e profesor), Lupe Ces (militante feminista), Comba Compay (actriz e xornalista), Xoán Ramón Doldán (profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e ex-director do Instituto Enerxético de Galicia da Xunta), Eduardo Estévez (escritor), García Mc (membro do Colectivo Hip Hop Dios Ke Te Crew), Guillerme Ignacio (músico), Suso Lista (actor e guionista), Francisco Macías (director de Edicións Positivas), Pablo Meira (profesor do Departamento de Teoría da Educación e membro do grupo de investigación Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago), Olga Novo (poeta e ensaísta), Xacobe Meléndrez (fotógrafo), Víctor Mosqueira (actor), Marcos Helly Orsi (actor), Xabier Pontevedra (Profesor do Departamento de Edafoloxía da Universidade de Santiago), Manuel Rivas (escritor), Sechu Sende (escritor), Xavier Simón (profesor do Departamento de Economía Aplicada e membro do grupo de investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo), Paco Souto (poeta), Carlos Taibo (profesor do Departamento de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid), Ramón Varela (doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Autónoma de Madrid, autor do libro “Contaminación atmosférica na Galiza” e ex-presidente de ADEGA), María Xosé Vázquez (profesora do Departamento de Economía Aplicada e membro do grupo de investigación Economía dos Recursos Naturais e Ambientais da Universidade de Vigo).
________________________

A posición oficial de ADEGA

Decreto do carbón: freo e marcha atrás na loita contra o cambio climático

O decreto que subvenciona a queima de carbón estatal é unha fraude á cidadanía e ao ambiente que pagaremos todos/as. A recente convalidadión por parte da Comisión Europea do decreto español 134/2010 de axudas ao carbón, que vai primar a queima de carbón estatal fronte ao importado e os ciclos combinados, é a confirmación do retroceso xeralizado das políticas activas de loita contra o cambio climático. A substitución da electricidade suxa do carbón, independentemente da procedencia deste, debería ser unha prioridade na loita contra o cambio climático. A normativa aprobada polo goberno español e refrendada pola CE non é máis que un subsidio encoberto ás térmicas máis contaminantes que contradí a estratexia “Europa 2020” e non garante o futuro dos traballadores do sector alén do 31 de decembro de 2014.

A fundamentación do goberno estatal para xustificar o trasvase de fondos públicos ás térmicas tampouco se sostén: garantir o subministro para evitar restricións enerxéticas é unha falsidade, xa que a medida só afecta au 9% da produción de electricidade da que o estado español é exportador neto! A realidade é que esta subvención encoberta, que favorece a unhas 10 térmicas de carbón garantindolles prioridade de acceso ao sistema e un prezo estábel e superior ao do mercado, só resposta a intereses políticos para evitar a conflitividade social nun sector chamado á reconversión urxente.

A decisión da CE sobre o decreto español do carbón bota tamén por terra a credibilidade e os compromisos ambientais da UE e de España, xa ben pouco críbeis. A contaminación e as emisións de CO2, óxidos de xofre e nitróxeno veranse incrementadas; os investimentos en eficiencia e enerxías renovabeis diminuirán, aumentando o paro nun sector emerxente, e a cidadanía acabará pagando por duplicado este agasallo do estado ás térmicas: primeiro mediante as subvencións directas e logo pola “recuperación” destas através da factura da luz, incluidas as compensacións ás eléctricas "perxudicadas".

ADEGA propón que cos cartos públicos entregados ás térmicas polo estado en época de crise e co aforro en mercar máis dereitos de emisión de CO2, deberiase afrontar a reconversión dun sector enerxético, o da minaría e as térmicas de carbón, insustentábel e obsoleto, apostando pola alternatividade, o aforro, a suficiencia e a eficiencia enerxética.

14.10.2010

Fonte: adega.info
_______________________

Posición da Delegación de Ferrol da SGHN

As compañeiras e compañeiros da Delegación de Ferrol da SGHN solicitan que fagamos pública a súa posición de descolgue co comunicado do movimento ecoloxista que a nivel nacional si asina a súa organización. De todos os xeitos desde Ártabra 21, nom podemos deixar de opinar sobre esta desvinculación, que ademais de acusar inxustamente ás organizacións asinates das "dez razóns" de apoiar o decreto do carbón, renega das súas obrigas como organización ecoloxista ou ambientalista, que debe en todo momento xunto ao resto do movimento ecoloxista pór en primeiro lugar, os obxectivos de sustentabilidade, só deste xeito poden ser úteis á sociedade á que pertencen, botando un pouco de luz, e facendo de contrapunto, onde as multinacionais, a ambición e o crecimento destrutor fan unha utilización interesada de dereitos humanos básicos, como é o direito ao traballo que eles mesmos vulneran todos os días co seu sistema económico e social.   

Desvinculación manifesto peche térmicas

A delegación de Ferrol da SGHN se desvincula do manifesto para pechar as térmicas de carbón.

1. É verdade que as centrais térmicas son causantes dunha grande contaminación atmosférica. Galiza ten potencial para cubrir as súas necesidades enerxéticas con enerxías sustentábeis


2. O paso de enerxías contaminantes a limpas debe ser gradual tendo primeiro que garantir alternativa laboral da toda xente ligada de algunha maneira a estas industrias e non ao revés.


3. A presentación nestes momentos deste manifesto é un apoio explícito ao decreto do carbón. Cando ademais con este decreto vaise apoiar a extracción de carbón mais contaminante (subvencionado por todos nos no recibo da luz), que se queimará en centrais menos eficientes.

Non queremos térmicas, queremos un pais limpo, respectuoso co medio ambiente e onde teñamos futuro nos e os nosos fillos, pero para ter futuro hai que traballar para poder comer e comer para poder vivir, os seres humanos tamén somos medio ambiente.

Delegación de Ferrol da SHGN
FERROL 15 de outubro de 2010
ferrol@sghn.org
_______________

Documentación:

O Chamado "Decreto do Carbón" modificado despois do visto bon da Comisión Europea.

Real Decreto 1221/2010, de 1 de outubro, polo que se modifica o Real Decreto 134/2010, de 12 de febreiro, polo que se establece o procedimento de resolución de restricións por garantía de subministración e modifica-se o Real Decreto 2019/1997, de 26 de decembro, polo que se organiza e regula o mercado de produción de enerxía eléctrica. BOE 239 do 2 de Outubro de 2010

En formato pdf:

http://www.boe.es/boe/dias/2010/10/02/pdfs/BOE-A-2010-15121.pdf

En formato web con análise xurídica:

http://www.boe.es/aeboe/consultas/bases_datos/doc.php?id=BOE-A-2010-15121

Información desde "La Moncloa":

O Goberno acelera a tramitación para a pronta posta en marcha do Real Decreto que prioriza o uso de carbón autóctono

Cerna nº 61 Revista de Ecoloxía e Medio Ambiente publicada por ADEGA:

  • Pode-se acceder a un artigo que é o resumo dun informe completo sobre "GRANDES CONTAMINANTES INDUSTRIAIS EN GALIZA", segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, ou PRTR-España, que dende o ano 2008, veu a substituír ao anterior rexistro estatal iniciado no ano 2001 coñecido como EPER-España - Cómpre indicar que o PRTR atopa-se en constante evolución, e para este informe a súa consulta finalizou o 22 de Marzo de 2010.
  • Ficheiro en formato -pdf- o Artigo está entre a páxina 18 e a 21.
  • O Artigo é de Ramón Varela Díaz que foi presidente da Asociación Ecoloxista ADEGA.
http://adega.info/info/090121joomla/files/revista%20CERNA/CERNA_61.pdf
___________________________

2 comentarios

Tanto con Reganosa como agora con Endesa o papel que Cesio fai xogar á Delegación da SGHN en Ferrol de dictado ós postulados da UPG é noxento

Uno de los pasos básicos para "salvar el planeta" con el asunto del cambio climático, es dar un fuerte impulso a las energias renovables e ir cerrando las térmicas,nucleares,etc.etc
Potenciar la energia eolica, solar, geotermica, hidraulica, de mareas,etc,etc
Un saludo
Antonio GJ


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon